Como artellar o sostemento do cambio

O PPdeG xa non é toda a dereita electoral que hai en Galicia, hai máis. Igual que, dende hai ben tempo, un só partido xa non pode representar o conxunto da esquerda galega. Isto ten varias lecturas importantes para a esquerda do país. Primeira: unha crise electoral do PPdeG non implica, necesariamente, unha crise da dereita en Galicia. Segunda: unha crise electoral do PPdeG non implica que a nova dereita substituta teña que defender os mesmos valores e as mesmas políticas que o PPdeG. E terceira: as opcións da dereita para seguir a dominar Galicia, neste novo contexto, dependerán da súa capacidade para entenderse aquí –como fan en Andalucía– contra quen consideran o inimigo común.

Non convén confiarse. Nas eleccións Xerais de 2019, o 52% da xente de Galicia votou por algún partido da esquerda galega (PSdeG-UP-BNG-En Marea) mentres que o 48% o fixo por algún partido de dereitas (PPdeG-Cs-Vox). Unha estreita marxe que deixa todo en mans dunha participación minguante en autonómicas, e perennemente favorecedora a un PPdeG con experiencia e maquinaria (especialmente) engraxada para as citas municipal e galega. A esta análise contribúe o feito de que moitos concellos rurais, tradicionais caladoiros «populares», amosaron o 28A unha notable baixada da participación (non cambio de voto senón voto desactivado) que, moi razoablemente, pode recuperarse nas vindeiras citas importantes.

Independentemente das aritméticas entre bloques, unha conclusión destaca sobre as demais: a capacidade para dialogar e entenderse dos distintos partidos que conforman cada un dos bloques (esquerda-dereita) será decisivo á hora de acadar a confianza da cidadanía de Galicia. O PPdeG tentará que o pluralismo partidista da dereita non se consolide, vitimizándose e apelando ao voto útil: fíxoo durante moitos anos en Galicia contra as forzas da esquerda, e agora fará o mesmo contra os demais partidos de dereitas. A esquerda, pola súa banda, segue tendo pendente a construción dunhas pontes de diálogo e de traballo conxunto que determinen unha alternativa plural sólida na que a xente poda confiar.

Ao PPdeG correspóndelle capear co seu problema pola dereita. Pero a esquerda galega, se quere consolidar e afondar o acadado o 28A, xa non pode esperar máis para a creación inmediata dun espazo transformador común capaz de converter o noso pluralismo ideolóxico-práctico nun proxecto político concreto, posible e positivo para o futuro do país. Ante este reto son optimista porque, nos último tempos, temos dado sobrada mostra de experiencias de cooperación partidista con excelentes resultados para o benestar do conxunto, logo referendados nas urnas por unha cidadanía galega satisfeita co conseguido (velaí as experiencias no ámbito de tres das catro deputacións e en moitos concellos).

O esfarelamento do PPdeG trae ataques constantes dunha dereita contra a outra. Vox chámalle ao PP «derechita cobarde» e a Cs «veleta». Mentres, o PP chámalle «ultradereita» a quen lle ofrecía ministerios ata hai uns días. E Cidadáns amárrase ao seu soño de substituír o PP para manter a súa tradicional ambigüidade. A esquerda galega ten experiencia en falar e acordar, en construír e traballar xunta e, sobre todo, unha idea común do que é Galicia e do que queremos que sexa, da que a dereita mosaica galega carece por completo. A posta en valor deste diferencial positivo é, penso, o factor principal para garantir o progreso e a consolidación da alternativa e do cambio político que se albiscou o abril pasado en Galicia.

Nas vindeiras eleccións municipais e europeas haberá outra oportunidade para confirmar (ou non) este novo contexto de cambio. Canto antes comecemos a traballar e poñer en valor, xuntos, o moito e bo que nos une, creo que mellor poderemos capturar a atención e a confianza dunha cidadanía precisada dunha alternativa viable a un «trifachito» que afaste definitivamente a Galicia da senda do progreso e do benestar. Está na nosa man demostrar que a pluralidade non imposibilita o traballo político na procura dun obxectivo común.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail