A oportunidade das pequenas cousas

Logo dunhas eleccións xerais onde a cidadanía expresou claramente a vontade de non dar un paso atrás no tempo, atopámonos fronte a un novo desafío e, polo tanto, unha grande oportunidade: transformar a realidade do cotiá, do palpable, do próximo e avanzar cara a mellora dunha vida digna para as persoas.

Hai xa 20 anos Eduardo Galeano dicía que moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, poden cambiar o mundo. Na actualidade, moitas seguimos acreditando nesas verbas, no dereito a soñar e tamén na política, porque o persoal, o social, o que acontece na nosa vida tamén é político. As eleccións municipais do 26 de maio representan unha fiestra de esperanza para consolidar, afondar e estender territorialmente unha alternativa para Galicia, de abaixo arriba, poñendo as persoas no centro das políticas, traballando a prol das maiorías sociais dende a idea de benestar, xustiza social e coa mirada no ben común.

Estas eleccións deben servir para situar os concellos ao servizo da xente, para que o cambio que precisamos se plasme en proxectos máis fraternos e que atendan as necesidades reais da poboación, que superen os medos e as barreiras que moitas veces nos impoñen, porque non nos resignamos e precisamos poder soñar coa utopía, soñar coa necesidade de rematar coas políticas escuras e de costas ás persoas, soñar cunha alternativa política construída de xeito participativo, radicalmente democrático, xestionando as institucións ao servizo das maiorías sociais.

Os desexos de cambio que se abriron hai 4 anos, onde son as veciñas e os veciños dos concellos quen toman o mando do seu futuro, conscientes da necesidade de que só entre todas é posible unha realidade mellor, continúan avanzando. O cambio é posible se existe vontade, o camiño andado dende 2015 sinala un terreo firme onde plantar semente de futuro para unha sociedade inclusiva, igualitaria, democrática, participada, ecolóxica e que cre en si mesma.

Nesa ilusionante tarefa, nese soño compartido, as mulleres temos moito que aportar e o feminismo debe ter un protagonismo esencial. Que empresa pode permitirse prescindir da metade do seu cadro de persoal? Como avanzar se non remamos xuntas na mesma dirección?

Construír unha política verdadeiramente feminista segue sendo unha tarefa pendente. Debemos colocar o feminismo no centro do taboleiro político, tanto no relativo ás formas de facer política como ás políticas a facer, sen deixar a ninguén atrás e sumando mallas á rede dos coidados das nosas e do noso país. E é aí, no espazo onde nos miramos aos ollos onde reside a capacidade de transformación: con políticas que faciliten a vida das mulleres que se encargan dos coidados de menores e maiores, con rendas municipais que palíen a emerxencia social e a exclusión, desmercantilizando os bens públicos e apostando pola remunicipalización de servizos, con plans de emprego e políticas que garantan o dereito a unha vivenda digna. Políticas para as persoas.

Como na vida, na política é momento de actuar e como ben escribía Xohana Torres, Penélope é proactiva e navega para acompañar as ondas de ilusión e aportar un mar de solucións. É tempo de oportunidades, de tomar decisións, de quedar na beira da competición que só trouxo fracaso e decepción ou saír ao mar izando a bandeira da cooperación. Eu tamén Navegar!

Que mellor escenario que as vindeiras eleccións municipais, o desafío municipalista de 2019, para facer real a xustiza social, para facer real a utopía? Que non nos rouben os soños!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail