Unión ou clarificación?

Precisan as forzas da esquerda nacionalista da súa unión? Pode ser conveniente. É a unión o seu principal problema? Non parece.

As chamadas a reconsiderar o asunto reiteran intentos e dúbidas formuladas con ocasións dos procesos electorais recentes e dalgunha maneira son animadas como consecuencia da reestruturación que se ten producido nun dos sectores desgaxados do que se ten por sector maioritario daquela esquerda. A proximidade da confrontación electoral autonómica aconsella aos promotores do debate reclamar a conveniencia de unir o que por outra parte ten a súa orixe en recente ruptura.

Resultados electorais a un lado, a ruptura no campo nacionalista non permitiu poñer en pé dous auténticos e diferenciados discursos políticos, ou alomenos esa ten sido a miña impresión e vivencia. Se isto foi certo nun principio, os acontecementos políticos xerados polo proceso soberanista en Cataluña acabou por xerar máis igualdade política entre as distintas forzas da reputada como esquerda nacionalista e botou por terra a posibilidade de diferenciación entre elas.

Seguramente, a lixeira melloría constatada nos resultados electorais do sector «maioritario» da esquerda nacionalista e a tendenza á baixa dos pares, unido a esa non diferenciación política que se viña observando nas confrontacións políticas de calado, ten animado a procurar xuntar de novo as partes desgaxadas dun tronco común no que non cabe apreciar modificacións da máis mínima relevancia, sexa no análise da realidade do país, sexa respecto do contexto político estatal e menos que nada do seu entramado xurídico institucional.

Así as cousas, sen excluír que a eliminación de opcións políticas nos procesos electorais tería un certo efecto beneficioso á hora da colleita de escanos, realmente o problema segue a ser máis ou menos o de sempre ou, se se prefire, o que xa caracteriza a historia política desas forzas da esquerda nacionalista no últimos corenta anos, a incapacidade de construír un discurso político que teña a mínima garantía de recibir o apoio maioritario da cidadanía do país.

Corren ventos venturosos para garantir que, de seguir as cousas como ata o de agora, as forzas políticas nacionalistas teñan cuasi asegurado un papel de suxeito político minoritario que pode resultar cualificado, en tanto outras forzas consigan manter os seus resultados, ata hai ben pouco impensables e así, quizás, poder volver a ter unha nova oportunidade na xestión da nave autonómica. De ter por certo tal posibilidade parecería xustificado e ben urxente poñer en pé un programa que delineara que facer, para non chegue o día, se finalmente chega, e estea todo por pensar.

 

 

 

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail