Resultaría restritivo falar de proxecto político municipal único en presente atemporal ou substantivo colectivo, pois implicaría actuar desde eixos unificadores inverosímiles, por inmobilistas, que negarían a casuística diversa, e tamén a distancia real, existente entre uns concellos e outros.
Semella máis coherente e efectivo, desde a formulación teórica e a xestión práctica, traballarmos
na formulación do proxecto de concello que precisamos e queremos, atendendo ao punto de partida, ao punto
de chegada e ao camiño concreto trazado entre ambos.
Este presuposto, de atención individualizada para cada espazo, para cada territorio xeográfico, económico e social, require dun profundo coñecemento deste, dunha diagnose asentada nos seus puntos fortes e febles, a partir dos cales se proxecte un plan combinado de accións que integren o liderado participado colectivo xunto aos mecanismos propios da xestión administrativa pública.
A actuación política nun concello, en consecuencia, non pode ser unha simple copia doutro concello ou concellos, senón radical no fondo e na forma, isto é, nacer da situación particular de cada municipio e sosterse na liña continua dunha vocación transfor-madora de xeito que o plan de actuación política, propio de cada concello, vaia encamiñado a conseguir un mellor lugar para viviren as persoas que o constrúen como un fogar colectivo.
Dado que o concepto de cidadanía non é uniforme, senón plural, aberto, diverso, móbil e permeábel a novas construcións, o éxito colectivo dun proxecto político susténtase na capacidade de articular a personalidade dun lugar común, de crear un perfil propio para cada concello, a partir dos seus trazos definidores e identitarios, en que a veciñanza perciba que ese xeito propio de facer política redunda na calidade de vida
do común.
A participación veciñal, de forte presenza na historia social galega desde a traxectoria do movemento asociativo de base, debe ser fío condutor propositivo que acompañe o modelo de xestión política municipal. Facer parte activa á veciñanza do proceso corresponsabilizándoa nas accións de goberno e no coidado evolutivo da localidade.
Estas claves explican o logro de marcas propias atinxidas polos concellos gobernados polo BNG desde hai décadas.
Desde a recoñecida, dentro e fóra dos marcos propiamente urbanos, cidade de Pontevedra até outros concellos ben diferentes entre si como Allariz, Carballo, Tomiño, Ribadeo ou San Sadurniño, entre outros.
Os concellos BNG traballan o ser de cada espazo municipal nas súas propias fortalezas, mais tamén desde as súas debilidades, ora sexan internas ora externas.
Neste sentido, cómpre atendermos ás dificultades de xestión xeradas, conforme criterios de reparto desequilibrado e de desigualdade social, nas transferencias económicas da Participación de Ingresos do Estado (PIE), en que, atendendo a criterios unicamente demográficos, a financiación local para un concello galego percibe de media uns 50 euros menos por habitante, co que se está a gratificar esplendidamente os concellos máis poboados e penalizar os de maior déficit demográfico. Consecuentemente, unha cidade como Málaga, recibe máis financiamento do Estado que as sete cidades galegas xuntas, o que obriga a un moito maior esforzo de eficacia e eficiencia na xestión pública municipal.
A experiencia avalada desde os gobernos municipais do BNG practicou, mesmo de xeito pioneiro, a concreción de políticas de proximidade, desde o contraste retroalimentador coa veciñanza no día a día da acción de goberno, coa constitución de consellos parroquiais e locais que manterán sempre activada a escoita activa e a capacidade de diálogo á que debe obrigarse toda responsabilidade de goberno.