A Xunta inicia o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural o inmoble do que se apoderou o tirano mediante unha trama apoiada por apelidos ilustres das elites políticas e económicas de Galicia e España.
A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia vén de inciar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, un palacete do século XVIII situado no centro histórico da Coruña que pertencía ao Ministerio de Educación e do que Franco se apoderou mediante unha complexa trama política e administrativa comparable á que empregou para facerse co Pazo de Meirás.
O expediente incoado pola Xunta, que segundo a oposición galega chega demasiado tarde, permitirá abrir ao público o inmoble e, no seu caso, iniciar os procedementos xudiciais precisos para recuperalo para o patrimonio público. Pero probablemente non evitará que os herdeiros do tirano o baleiren dos bens de valor histórico que contén. Ao contrario do que sucede en Meirás, onde o Xulgado de Instrución número 1 da Coruña xa paralizou a mudanza ordenada pola familia do ditador ata que non se decida que obxectos lles pertencen e cales proceden do espolio, da Casa Cornide os Franco poden levar o que queiran, se non o fixeron xa.
Esa circunstancia parece máis que probable se se ten en conta que o ano pasado puxérona á venda no portal Fotocasa, describíndoa como unha «exclusiva propiedade do ano 1900 reformada en 1964 e recentemente en 2018».
En realidade, a Casa Cornide foi construída a mediados do século XVIII polo enxeñeiro militar Francisco LLobet na rúa Damas da cidade vella coruñesa, a escasos metros da colexiata románica de Santa María do Campo. Ten tres plantas e máis de 800 metros de superficie útil. En 1900 foi adquirida por José Andrés Cornide de Folgueira e Saavedra, naturalista e humanista e destacado partícipe do movemento da Ilustración en Galicia.
Cornide reformouna e, co tempo, a súa familia acabou cedéndolla ao Concello da Coruña, que durante varios anos no século XIX converteuna en sede de varios departamentos municipais ata que se transformou en escola e pasou a mans do Ministerio de Educación.
En plena Guerra Civil, o roubo do Pazo de Meirás, un pazo de pedra de torres con ameas e reminiscencias medievais, contribuíra a debuxar a imaxe de Franco como cabaleiro e señor, investido da graza divina necesaria para librar a súa asasina cruzada contra a lexitimidade democrática da República. O feito de que o Pazo fose levantado pola condesa Emilia Pardo Bazán, unha das intelectuais máis relevantes do século XIX, revestiu o ditador desa pátina aristocrática e ilustrada da que os Franco carecían e que anhelaban para gañar o respecto das clases podentes da España da primeira metade do século XX.
A principios dos anos sesenta todo aquilo estaba xa consolidado, e os Franco empezaron a barallar a idea de facerse cunha vivenda na Coruña adecuada ao seu novo status. A súa esposa, Carmen Polo, encaprichouse coa Casa Cornide, que consideraba máis cómoda e funcional que o Pazo de Meirás, situado en Sada, a unha media hora longa en coche do centro da Coruña. Coa colaboración das mesmas elites franquistas que lles facilitaban a ocupación de Meirás, e cuxos apelidos seguen hoxe sendo sinónimo de boas relacións co poder político, social e económico do país, deseñaron unha estudada trama para facerse con ela.
A principios de 1962, o Concello da Coruña, dirixido por Sergio Peñamaría de Llano, adquiriu a Casa permutándolla ao Ministerio de Educación por outra parcela, nunha operación supervisada por Ricardo Catoira, xefe da Casa Civil do Caudillo, e por Pío García-Escudero e Fernández de Urrutia, conselleiro nacional de Educación. Pouco despois, o 3 de xullo dese mesmo ano, o pleno do Concello da Coruña acordou a súa venda en poxa pública.
Á poxa, celebrada o 2 de agosto, só se presentaron Pedro Barrié de la Maza, conde de Fenosa, o adiñeirado empresario, armador e banqueiro, testaferro de Franco que financiara os gastos do bando dos sublevados durante a Guerra Civil, e quen xa organizara a trama para facerse con Meirás; e José Luis Amor Fernández, subxefe do Movemento Nacional na Coruña. Non houbo ofertas e Barrié fíxose co inmoble por 305.000 pesetas –uns 18.300 euros–. Inmediatamente despois, o banqueiro comunica ao Concello a súa intención de regalarlle a Casa «á Excelentísima Señora dona Carmen Polo e Martínez Valdés, esposa da súa Excelencia o Xefe do Estado».
Só un día antes, o xefe da Casa Civil de Franco escribe ao subsecretario de Facenda, Juan Sánchez-Cortés e Dávila, para poñelo ao tanto do presumible éxito da operación: «Meu querido amigo. Teño o gusto de comunicarche que hoxe por fin terminou o prazo para a poxa da casa que tanto desexaba a súa Excelencia. Hoxe tamén se reúne o Pleno para adxudicala a un particular e este vendela á Señora. Así llo explicamos á súa Excelencia por ser a mellor fórmula, xa que desta forma non se fai unha adxudicación directa de bens que foron do Estado ao propio Caudillo. Os señores están encantados porque lograron o desexo de poder ter unha casa na Coruña, para que cando teña que desprazarse a Señora non haxa necesidade de abrir o Pazo de Meirás, que tantas molestias orixina polo grande que é esta residencia e o número de criados e servidores que necesitan. Así que mañá, Deus mediante, xa teremos a escritura e empezaremos as obras da reforma interior».
A carta de Ricardo Catoira ao subsecretario do Ministerio de Facenda –o ministro era entón Mariano Navarro Rubio– foi atopada nun cartafol rotulada como«Varios Pazo de Meirás» no Arquivo do Palacio Real de Madrid por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, os historiadores autores de Meirás. Un Pazo, un Caudillo, un espolio (Fundación Galiza Sempre, 2018). Trátase da investigación máis exhaustiva e documentada, e tamén amena, que se fixo ata a data sobre as artimañas ideadas e executadas por Franco para facerse coa fortuna da que hoxe gozan os seus herdeiros.
«Todo o proceso foi deseñado desde o principio coa finalidade de satisfacer as pretensións da Señora», contan os autores, que lamentan agora que a Xunta tardase tanto en iniciar o procedemento permitindo que a familia tivera tempo e puidese baleirar a Casa Cornide dos bens, obras de arte e obxectos de valor histórico que, como sucede cos de Meirás, non lles pertencen.
A investigación de Babío e Pérez Lorenzo foi unha das bases fundamentais para que o Estado puidese recuperar o Pazo de Meirás, e probablemente tamén abrirá a vía para que a Casa Cornide sexa recuperada para ao patrimonio público.