Galicia, na expresión política da esquerda galeguista ou do nacionalismo de esquerdas, vai estar representada, e é probábel que con certa calidade, dende logo no ámbito da política municipal e tamén en Europa. É dicir, pasará a ser unha natureza viva o 26 de maio despois desa invisibilidade pleuronectiforme (o famoso rodaballo) nos fondos mariños das urnas do 28 de abril. ¶ É máis, pase o que pase, haberá que practicar un reencontro. Mesmo no misticismo se falaba do reencontro co corpo. O «transporte místico» podía durar días, pero a levitación tiña un remate e o reencontro producíase. Cómpre un reencontro histórico en Galicia. O do «espírito» emancipador co seu «corpo» social. Pór fin a tanto «transporte místico» e aterrar, cultivar a realidade. A comezar polo cultivo da autocrítica: ex conxurar o tangaraño do sectarismo. Fronte ao laio ritual da desunión, do tribalismo, desenvolver a praxe da man común. Tecer redes de colaboración en todos os eidos. ¶ A xeito de colaboracións, cooperacións e coalicións, ese tecido dunha Galicia alternativa ten de facerse valorando como positiva a biodiversidade, con confianza básica, sen pór arames de espiños. O problema do bipartito non foi a coalición. O problema foi o desapego na coalición. ¶ O pobo galego, a xente, a maioría social, está á espreita dunha transformación. A prol de saír desta prostración política que ten tolleito o país, entupidas as enerxías sociais e culturais. Que existe esa maioría social demostrouse esta primavera feminista. Nas urnas, mais tamén en múltiples carreiras de fondo liberadoras, como a que se mantén nos medios públicos fronte á apropiación sectaria polo partido que goberna a Xunta a xeito de facción. ¶ Iso é o que anuncia a nova maioría social. Galicia xa non atura o que o condutismo chama «indefensión aprendida». Xa non acepta como «normalidade» a prostración, o estado de impotencia. Cando a política non cambia, é a sociedade a que cambia a política.