O conselleiro de Medio Rural culpa dos incendios á protección ambiental da UE

A Coruña.- O conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, responsabilizou á Unión Europea e as súas ferramentas de protección ambiental, como a Directiva Hábitat e a Rede Natura 2000, dos incendios ocorridos durante o verán pasado así como do abandono do monte e que este estea a ser poboado por fauna salvaxe.

«Os requirimentos ambientais están a facer que Europa se dispare un tiro no pé, así de claro. Estamos a poñer unhas esixencias ambientais, tantas trabas aos nosos agricultores e gandeiros, que imos acabar coa agricultura e a gandería en Galicia, en España e en Europa», dixo o conselleiro durante un acto do seu partido celebrado na localidade ourensá de Sandiás.

Luzes-Público tivo noticia da súa postura a través dun vídeo distribuído na conta de Facebook do PP desa localidade ao que se pode acceder a través desta ligazón.

González Gómez, nacido en Ourense en 1970, avogado e inspector de Facenda, admitiu durante a súa intervención que cando Feijóo o nomeou conselleiro hai cinco anos el «era un pouco máis proclive ao tema ambiental», pero que agora discrepa da política da UE e cre que vai derivar en que «todo» o campo galego vaia quedando abandonado e cheo «de xabaríns, de corzos e de lobos».

Rede Natura e incendios

O responsable de Medio Rural abundou en que o 70% a superficie queimada en Galicia o ano pasado estaba en espazos de Rede Natura, a rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade deseñada hai máis de 25 anos e que obriga precisamente ás administracións como a Xunta a velar pola súa protección. «Algo falla se cos compromisos ambientais e a protección que nos están impoñendo o único que logramos é que arda todo cando vén un incendio no verán», engadiu.

Galicia é a comunidade española con menos proporción da súa superficie incluída en Rede Natura: menos do 12%, case a metade da media do resto de rexións e case catro veces menos que Canarias (42%) e Madrid (40%). Iso fixo que a Comisión Europea advertise con abrir expediente por incumprimento das leis da Unión, unha medida que executou en 2015 e que podería derivar nunha cuantiosa sanción económica.

Luzes-Público preguntou a González Vázquez se planea propoñer algún cambio na lexislación ambiental europea, e se a súa postura é compartida polo resto do Executivo que preside Alfonso Rueda. Ao peche desta edición non recibira reposta. Tamén se dirixiu á súa compañeira de gabinete, Ángeles Vázquez, responsable de Medio Ambiente, para saber a súa opinión sobre a posición de González, pero ela tampouco contestara.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail