Mercenarios de Wagner e meniños soldado

Yevgueni Prigozhin, o líder do exército privado Wagner, desistiu de chegar coas tropas a Moscova e derrubar o réxime de Putin, para centrarse nas súas actividades en África. Hai dous anos, o noso colaborador Rui Araújo describiu en Luzes esas «actividades», dentro da guerra civil que desangra a República Centroafricana.

Os grupos rebeldes e mailos estranxeiros que operan no corazón do continente africano seguen a recrutar cativos para combater na República Centroafricana. Nesta parte do mundo, fronteiriza co Chad, Camerún, o Congo e Sudán, as vidas dos máis pequenos valen o que a súa capacidade de supervivencia na máis atroz das situacións imaxinables. Son as vítimas inocentes dunha loita encarnizada polos recursos naturais do país, entre eles diamantes, ouro ou petróleo, con Rusia exercendo de mercenaria. Estas son algunhas das historias, e imaxes crúas, deses menores abandonados pola humanidade.

A quietude é perfectamente enganosa. O país está a ferro e lume fai oito longos anos. Catorce grupos armados controlan o 80 por cento do territorio onde o Estado está ausente. Os mercenarios estranxeiros, incluíndo rusos, matan indiscriminadamente a eito e pillan e esnaquizan o que poden. A impunidade é total…

Diante de min, do outro lado das mangueiras frondosas, no campo de terra ocre, os nenos descalzos corren desenfreadamente no medio dos asubíos dun árbitro branco sen fachenda.

Bakita Ousma asiste á partida con deleite. A rapaza non é unha espectadora calquera. Encontrou, aquí, na asociación Esperanza a salvación ou o sosego. E alguén que coide dela (co apoio, especialmente, das Nacións Unidas). Ten doce anos. É orfa. Aos oito entrou no grupo de guerrilleiros numericamente máis importante do país.

—A miña nai e o meu pai morreron cando os cristiáns atacaron a aldea e é por iso polo que eu fun para o grupo armado FPRC (Front Populaire pour la Renaissance de la Centrafrique).

O desafogo é claro e sincero. Tiña oito anos ben contados. Un ano despois escapou, mais a súa perseveranza nin por asomo esmoreceu. A guerrilla foi para ela o lenitivo ou o remedio para encarar a morte dos pais, matar a fame e quizais a soidade. Mesmo se tivese nacido noutro lugar a súa postura sería exactamente igual. A dozura da voz de Bakita é falsa. É unha resistente?

—E como era a vida alí? –indago por indagar.

—Estaba no mato.

—E que máis?

—Xa non tiña familia…

Bakita olla maquinalmente para os xogadores máis ruidosos. Queira ou non queira –como diría Torga–, vive dúas vidas. Unha que se ve, e outra que non se ve. Como todos nós, de feito.

—Tes un soño? Cal é?

A meniña, allea á miña conversa, limítase a sorrir. Insisto.

—Cal é?

—Quero ser comerciante. Quero facer negocios… – responde con convicción ao cabo dunha eternidade.

Segundo unha estimación de UNICEF, datada en setembro de 2015, os movementos rebeldes da República Centroafricana recrutaron 10.000 nenos.

A única certeza é que os 14 principais grupos rebeldes –musulmáns e cristiáns– contan nas súas fileiras con moitos meniños combatentes. O seu número exacto é, hoxe, unha incógnita.

Neno soldado. Entre Bambari e o cuartel xeneral da guerrilla en Bokolobo.
FOTO RUI ARAUJO

Seguinte encontro: Koyo Haroune, futuro gran fotógrafo. Ten 15 anos cumpridos. Foi para a guerra aos nove anos. Pasou cinco cos rebeldes da FPRC.

—Os rebeldes, que se chaman anti-Balaka, mataron o meu irmán máis vello.

—Os cristiáns…

—Si.

—E el tiña 36 anos…

—36 anos.

—E ti fuches para a FPRC para facer o que?

—Os anti-Balaka mataron o meu irmán máis vello. Foi por iso que fun para o grupo armado. Quería vingalo!

—E fuches de soldado con 9 anos de idade…

—Con 9 anos de idade.

—E que facías alí?

—No grupo armado? Eu só mataba persoas. Ía para o terreo…

—E viches moita xente morrer?

Koyo debe ter sentido calquera cousa fenderlle o peito e desata a rir, avergoñado, tapando a boca coa man.

—Si. Matei moita xente.

—Moita?

—Moita. –respóndeme.

—E moitas… son canto?

—Eu non conto. Eu non conto.

—E matar. Que é? –pregunto, teimudo.

—Matar? Eu mato coas armas.

—AK-47… Kalashnikov?

—Kalashnikov. E con foguetes RPG…

—Que sentiches a primeira vez?

—Non sentín nada.

—Nin despois?

—Nada.

—E vingácheste?

—Si, é verdade. Vingueime.

—Cal é a principal lección deses anos co grupo armado?

—Perdoei todo.

—E a guerra? Que pensas da guerra hoxe?

—Hoxe, penso que a guerra non é boa. A guerra non é boa… Na guerra pérdense moitas vidas. É por causa diso que me fun.

—E… E para o teu irmán?

—Para o meu irmán… El está morto. Os anti-Balaka matárono. Os fillos del ficaron sós. Os fillos, agora andan na rúa a Deus dar. Cústame ver iso. Andan aí polos camiños. Son meniños de rúa…

—Ouvín dicir que tes un soño bonito… –aventuro sen pensalo.

—O que me gustaría facer na vida?

Reparo na alegría a arder nos seus ollos inquedos. Hai utopías que se realizan.

—Non sei… Fotógrafo. Traballei unha vez como fotógrafo nun estudo de fotografía.

—A fotografía tamén é memoria…

—É a memoria!

—E a memoria non é un problema?

—Non é un problema para min…

Dito e feito. Koyo ten carradas de razón. Eles están destinados a desafiar o pasado para poderen vencelo e conciliárense coa vida, mais non é fácil…

O insólito árbitro de asubío nos beizos acirra os rapaces. Mahamat Damine senta diante de min, aflixido. Foi soldado durante cinco anos. Tiña 11 cando se botou á guerra. Foi polas mellores razóns, non vaia ser…

—Os cristiáns masacraron a miña familia. Os meus pais! Vía moitos anciáns sufrir. É o motivo polo que fun para o grupo armado FPRC. Quería salvar as persoas que estaban a sufrir…

—Que é a guerra para ti?

O adolescente coza a cabeza aínda que coñeza a resposta.

—A guerra? Xogamos moitas veces á guerra, mais a guerra non é boa. Vin moitos homes morrer. Mulleres. Nenos… A guerra non é boa.

—Mataches tamén?

—Si, tamén matei.

—Sabes cantos?

—Si, sei.

—Cantos?

—O máximo foron 11.

—E despois?

O rapaz dubida, pensa, torna a pensar e desata a rir.

—Despois, nada. Eu quería deixar aquilo. Agora, xa non creo que puidese facelo. Eu só quería pasar da guerra. A guerra non é boa. Quería abandonar o grupo armado.

—E había moitas persoas menores nese grupo?

—Si. Había moitas no grupo.

—A partir de que idade?

—Hai homes… hai uns a partir dos 11, 12, 13, 14 anos, e mesmo 15 anos tamén. Hai nenos pequenos…

—Aínda hoxe?

—Si. Aínda os hai hoxe.

—Cal é a cousa máis bonita agora na túa vida?

—Pois… A cousa máis bonita na miña vida? Penso que xogar ao fútbol é unha boa solución para a miña vida.

—E unha noiva?

—Ningunha. Non teño… É a vida. Non é mentira!

A día de hoxe, a reinserción e a adaptación psicosocial de moitos nenos soldados pasa pola escola, o deporte, a música e a reconstrución dos afectos e quizais das quimeras da infancia.

O porteiro refuce as mangas e colócase. Ten un ar sombrío, claro está. O xogo está disputado. E estes rapaces están habituados a loitar. Todos eles pasaron polos grupos armados. Uns, foron recrutados. Os

outros, raptados. Tiñan oito, nove ou doce anos de idade. Eran combatentes, informadores, mensaxeiros, cociñeiros ou vixilantes. Moitas nenas foron violadas e eran escravas sexuais.

Bria, capital de Haute-Kotto, unha das 14 prefeturas da República Centroafricana –algo máis de 35.000 habitantes–, continúa a ser un dos bastións da FPRC, que controla o centro da urbe. Os musulmáns da UPC (L’Unité pour la Paix en Centrafrique), do RPRC (Le Rassemblement Patriotique pour le Renouveau de la Centrafrique) e os cristiáns anti-Balaka (AB) mandan no resto. O campo PK 3, con máis de 90.000 desprazados, é dos cristiáns. Mesmo os lugares onde a vida é unha porcallada teñen dereito a nome…

No bico dos pés, calado, avanzo cara á porta. O insólito comité de recepción está composto por dous rapaces de rifle automático 7,62 pendurado no ombro. Son os gardacostas do xeneral Alí Ousta, xefe de Estado Maior da FPRC. Explico ao que vou. Penetro nun cuarto discreto cismando nas preguntas incómodas que pretendo facer.

Mercenarios rusos en Bria. Foto DR.

—No Norte non hai estradas. Non hai escolas. Non hai hospitais. Non hai electricidade. O goberno esqueceuse do Norte desde a independencia…

O xefe rebelde podía xactarse, mais non o fai. Haillo que recoñecer. É verdade o que me di.

—Mais hai personalidades e países que están detrás de todo isto. Fan que as persoas anden a matarse unhas ás outras…

—Son os recursos os que constitúen, hoxe, a principal causa do conflito? –pregunto.

—O que penso é que as persoas mandadas para acá para nos protexer andan a roubar as riquezas do país… [O subsolo centroafricano contén diamantes, uranio e ouro. O petróleo e maila enerxía hidroeléctrica son outros recursos importantes].

—E os rusos, que están a apoiar o réxime?

—Non hai un só ruso que entrase nesta sala. Foi o goberno quen os trouxo. É co goberno con quen eles falaron…

—Os grupos armados están asociados ao crime, á extorsión, aos raptos, roubos, violacións. Fálase de cousas verdadeiramente terribles… É todo mentira?

—Señor xornalista, todo iso son mentiras. Quen di iso son as persoas ás que non lles gustan os grupos armados e fan informes falsos.

É mentira. Con quen me fun meter? Tenteei o xeneral cunha pregunta máis.

—A FPRC ten nenos soldados?

—Liberamos todos os que tiñamos. Xa non hai ningún máis!

Non quixen saber. Funme.

19 de abril de 2021.

A mensaxe de Hassan, un mozo peul [os peuls, tamén chamados fulanis, fulas, fulbes, son un pobo nómade de orixe descoñecida que vive en África occidental. Falan fulfulde (pular) e estiveron entre os primeiros grupos africanos que abrazaron o islam] que coñecín no mato hai uns anos, é terminante: «Os rusos chegaron ao PK7 [quilómetro 7 antes da cidade) de Bria. Pensamos que van entrar esta noite. Estamos cheos de medo. Moitos queren fuxir para o mato e levar as familias con eles».

De feito, segundo un informe militar da MINUSCA (ONU) ao que LUZES tivo acceso, «12 vehículos, incluíndo seis blindados rusos», procedentes de Ippy entraron ese día en Bria. «O tren ocupa dúas posicións: Base Mine no centro de Bria e Base Garage na periferia de Bornou (eixe PK3–Ouadda)».

A avaliación U2 (elaborada pola Célula de Informacións do Cuartel-Xeral da MINUSCA) en Bria é a seguinte: a misión dos rusos e das Forzas Armadas da República Centroafricana (FACA) é «un recoñecemento ofensivo aos eixes Bria-Ippy e Bria-Yalinga» onde os rebeldes musulmáns da UPC e da FPRC «están particularmente activos».

«Bria é unha cidade estratéxica para a CPC» (La Coalition des Patriotes pour le Changement, unha alianza de seis grupos armados que controlan os dous terzos do país), cuxo obxectivo confeso é derrubar o presidente Touadéra. As operacións de Cerco e Busca (Cordon & Search) por parte das forzas bilaterais sucédense nos días seguintes.

O 2 de Maio, Hassan envíame outra mensaxe sobre os mercenarios rusos: «En Zako, pediron ao señor presidente da Cámara permiso para anotar as persoas con idades entre os 25 e os 45 anos. Danlles 500 francos [500 francos CFA corresponden a 0,76€] e unha lata de sardiñas por día para lavar os pedrullos. Os que andaban á procura dos diamantes fuxiron…

Urxente! Urxente! Os mercenarios rusos tamén mataron, onte, en Kaga-Bandoro o influente comerciante árabe Mahamat Zène Abrass, máis coñecido por 11-11. O corpo foi descuberto hoxe. Raptárono no mercado. Despois levárono para a base dos rusos. Foi salvaxemente torturado e despois cortado en anacos antes de ser decapitado e queimado. Unha morte atroz e abominable. O pobo descubriu ao lado de 11-11 outro corpo sen vida. A cidade de Kaga-Bandoro está a transformarse nunha cidade pantasma. Os mercenarios rusos están a tornar a RCA noutra Ucraína…».

Restos do comerciante Mahaa Abrass. Foto DR.

A Federación Rusa aumentou as operacións coas firmas tecnicamente ilegais de mercenarios (ChVK’s) a partir de 2014. As principais son a MSGroup, a RSB, a MAP, a Centre R, a ATK Group, a Slav Corps, a ENOT, a Cossacks e a PMC Wagner que está presente, especialmente, nos teatros de operacións da Ucraína, Siria e a República Centroafricana. A «exportación» de mercenarios (ex especialistas das Forzas Especiais e do servizo de intelixencia militar GRU) permite a Rusia crear condicións favorábeis para os negocios de armamento e a explotación dos recursos naturais.

O grupo de mercenarios máis preeminente é o da firma Wagner [fundada en 2013 por Yevgueni Prigozhin e por Dimitri Utkine, un neonazi que tiña o cargo de tenente coronel no GRU]. Especialidades: fomentar a explotación ou o saqueo dos recursos naturais, facer propaganda das teses de Putin, divulgar fake news, desinformar as opinións públicas, raptar e matar con total impunidade… Os contratistas da Wagner están acusados de «matar nenos, violar e torturar mulleres como animais, e de executar homes nas mesquitas».

A dimisión das conciencias chegou a Nova York e a Bangui [a capital do país]. A ONU non deu chío. Hai mesmo quen cuestiona o peculiar «pacto de silencio» feito entre a MINUSCA e os mercenarios rusos. De feito, a pesar de que o informe (de expertos con mandato da ONU!) presentado a finais de marzo pasado, acusaba os operarios da Wagner e os propios soldados centroafricanos de «graves violacións dos dereitos humanos», a ONU, sabendo todo isto, non tomou medida ningunha…

De acordo co Instituto Francés de Relacións Internacionais, «a única investigación realizada até o de agora pola MINUSCA sobre as violencias cometidas polos rusos refírese a un centroafricano que foi torturado en Bambari en 2019».

(No inicio dese ano, aínda segundo o IFRI, «a operación militar contra a CPC provocaría numerosas vítimas civís, nomeadamente nunha das mesquitas da segunda cidade do país, Bambari, en febreiro dese ano, mais a MINUSCA optou polo silencio». O imán Hamat Hamadi, da mesquita Central, é un home moderado, intelixente e dabondo informado. Coñecémonos persoalmente hai dous anos. Pídolle que me conte.

—Foi o 15 de Febreiro ás 13 horas no exterior da mesquita Al Takwa, no barrio Carrefour, aquí en Bambari. Unha columna de homes da Seleka (grupos armados musulmáns), dirixida polo xeneral Amadou Boungou da UPC apareceu diante dos rusos e dos soldados das FACA.

Perante o ímpeto do ataque destas forzas, os rebeldes recuaron e penetraron na mesquita. Había nesa altura moitos fieis no interior.

Cando os grupos armados fuxiron, algunhas persoas tentaron escapar, e os rusos e as FACA apareceron. Pensaron que eran rebeldes e dispararon na súa dirección.

Confirmo a morte de tres civís na mesquita. O balance é de 18 mortos, sobre todo rebeldes. Unha muller morreu. Levou unha bala perdida. A vítima máis nova tiña 20 anos… Escoito o relixioso. A desgraza non ten nome. Toda a xente, ou case toda, é culpada…

—Combater nas zonas habitadas é o modus operandi dos homes armados. É unha maneira de transformar civís en escudos humanos…

Adiante. O relato da prensa local non deixa marxe para dúbidas: «Os mercenarios non querían saber quen era rebelde e quen era civil: eles querían era matar, declarou unha testemuña ocular. Os mercenarios executaron tres mozos no interior da mesquita e outros 15 foron abatidos no decorrer do ataque, incluíndo nenos e vellos». Amnistía Internacional denunciou os crimes, mais a MINUSCA fixo oídos xordos…

Os xornalistas rusos Orhan Djemal, Alexandre Rastorguev e Kirill Radchenko, que estaban a facer un documental sobre as actividades do grupo Wagner na RCA, foron misteriosamente asasinados preto de Sibut en 2018. Serían eliminados polos mercenarios ou polos seus capos locais. A investigación da MINUSCA está, aparentemente, inconclusa…

Corpos dos xornalistas rusos asasinados cando facían unha reportaxe sobre o grupo Wagner. Foto DR.

A dimisión das conciencias é real. En Nova York, o Consello de Seguranza da ONU modificou o mandato da MINUSCA. O parágrafo sobre a «explotación ilícita e o tráfico de recursos naturais» da resolución votada en 2017, desapareceu da adoptada o 13 de decembro de 2018. É a luz verde para a rapina organizada do país. De aquí en diante, a MINUSCA deixou de ter lexitimidade ou competencia para atacar as redes de traficantes e impedir o saqueo a grande escala dos diamantes, ouro, uranio e de todos os outros recursos naturais do país…

Polo menos 2.500.000 habitantes (máis de metade da poboación da RCA) continúan a precisar axuda humanitaria. 100.000 civís refuxiáronse desde o último proceso electoral no interior e na capital, mentres que máis de 60.000 procuraron abrigo en países veciños.

O réxime de Moscova ofrece armas e municións (desde 2018), adestra e apoia as operacións das Forzas Armadas (FACA), propón medidas políticas, garante a protección do presidente Touadéra, e desenvolve tarefas supostamente humanitarias (con trens de camións blindados provenientes do Sudán que ninguén controla, ou con hospitais como o de Bria, sen médicos nin enfermeiros).

A influencia da Federación Rusa non para de aumentar na RCA desde 2017. Faino á medida dos crimes dos 1.700 mercenarios da Wagner (oficialmente hai só 535 no país. Unha parte deles garante a seguranza do presidente Touadéra), a socia privada do goberno de Bangui, que estarían finalmente a ser investigados pola MINUSCA.

Francia, antiga potencia colonial, non consegue trabar o adianto de Rusia. O último episodio de rivalidade entre os dous países ocorreu o pasado 10 de maio deste ano cando a unidade especial da Policía centroafricana (OCRB) detivo en Bangui o exparacaidista francés Juan Rémy Quignolot, 55 anos, por posesión de armas de guerra. O ruso Valery Zakharov, exaxente do FSB e actual conselleiro nacional de Seguranza do presidente Touadéra, deu a noticia nun chío de Twitter: «Un cidadán estranxeiro foi detido en Bangui cunha enorme cantidade de armas e municións».

O francés Juan Rémy Quignolot, detido por posesión de armas de guerra. Francia denunciou a instrumentalización desta detención. (Foto captura de pantalla).

Quignolot foi presentado na RCA como un bandido ou un mercenario. Mentres, o Goberno de París denunciou a «manifesta instrumentalización desta detención» nunha terra que xa foi a súa «reserva privada»… Nas redes sociais circularon algunhas imaxes do exmilitar co xeneral Alí Darassa, responsábel da UPC. Tentei falar con el, tras telo entrevistado en anos distintos no cuartel-xeral da UPC ( Bokolobo), mais o líder rebelde encóntrase no mato. As miñas preguntas foron, por tanto, enviadas por unha canle máis demorada…

Sexa como for, as recentes acusacións da ONU de «graves violacións dos dereitos humanos» cometidas polos mercenarios da Wagner e as tropas centroafricanas non impiden ás autoridades de Bangui loar a cooperación con Moscova. «Fálannos do grupo Wagner, mais o Goberno centroafricano non asinou nada cun grupo Wagner, nin con ningún outro. O Goberno celebrou un acordo con outro Goberno, o de Rusia, con instrumentos que ela considerou útiles, puxo á nosa disposición instrutores, armas e cousas así», afirmou Ange-Maxime Kazagui, ministra de Comunicación e voceira do Goberno, á canle TV5 Monde.

Porén, o pasado 7 de maio, o presidente da República Centroafricana, Touadéra, autorizou os mercenarios da Wagner para controlaren a alfándega do país, a través dun protocolo celebrado entre o Ministerio das Finanzas e a misión económica rusa en Bangui.

É día de mercado e día do Señor. Entro no campo de desprazados PK 3. É o maior do país. Coas abominacións da guerra, máis de 90.000 cristiáns e animistas procuraron refuxio neste monte desolado. Soa unha campá. É a hora da misa.

Redentora ou non, pouco importa. Cada un trae o seu banco ou cadeira. A igrexa da parroquia de San Luís de Bria fica alí ao lado. Algúns, poucos, aparecen con traxe de domingo. O que conta, agora, é a santa oración… a repartición da desgraza e da angustia, mais sobre todo da esperanza. A celebración é efectuada dentro e fóra do barracón. É o que hai para tantas almas. A calor é tanta que xa nin se presta atención. Ninguén remexe un pé. Penitencia e fe andan da man… Os pobres dan un billete ou unha moeda. Os que poden. A seguir, é o momento crucial da comuñón. Da salvación sen gloria. Fin da liturxia. Manteño conversa co abade Bruno Kongbo. Os rapaces xogan á guerra…

— Estes nenos terán un futuro se esta guerra acaba. Mais no preciso momento en que digo isto, as escolas nin sequera funcionan. E hai moitos nenos neste campo. Chega a haber 400 alumnos nunha aula.

—Non hai auga potable… –insinúo, apoucado, facendo de xornalista.

—Non hai auga potable nin centro de saúde. A comida… A escola. Todo deixou de funcionar…

—Foi a guerra a que os levou a refuxiárense aquí, neste lugar. Se olla para eles, se os ve, pode sentir o que están a vivir nos confíns do seu corpo e nos confíns da súa alma, e do seu espírito tamén. Olle, olle, olle…

É imposible cambiar de rumbo sen mirar primeiro. Imaxinar a desgraza é sempre peor que vela… quen o diría… Pateo os carreiros. O mostrador do tendeiro. O cargador de móbiles… A latrina ao ar libre (xa que non hai cloaca). A roupa a secar… e o ceo que, aquí, fica lonxe.

Na penumbra un home tenta esconxurar o sufrimento, ou perdeu mesmo a razón. Unha vida amortallada, unha máis. Un neno acabado de nacer deixa correr as horas, que, aquí, xa ninguén mide…

Saio atordado. As treguas con Deus raramente deixan un sabor tan amargo na boca…

Fóra do PK 3, do outro lado do camiño, está o obradoiro de costura dos excombatentes anti-Balaka. Anti- Balaka quere dicir, en sango [unha das dúas linguas do país], «anti-machete» ou «anti-balas de AK-47».

Aquí hai xente que non consegue pedir esmola e rexeita o absurdo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail