A Coruña.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) celebra o vindeiro luns a vista dos recursos contra a sentenza da Audencia Provincial da Coruña que condenou a máis de 74 anos de cárcere aos autores da morte de Samuel Luiz.
O precedente de Dani Alves, absolto o pasado marzo polo Tribunal Superior de Justícia de Catalunya (TSJC) do delito de agresión sexual polo que fora condenado pola Audiencia Provincial de Barcelona, levantou a alerta pola posibilidade de que suceda agora algo similar.
«O dereito para recorrer ampara a calquera cidadán e por iso sempre esperamos con moito respecto os fallos en apelación», explica a avogada da familia de Samuel, Esther Martínez. «Pero a sentenza da Audiencia Provincial é moi sólida e está moi ben armada, e cremos que o TSXG a validará», engade.
Martínez refírese ao fallo da maxistrada Elena Pastor Novo, ditado o pasado xaneiro e que apreciou «animadversión e desprezo á identidade sexual» de Samuel, asasinado a golpes por unha manda que o linchou a puñadas e patadas ao berro de «maricón de merda!» na madrugada do 3 de xullo de 2021 fronte á praia de Riazor, na Coruña.
Xurado popular
Aquela sentenza confirmou o veredicto de culpabilidade que o xurado popular emitiu contra Diego Montaña, que iniciou a malleira –24 anos de cárcere por asasinato con agravante de odio–, Alejandro Freire –20 anos por asasinato–, Kaio Amaral Silva –20 anos e medio por asasinato e roubo con violencia– , e Alejandro Míguez –dez anos por complicidade en asasinato–.
En febreiro de 2024, a Audiencia de Barcelona tamén condenou a catro anos e medio ao exfutbolista Dani Alves, dando plena credibilidade ao testemuño da muller que o denunciou. Un ano despois, o TSJC revogou o fallo alegando que nos razoamentos da xuíza de instancia había «baleiros, imprecisións, inconsistencias e contradicións sobre os feitos, a súa valoración xurídica e as súas consecuencias», derivados da suposta fraxilidade de relato da vítima.

Para Ana G. Fernández, presidenta da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (Alas) da Coruña, que exerceu a acusación popular no caso, «trátase de casos moi diferentes, pero é verdade que a sentenza que absolveu a Alves pon os pelos de punta». «Meteunos o medo no corpo», recoñece.
«Temos o máximo respecto polo dereito de recurso aínda que sabemos que nos casos de delitos de odio e desde unha perspectiva humana, supón alongar o sufrimento das vítimas e as súas familias. E seguimos crendo que o camiño polo que a sociedade foi avanzando para identificar, illar e combater a homofobia e a LGTBIfobia ten que ser tamén o camiño polo que transite a Xustiza», engade a portavoz de Alas. «A sentenza de primeira instancia ía nese sentido de que a Xustiza tamén debe loitar contra a homofobia», matiza.
20 minutos para cada avogado
A vista que se celebrará o luns no TSXG, situado a apenas 400 metros do lugar onde Samuel foi asasinado xunto á praia, contará coa asistencia dos condenados, que non declararán. Os seus avogados terán 20 minutos para presentar o contido dos seus recursos, que presentaron hai semanas ao tribunal e que este, probablemente, xa leu.
A Fiscalía e a avogada da familia de Samuel explicarán na sala a súa oposición a todos os argumentos das defensas. O avogado de Alas, Mario Pozzo-Citro, explicou a Luzes-Público que se adherirá a elas salvo no caso da impugnación da agravante de homofobia que a sentenza de instancia atribúe unicamente a Diego Montaña, e que rebaterá na sala.
Esther Martínez, avogada da familia de Samuel Luiz: «A sentenza da Audiencia Provincial é moi sólida e está moi ben armada, e cremos que o TSXG a validará»
O avogado de Montaña, Luis Salgado Carbajales, explicou que a súa apelación se basea en catro argumentos. «En primeiro lugar, non estamos diante un asasinato, senón diante un homicidio, porque cremos que non houbo a aleivosía que o primeiro require. É dicir, que os autores preparasen un escenario no que a vítima vise imposibilitada a súa defensa. De feito tivo defensa, a de Ibrahima e Magatte, e o feito de que esta lamentablemente non fose eficaz non significa que ese escenario existise».
Atenuante por alcol e drogas
En segundo termo, o avogado sostén que tampouco pode aplicarse a agravante de homofobia porque, a pesar dos insultos nese sentido contra Samuel, «o que motivou a agresión non foi a súa condición sexual senón un cúmulo de circunstancias», entre elas a inxesta de alcol e drogas.
Salgado apunta aí , na atenuante de actuar baixo esa influencia, o terceiro piar do seu recurso. O cuarto é a falta de motivación da que na súa opinión adoece a sentenza ao estender a pena de Diego Montaña case ata o seu grao máximo de 25 anos polo desprezo que aprecia a xuíza cara a Samuel e a súa familia ao deixalo agonizante, algo que para o letrado xa é consustancial ao asasinato.