Cando Harry coñeceu a Sally e outras mentiras

Antes de mudarse, Duarte quedou a durmir na miña casa o día que quedaramos para ver Killers Of The Flower Moon. Era novembro e chovía que metía medo. Debido ás fortes choivas, algo lle pasou á sala de cine na que ían proxectar a nosa peli, polo que rematamos por adiar a nosa excursión aos Cines Compostela e quedamos na miña casa vendo Lagaan, unha das miñas películas preferidas desde que era nena. Sabía que lle ía gustar, aínda que dura case catro horas e ten como sete números musicais. Rimos sen parar de principio a fin. Cando rematou a película, metémonos debaixo das mantas da miña cama e sacamos un selfie para o meu mozo. «Mira quen dorme hoxe no teu lado da cama!», escribinlle. «Fíome plenamente del con esta enorme responsabilidade», contestoume Aaron.

Unha vez apagamos as luces, Duarte e mais eu falamos na escuridade máis de dúas horas. Lembro que foron dúas horas porque, despois do que eu pensaba que foran aproximadamente 20 minutos, Duarte mirou o teléfono e dixo: «Malva, temos que durmir, que son as tres e media!». Ao día seguinte, sentíame como unha nena. Porque así me fai sentir Duarte. Como unha nena. 

Duarte e mais eu logo de ver Lagaan na miña casa.

Antes de marchar a Barcelona, Fer e mais eu fixemos unha viaxe a Berlín. Nunca nos coincidira facer unha viaxe xuntes e decidimos facela antes de que se mudara. Fomos a Londres primeiro, onde se converteu na primeira persoa da miña contorna en coñecer a miña parella. Compartimos fish and chips e falamos de Phoebe Bridgers no autobús de camiño ao aeroporto. En Berlín invitoume a almorzar na Torre da televisión, fixemos un free tour de máis de catro horas en contra da nosa vontade, e veganizamos pratos de comida galega para darllos a probar á miña amiga Fiona, que nos acollera no seu cuarto sen ascensor. O único momento no que nos separamos eses días na Alemaña foi cando quedei con Jonas, a quen coñecera había xa sete anos vivindo os dous en Galway. Jonas acababa de entrar nunha relación, coma min, e estabamos es dúes igual de ilusionades cos nosos novos comezos. Falamos des noses namorades durante horas, ata que chegou o momento de volver a Fer.

Fer ve o universo dunha forma diametricamente oposta á miña. Non en tema de valores, senón na forma na que interpretamos o mundo que nos rodea. Falar con el ábreme as portas a unha perspectiva que nunca considerara. Sente unha empatía e un respecto cara a outros seres humanos á que só podo aspirar. Falar con el faime ser unha persoa con máis compaixón. Falar con el faime mellor.

Teño amigos que son homes. Duarte, Fer e Jonas non son os únicos, pero son das amizades máis bonitas e cheas de intimidade emocional que teño con homes. Son homes que me coidan, que me escoitan, que me contan as súas confidencias. Homes nos que confío, homes cos que comparto a miña vida. E, un detalle que me parece relevante, homes cos que non teño ningún tipo de tensión romántica ou sexual. 

Nesta época de ideas reaccionarias sobre o xénero e os nosos roles dentro da sociedade, volve ser politicamente correcto facer afirmacións esencialistas de xénero. Tanto homes misóxinos que non ven as mulleres como seres humanos con profundidade intelectual como mulleres á defensiva por malas experiencias con homes que disfrazaran de amizade a intención de perseguir unha relación romántica ou sexual con elas; tanto uns coma outras cantan, ao unísono: «Homes e mulleres non poden ser amigos». Hai ata certos sectores heterofatalistas do feminismo que imaxinan o home como o depredador inherente, incapaz de ver a muller como compañeira, como igual, como amiga. Nun TikTok, unha das rapazas que se suscribe a esta corrente do feminismo fala de como ela chegou á conclusión de que os homes non poden querer. Que non saben como. Vexo ese vídeo e o único que podo sentir é mágoa. En que momento chegas a unha conclusión tan extrema?

Cando Duarte vivía en Madrid, unha vez foi buscar o meu irmán ao aeroporto porque ninguén máis podía. Sacou tempo do seu día para coller o transporte público e recoller un rapaz de 15 anos ao que apenas coñecía. Levouno á súa casa e deulle de cear. Un par de anos máis tarde, Fer acolleu a miña sobriña de 18 anos na súa casa para que puidese durmir antes de coller un voo cedo pola mañá. Fer ten feito un pouco de tempo despois dunha garda no hospital para que eu lle poida contar os meu dramas por teléfono. Duarte ofrécese para vir comigo coidar dos meus primos pequenos. Jonas, desde a distancia, fala comigo por teléfono aínda que non lle gusta nada falar por teléfono, e usar o inglés moito tempo en lugar do seu alemán nativo esgótao. Estes homes son a miña familia. E non porque queiran algo máis a cambio da miña amizade. E eles non son únicos.

Duarte e mais eu comparados con Mr Darcy e Mr Bingley, de Orgullo e Prexuízo.

Marco e Candela coñécense de toda a vida, e nótase. Enténdense mellor que ninguén. Falan seguido por WhatsApp. Cada vez que lle conto unha novidade a Marco sempre me di o mesmo: «Si, xa mo dixo Candela». Póñense de acordo para ir ás festas. Cando están xuntes, rin. Rin desa forma na que ti sabes que a súa frecuencia está en sintonía de formas que nunca poderás comprender de todo. Marco e Candela son amigues. O seu irmán pequeno, Martín, ten unha relación especial coa miña sobriña. Teñen a mesma idade, e cando Violeta vén de visita, Martín pasa case todas as tardes na miña casa. Sempre foi así. Non sei nin de que falan, pero sei que non é cousa miña, porque as cousas de mellores amigues son privadas. Cústame imaxinar un mundo no que haxa unha Violeta sen o seu Martín. Un Martín sen a súa Violeta. Unha Candela sen o seu Marco. Unha Malva sen o seu Fer e o seu Duarte.

O día da miña voda, pedinlle a Fer que se encargara da música, o que o posicionou directamente no meu campo visual durante toda a cerimonia. Mentres pronunciaba os meus votos e prometía amar o meu namorado nos tempos bos e nos malos, lembro dous pares de ollos. Por un lado, os ollos grises do meu home, amables e seguros, mentres as súas mans cálidas me daban acubillo e folgos. Polo outro, os ollos do meu mellor amigo (móbil coa música en man, a uns metros) cheos de bágoas coma os meus, acompañándome nun deses momentos que acumulan tanto significado.

O esencialismo de xénero só nos divide. Os homes son persoas. As mulleres son persoas. As persoas poden ser amigas de persoas. Os homes e as mulleres poden ser amigues. Ben o sei eu. Ben o sei.

A aperta de Fer no día da miña voda.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail