Somos o que facemos

A pouco das eleccións municipais, cómpre facer balance das candidaturas municipalistas e reflexionar sobre os retos que se abren nesta nova etapa.
Fanse xa catro anos da bautizada como primavera municipalista, na que unha pluralidade de organizacións, sociedade civil e movementos sociais sumamos nunha dirección, a de devolver as institucións á cidadanía. Os resultados foron claros, e contra moitos prognósticos as candidaturas de unidade popular alzáronse cos gobernos dalgunhas das principais cidades do país e do Estado. Foi Compostela, A Coruña, Ferrol, Madrid, Barcelona, Cádiz… foron as cidades rebeldes.

Catro anos, pois, daquel momento no que chegamos, abrimos fiestras e portas e comezamos a demostrar que non só podiamos gobernar, senón que cando o faciamos, faciámolo mellor. Mudando as prioridades, reducindo a débeda, artellando políticas que melloran a vida da xente do común. No máis próximo, no inmediato, nos espazos nos que facemos as nosas vidas. Así, traballouse na municipalización de servizos públicos que reportaban xenerosos beneficios a empresas privadas, na aprobación de rendas sociais, na ampliación de servizos como bolsas, comedores, dependencia, escolas infantís, nos límites á turistificación das nosas cidades, na loita decidida contra as violencias machistas, na recuperación de espazo público para a xente. Falamos de catro anos nos que os concellos do cambio se converteron na primeira trincheira contra a austeridade, de catro anos de políticas destinadas a recuperar as nosas vilas e cidades malia o constante vento en contra, tanto do acoso mediático como do afogamento orzamentario; a ben coñecida Lei Montoro.

Hoxe, podemos mirar o feito e reafirmar que si, era posible, fomos quen de comezar a mudar as cousas. Mais quedan por diante algúns retos importantes que ter en conta no novo período. En primeiro lugar, revalidar e ampliar o espazo do cambio. Nin conformismo nin resignación, temos a obriga de traballar para multiplicar os concellos do cambio. Demostrar que nesta lexislatura non vivimos ningunha sorte de período excepcional, senón que viñemos para quedar, para rachar cos límites e non quedarnos coa xestión do posible que nos
queren impoñer.

Outro dos obxectivos é o de aumentar a cooperación. Cómpre seguir traballando na idea de municipalismo, fornecer unha verdadeira rede de cidades e vilas rebeldes que compartan e sumen coñecemento para ofrecer mellores respostas. E sendo conscientes de que non podemos responder só dende os concellos aos desafíos que afronta a nosa sociedade, as cidades e vilas do cambio deben xerar sinerxías con outros planos políticos nos que participamos: nacional, estatal, internacional. É dicir, municipalismo, non localismo.

En terceiro lugar, superar os límites institucionais. A aposta polo municipalismo non pode rematar na axenda política que sexamos quen de desenvolver nos concellos. O municipalismo chama á participación directa da cidadanía, á creación de comunidade, á recuperación
da esfera pública para o exercicio da cidadanía
e da liberdade.

Tamén, temos o reto de ser vangarda. No que e no como. Defendemos un municipalismo radical, e, por suposto, feminista, que impugne a concepción esencialmente patriarcal do poder vertical encarnado nunhas poucas persoas escollidas, no mellor dos casos, en procesos de primarias internas competitivas que nos desgastan. Tócanos deseñar mecanismos que verdadeiramente amplíen o espazo da democracia e da participación, que inclúa as moitas mulleres que seguen sen atopar canles axeitadas. Un municipalismo que poña as vidas no centro, que cuestione a fenda de xénero que afecta todos os eidos das nosas vidas, que implique unha mirada feminista, transversal, sobre todos os temas: o emprego, os coidados, mais tamén a vivenda, o urbanismo, o ecoloxismo, a mobilidade ou o dereito á cidade.

Para termos vidas que mereza a pena ser vividas, o vindeiro día 26 seguimos camiñando, seguimos preguntando.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail