Cleptocracia e corrupción

O recente escándalo Montoro estropeoulle ao PP o Congreso de coroación de Feijóo como futuro presidente de goberno. Logo de conter a Ayuso cunha liña política netamente trumpista e de situar o seu home de confianza, Miguel Tellado, á fronte do partido, o xuíz de instrucción número 2 de Tarragona, Rubén Rus, seguindo estritamente o labor e tempo xudicial, irrompeu coa noticia da imputación da cúpula ministerial de Facenda. Mentres o xuíz Peinado recibía un rotundo mentís pola súa malintencionada actuación no caso de Begoña Gómez, Ruben Rus, un «xuíz de provincias», culminaba un labor de 9 anos baixo segredo do sumario.

O asunto cachou por sorpresa a un PP que xa pensaba que tiña a Sánchez contra as cordas. A  estratexia de liña dura estaba baseada nunha constante hipérbole sobre a corrupción do sanchismo: no concreto, Ábalos, Cerdán e Koldo; no inconcreto, a contorna familiar do presidente. Todo isto colapsou perante a aparición dun escándalo moito maior do PP. Eis o problema da lentitude da xustiza cando non se fai en Madrid, senón nun xulgado «periférico», catalán, para máis inri no PP.

A diferenza entre os escándalos, por máis que os medios non insistan nisto e miren de igualalos en connivencia co PP, é ben substantiva. E, por certo, sempre o foi. Desde 1978 cando menos, que foi o momento en que o establishment político tiña que transicionar e abandonar a cleptocracia franquista a prol dun moderno réxime liberal. Trátase, de feito, de dous fenómenos semellantes, mais non son a mesma cousa, xa que nun caso estamos ante unha operación de abuso de poder e chanchullada dentro do réxime e no outro diante da natureza mesma do réxime. En definitiva, corrupción e cleptocracia.

A diferenza entre Montoro e Ábalos dá boa conta disto. Mentres o ministro socialista deixa en evidencia un tipo de subcultura corrupta, caracterizada polo comisionista puteiro que confía a trama a un «asesor» porteiro de discoteca e a un fontaneiro de partido, o ministro popular descóbrenos como funciona un sofisticado tinglado lexislativo, integrado por altos cadros técnicos ministeriais, portas xiratorias e inmensos beneficios. Non, non son a mesma cousa. Por máis que as dúas sexan reprobábeis, unha é corrupción e a outra cleptocracia.

Distingamos. A corrupción é un feito sistémico que as democracias lograron reducir en grande medida. Dificilmente se pode concebir un réxime sen corrupción, mesmo se no caso español tamén é certo que non hai unha lexislación particularmente esixente en comparación con outros casos. O caso español sitúase ben lonxe das pequenas democracias europeas e moito máis preto da Italia de Tangentopoli, aquel escándalo que a principios dos noventa descubrira una extensa rede de corrupción. Parece claro que a democracia española, ao longo dos seus case cincuenta anos de existencia, está localizada no marco dunha cultura de corrupción xeralizada. Mais ata que punto afecta ao réxime?

O certo é que o caso Montoro aumenta de escala e, con ser unha democracia, pon de manifesto como a España posfranquista se despracou cara a unha cleptocracia xa antes do 15-M. Enténdase que por cleptocracia falamos dun réxime no que prima o interese polo enriquecemento propio á custa dos bens públicos. Os réximes poden derivar nun senso ou outro segundo os gobernos. Mais a continuidade das elites nos mesmos cargos por riba do partidismo (o PSOE tivo que destituír a cargos que seguían en Facenda) caracterizaría o réxime e a ausencia dunha lexislación na contra (ridícula ante casos coma este) delatan xa a natureza do réxime.

Así ocorre no caso Montoro. Cando o PP perdeu as eleccións en 2004, Montoro levou catro altos funcionarios ao seu despacho nun evidente exercicio de portas xiratorias. En 2011, logo de mudar o nome polo de «Equipo Económico», incorporou nove socios no Ministerio de Facenda (novamente as portas xiratorias). Isto último xa de ministro e con Rajoy presidente. Hoxe sabemos que unha investigación de 17 tomos imputa a 28 altos cargos nunha enorme trama organizada desde o máis alto da Axencia Tributaria. Aínda por riba, non só se trataba de mordidas, senón de toda unha operación de Estado altamente sofisticada que lexislaba a prol das empresas que pagaban comisións.

En definitiva, a crítica da cleptocracia segue estando ben viva e demanda un esforzo lexislativo activo. Coa moción de censura que levou a Sánchez ao poder, España apartouse do réxime, mais está aínda por ver que lexisle na súa contra e que, se o PP chega ao goberno, sexa quen de non recuperar os vellos cadros. Ao cabo, unha cousa é mudar de goberno conservando as regras de xogo e outra acabar co xogo. Esperemos que isto último sexa parte esencial do labor lexislativo nos vindeiros anos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail