Máis alá da coincidencia buscada nas convocatorias electoriais aos respectivos parlamentos de Galica e Euskadi, máis alá dos vencellos políticos como nacionalidades históricas, que se remontan á primeira Galeusca en 1923, Galicia xa fora, a finais do século XIX, o insospeitado escenario do espertar da conciencia nacional vasca. O de Luis Arana, cofundador do PNV e deseñador da Ikurriña tivo lugar en 1880 no colexio xesuíta de Camposancos, na Guarda.
Os primeiros balbucidos do nacionalismo vasco teríanse producido entre os agora abandonados muros de pedra da antiga institución da parroquia guardesa. A tradición abertzale afirma que Sabino Arana recibiu a «verdade nacionalista» do seu irmán Luis, co que cofundaría o PNV nun Domingo de Resurrección de 1882. E esa verdade era froito da iniciática influencia que Luis Arana recibira durante o curso 1880/81 nun singular experimento xesuíta para a educación das elites españolas en Galicia.
A «revelación» nacionalista do maior dos Arana, que transformaría o horizonte político de Euskai, chegoulle no desaparecido colexio Santiago Apóstol que os xesuítas rexentaban en Camposancos, cerca da fronteira con Portugal. Nese vetusto edificio, agora en ruínas, ensaiaran daquela os membros da Compañía de Xesús un proxecto educativo do que xurdirían anos despois as universidades de Deusto e Comillas.
«Luís Arana abandona as conviccións carlistas durante a súa estancia en Galicia, onde se prepara para ingresar en Arquitectura», afirma o escritor Javier Corcuera na súa obra Historia do nacionalismo vasco nos seus comezos. «Luis transmitirá ao seu irmán pequeno, Sabino, a nova concepción política que tanta importancia estaría chamada a ter na posterior historia de España», engade Corcuera.
O estudante Luis Arana que recala en Galicia pertence a unha familia acomodada de Biscaia que simpatiza co carlismo, ata o punto de verse obrigada a exiliarse en Francia durante tres anos. A terceira guerra carlista que azouta España de 1873 a 1876 foi, por unha parte un conflito dinástico que enfrontou os partidarios do neto do pretendente don Carlos polo dereito ao trono cos gobernos de Amadeo de Saboia, a I República e Alfonso XII, pero pola outra era tamén unha pugna entre a sociedade conservadora do antigo réxime e o incipiente liberalismo.
A derrota do carlismo suporía un castigo para as provincias de Guipúscoa, Biscaia e Áraba, aliadas co pretendente rebelde, que perden as súas peculiaridades forais, con zonas francas eximidas de pagar tributos á Coroa.
Luis Arana chega ao colexio de Camposancos marcado polo estigma desa derrota e busca no profesorado xesuíta respostas para o seu desamparo ideolóxico.
«Os xesuítas representan na España desa época unha burguesía que rexeita a mudanza que sobrevén á guerra carlista e que propicia, por exemplo, un primeiro e falido experimento republicano», comenta un portavoz da Fundación Sabino Arana. «Unha das cuestión claves daquel tempo era o sentimento de perda dos principios católicos que rexeran tradicionalmente a sociedade española. A influencia recibida por Luis Arana na súa estancia en Galicia é mencionada nas memorias da súa irmá Paulina, e confirman que foi no colexio da Guarda onde Luís Arana se iniciou no nacionalismo», admite a Fundación.
Coa derrota carlista esfúmase a chegada dun réxime que conserve as esencias relixiosas, políticas e sociais da España tradicionalista e os xesuítas ocupan ese baleiro, proporcionando aos orfos seguidores de don Carlos a idea de salvagardar eses valores nos territorios afíns ao carlismo.
Nos anos en que Luis Arana chega a o colexio de Camposancos, o concepto de patria vasca comeza a verse por un sector dos xesuítas como a gardiá dos valores tradicionais fronte á España liberal. Luís Arana abraza esa nova ideoloxía nacionalista que lle permite recompoñer os restos do seu naufraxio ideolóxico e familiar.
O colexio da Guarda era un dos catro centros de elite que os xesuítas rexentaban en España no século XIX. Neles educaríanse os mozos da alta burguesía conservadora española, que procuraba seguridade moral e doutrinal para os seus fillos, mentres os da clase dirixente liberal facíano na Institución Libre
de Enseñanza.
En Camposancos estudarían, con todo, figuras senlleiras desas dúas Españas, desde membros da familia Franco ao nacionalista galego Antón Losada Diéguez ou o presidente republicano Portela Valladares.
O espertar nacionalista do maior dos Arana é simbolizado por algúns historiadores nunha conversa que este mantivo cun dos seus profesores xesuítas na Guarda. O mozo, que negara ser un «mal español» a un pasaxeiro do tren que o trouxo a Galicia, co que discutira sobre os foros vascos, mostrou abertamente as súas dúbidas ao seu instrutor en Camposancos.
—Son un mal español?
Ao que o profesor lle contesta: «O problema non é que sexas un bo ou mal español. É que non es español».
Luis inseriu na «verdade nacionalista» o seu irmán á volta da súa estancia en Galicia. Sabino Arana deixou por escrito o impacto que lle causou: «Bendito o día no que coñecín a miña patria, eterna gratitude a quen me rescatou das tebras estranxeiras!». Unha década despois, os dous irmáns fundaban o PNV.
Luis, deseñador da Ikurriña, manteríase como número dous do nacionalismo vasco ata a morte de Sabino en 1903, que o proxectou en 1908 á Presidencia do PNV, no que mantivo unha radical militancia independentista que o enfrontou aos sectores máis moderados e autonomistas do partido. En 1936, declarouse en contra do Estatuto de Autonomía vasco e da participación do Goberno de Euskadi no bando republicano na Guerra Civil, que consideraba «un problema de españois».
O experimento dos xesuítas para unha educación de elite en Camposancos abriría anos despois o camiño ás universidades de Deusto, en Bilbao, e a Pontificia de Comillas, en Madrid. O edificio do antigo colexio guardés converteríase na Guerra Civil nun terrible campo de concentración coñecido como «a porta do inferno». Desde hai un bo feixe de anos, atópase en ruínas. Tras unha falida operación inmobiliaria do exfutbolista Valeri Karpin en 2006 para construír unha urbanización de luxo que a crise paralizou, o edificio incluíuse o ano pasado na listaxe vermella do patrimonio en España.