Ao PSOE morreulle a mitoloxía

Certo que cada volta que Alberto Núñez Feijóo ou calquera membro do PP pronuncia a palabra corrupción, morren de coita un paxaro e un dicionario. A palabra ‘corrupción’, na gorxa dun político popular, palma como aqueles canarios que esmorecían para advir os mineiros da falta de osíxeno nas buracas.

Após as case indubidables prosticorruptelas de José Luis Ábalos, o noso inmaculado Feijóo acha outro filón de wolframio coa imputación de Bambi, José Luis Rodríguez Zapatero, lumeiro ético do psocialismo posfelipista.

Volvendo atrás a ollada, semella que o noso bipartidismo foi deseñado por un guionista mediocre de buddy films. PSOE e PP aparentan diferenzas irreconciliables, poli bo e poli malo, pero os seus corazonciños latexan amores íntimos e compartidos que os obrigan á amizade. No xornalismo científico e masónico, ese amor silandeiro ten un nome en cifra arcana: Ibex-35. Pero non llo digades a ninguén.

Feijóo pode esixir acotío a dimisión de todo maría socialísima, e Pedro Sánchez lembrar de seguido a freixura branca no lombo de Feijóo na gamela de Marcial Dorado, que inspiraba cobizas de esnifala (polo contexto).

O único mudamento entre ambos, PP o PSOE, é que a dereita se gaba da corrupción coma dunha prez, unha proba do seu savoir faire e gobernaire, pois quen rouba unha galiña é un malfeitor e quen escamalla un millón, un home de negocios.

Felipe González foi a excepción. Decatouse axiña de que os franquistas non o deixarían comandar a transición democrática se non se parecía a eles. A trasnada do saqueo franquista foi substituída pola cultura do pelotazo, que viña ser o mesmo pero cunha chaqueta Dior e unha garabata rechamante sobre a vella camisa azul. Os GAL foron o epítome dos Guerrilleros de Cristo Rey, e a Audiencia Nacional a estilización fonética do antigo Tribunal de Orde Pública, que soaba a estrume de fascista. Todo moi lampedusiano.

ZP e PS amosaron arelas de distanciarse da impudencia felipista. Pero de nada serve trocar o maquinista se non mudas a máquina. O decorado esfarelou. Sánchez xa non pode posar de anxo albo desde que o seu caro Sancho Panza se desvelou putañeiro. Imposible non saber, cabaleiro Don Quixote. E quizais Zapatero saia inocente dos xulgados, pero exercer de argalleiro e comisionista, ou chufar as fillas no negocio, non casa co retrato de esquerda inmaculada que anceiaba encarnar. Ao PSOE morreulle a mitoloxía.

Inspiraba querenzas un coitado Gabriel Rufián, que, tras ler «quince veces o auto» do xuíz José Luís Calama, devagaba polas teles e radios recitándolle cantigas de amigo ausente a ZP, e repetindo un mantra: «Non somos coma as dereitas, non somos coma eles, non somos coma eles». Sempre falangueiro e locuaz, desta volta daban ganas de sementarlle un campo semántico.

Aínda quente o cadáver enxovallado da limpura de ZP, Rufián correu a ofrecerse líder dunha fronte das esquerdas plurais e periféricas (en España, todas as esquerdas reais teñen alma periférica, mesmo as do centro de Madrid). Dá tenrura. Para ser comparsa gubernamental dun novo mito da pureza do PSOE, partido obstinadamente centralista baixo atrezzo federalista? Ademais, custa crer que tan desemellantes arrabaldos sexan quen de facer cidade. Desculpade a desesperanza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail