A parábola do Papa e o vicepresidente

Este luns de Pascua, máis ou menos ás sete e media da mañá, faleceu o Papa Francisco, coñecido coloquialmente coma o Papa Paco. Foi, sen dúbida algunha, o Papa máis progre da miña vida. Se ben se negou a ceder en certos temas, como o do aborto, a adopción de parellas homosexuais ou o ordenamento das mulleres, si avanzou a doutrina, por exemplo, ao permitir que persoas divorciadas ou casadas por segunda vez reciban a comunión, ou ao declarar, polemicamente, que el non é ninguén para xulgar as persoas LGBT.

Sendo o primeiro Papa xesuíta, ademais do primeiro Papa latinoamericano, elixiu o seu nome para conmemorar a San Francisco de Asís, un santo coñecido pola súa vida pobre, humilde, e pola súa crenza de que todos os seres vivos, incluídos os animais, deben ser protexidos. Así, desde o seus primeiros momentos como Papa, Francisco deixaba claras as súas crenzas. Negouse a vivir na residencia tradicional do Papa e escolleu uns apartamentos máis pequenos ao lado. Invitou a comer máis dunha vez a colectivos sen recursos, tanto persoas sen fogar como xuventude LGBT cuxos pais os botaran da casa pola súa sexualidade ou identidade de xénero.

Nos seus case doce anos no cargo, falou sobre a pobreza mundial e a redistribución da riqueza, o poder destrutivo do cambio climático e a diversidade racial e migratoria. Declarouse en contra da criminalización das persoas LGBT e pediulles aos pais destas persoas que non os expulsaran dos seus fogares. En 2022 quitoulle privilexios ao Opus Dei tras recibir denuncias por parte de exempregadas domésticas por servidume e explotación laboral. Nese ano pediu perdón tamén polo papel da Igrexa na colonización e, en particular, polas escolas-residencias nas que se «reeducaban» nenos indíxenas tras arrancalos dos brazos dos seus pais.

Ademais, tras recibir críticas pola súa inacción, tomou medidas para confrontar cara a cara a tradición de abusos sexuais a menores por parte da Igrexa, de xeito que rompeu coas accións do anterior Papa, cuxa estratexia era encubrilo. En 2019, Francisco removeu toda a cúpula da Igrexa en Chile por non actuaren para acabar cos abusos sexuais levados a cabo durante décadas por membros do seu clero. En xaneiro deste ano, disolveu o Sodalicio de Vida Cristiana, con sede en Perú, que levaba anos sendo investigado por acusacións sobre o mesmo.

Francisco foi un dos primeiros líderes en condenar as accións de Israel en Gaza xa en 2023. Mesmo chegou a denominalas terrorismo, e no Belén deste Nadal incluíu un neno Xesús envolto na keffiyeh, o pano co deseño tradicional palestino e un dos símbolos pro-Palestina máis recoñecibles hoxe en día. Así mesmo, mantívose en contacto constante coa parroquia de Gaza, chamando ao último cura que queda. Na súa derradeira mensaxe pública, este domingo de Pascua, reiterou unha vez mais a súa chamada á paz.

Todo isto para dicir que, se ben non era perfecto, nin moito menos, e se ben o progreso que quixo traer á Igrexa foi lento e en moitas ocasións insuficiente, o que non se pode poñer en dúbida é que a súa filosofía era a da paz, a tolerancia, e a defensa dos máis vulnerables.

Precisamente por isto, resúltame curioso, e bastante simbólico, que falecera apenas doce horas despois da súa reunión con JD Vance, o vicepresidente dos Estados Unidos. Despois de criticar as novas políticas de deportación do goberno de Trump durante meses, tamén declarou na súa encíclica Fratelli Tutti que o próximo non ten fronteiras. Nunha resposta case directa ás reflexións de Vance sobre a relixión, nas que declaraba que o amor é xerárquico, o Papa incluíu no seu discurso poucas horas despois unha nova alusión á destrución de barreiras entre as persoas.

Con isto non quero acusar o vicepresidente de asasinar o Papa, non vos preocupedes. O meu obxectivo é resaltar o significativa que parece a morte dun Papa que tanto falou a favor dos inmigrantes, da paz e da humanidade poucas horas despois de reunirse co representante dunha das administracións máis inhumanas da historia do seu país, e que está levando a cabo algunhas das políticas de deportación máis desapiadadas do mundo contemporáneo. O simbolismo dese feito: que o Papa que tanto loitou pola tolerancia e a irmandade dedicara as súas últimas horas a reiteralo tras coñecer a Vance, e despois falecera.

Se isto fose unha película, queixariámonos do obvia que é a mesaxe. Ou non?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail