Primeiro Ayuso e, máis recentemente, o presidente de Andalucía, abriron o fogo da liorta promovendo a práctica desaparición do imposto de patrimonio nos seus respectivos territorios. O debate está servido. A importancia do asunto non está en discusión. A claridade e a calidade coas que se está desenvolvendo esta controversia son manifestamente mellorábeis.
1. O dilema é baixar ou subir impostos? Para Feijóo e os dirixentes do PP, hai que baixalos. Para quen pretenda acometer un achegamento serio a esta temática, semellante reducionismo é un insulto á intelixencia. Un sistema fiscal é un conxunto de figuras tributarias que pretende acadar un volume suficiente de recursos para que unha determinada administración pública sexa quen de prestar un conxunto de servizos que aseguren un nivel digno de benestar para as persoas integrantes dese corpo social. Hai que responder a dúas preguntas básicas: cal debe ser a dimensión, a calidade e, xa que logo, o custo dos servizos públicos que se queren ofertar (sanidade, ensino, dependencia, seguridade…) e como debe ser repartida esa carga fiscal entre os distintos segmentos da cidadanía.
Cando unha formación política entra no territorio da fiscalidade debe mostrar todas as cartas que ten nas súas mans: que nivel de gasto público desexa proporcionar dende os gobernos que xestione e como vai aplicar a progresividade fiscal –aportación proporcional á renda dispoñíbel e á riqueza posuída– que recoñece o actual ordenamento constitucional.
Ao cabo, baixar ou subir impostos, crear novas figuras tributarias ou suprimir algunhas das existentes son ferramentas para conseguir determinados obxectivos. Poden ser utilizadas complementariamente para posibilitar aquel horizonte de benestar público previamente definido. No ámbito das investigacións académicas tense demostrado dende hai tempo a falacia de quen sostén que unha baixada sistemática de impostos proporciona unha maior recadación fiscal. Porén, o que asegura tal estratexia é o debilitamento da capacidade das administracións públicas para asegurar e ampliar a carta de dereitos sociais.
2. España é un paraíso ou un inferno fiscal? A situación tributaria no ámbito do Estado español presenta determinadas características singulares, algunhas delas moi diferentes ás que rexen na meirande parte dos países da Unión Europea. Por exemplo, hai unha menor presión fiscal que minoriza as achegas de recursos ás facendas públicas; ou tamén, a distribución do esforzo tributario penaliza os perceptores de rendas do traballo –sobre todo nos sectores medianos e baixos– en favor de quen desfruta dos rendementos proporcionados pola súa riqueza patrimonial e dos beneficios das grandes corporacións empresariais. Ademais do anterior, rexístrase un elevado e persistente nivel de fraude que dana gravemente a saúde das finanzas públicas. Esta seria anomalía deriva de dúas causas concatenadas: o mantemento dunha excesiva dimensión da economía mergullada e os buratos que ofrece a lexislación vixente para agochar unha parte do que debe ser obxecto de tributación.
3. Existe unha cultura fiscal apropiada? Para completar o cadro das sombras existentes no sistema, hai que sinalar a presenza –en amplos sectores da sociedade– dunha cultura fiscal pouco compatíbel coa viabilidade dun Estado de benestar de calidade comparábel ao dos territorios máis desenvolvidos da contorna europea. Dende hai tempo, está instalada unha certa conciencia proclive a demonizar o pago de impostos e a desconectar o esforzo tributario do fortalecemento dunha rede de prestacións públicas que garanta maiores niveis de igualdade no acceso aos dereitos establecidos nas lexislacións estatais e internacionais.
4. A OCDE, o FMI e o BCE son bolivarianos conversos? Estamos asistindo a un curioso paradoxo: mentres a dereita política, económica e mediática reitera, cunha teimosía digna de mellor causa, que a solución dos problemas da economía española reside na baixada de impostos, dende instancias tan pouco sospeitosas de esquerdismo bolivariano como a Comisión Europea, o BCE, a OCDE e o FMI alertan de que non é un momento apropiado para debilitar os ingresos dos Estados e propoñen que, en todo caso, se practiquen políticas de axuda específicas para os sectores máis vulnerábeis do aparello produtivo. Para explicar esta falta de sintonía hai que acudir á lóxica do cálculo electoral curtopracista que se manexa nos gabinetes das organizacións conservadoras: a conquista da Moncloa esixe abandonar o uso dos matices e abandeirar, sen escrúpulos, a redución indiscriminada da carga impositiva. Obviamente, o abuso desta táctica pode provocar efectos non desexados: Mariano Rajoy coñece ben a experiencia vivida entre 2011 e 2015; a distancia entre a falacia propagandística e a dura realidade de administrar recursos escasos.
5. Resulta eficaz a política fiscal para combater esta inflación? Feijóo está baseando a súa campaña fiscal nun diagnóstico superficial e unilateral sobre a crise que se está atravesando nas economías occidentais. Asociar as medidas tributarias a unha pretendida eficacia na loita contra a inflación supón obviar a evidencia de que a actual suba do nivel de prezos deriva de graves desaxustes na oferta dos produtos enerxéticos e doutras materias primas e que, polo tanto, debería ser ese o centro do combate dos gobernos. Reducir temporalmente o IVE de certos produtos pode ser unha medida paliativa fronte aos efectos perversos do encarecemento dos bens e servizos, aínda que orixina unha evidente inxustiza distributiva: os impostos que se aplican sobre o consumo non permiten discriminar segundo o nivel de renda ou riqueza dos que adquiren os distintos produtos gravados.
6. Existirá a necesaria reforma estrutural do sistema? Dende hai moitos anos, está pendente unha revisión estrutural do sistema fiscal vixente no Estado español. Están elaborados varios informes –o último solicitado polo actual goberno de Pedro Sánchez– nos que expertos e técnicos formulan diversas propostas de cambio. A chave está na existencia dunha maioría parlamentaria que teña a vontade política necesaria para establecer un novo cadro legal con vocación de permanencia temporal que permita achegar un duplo obxectivo: obter os recursos financeiros suficientes para asegurar a sustentabilidade dun Estado de benestar de calidade contrastada e mellorar substantivamente os niveis de xustiza distributiva, facendo realidade a progresividade proclamada nos textos fundacionais do sistema democrático vixente. Na conformación deste novo marco regulatorio deberán contemplarse as novas realidades presentes no universo económico: a capacidade de xeración de riqueza asociada á dixitalización e outras formas produtivas –coa conseguinte formación de grupos de poder que antes non existían–, a capacidade de evasión das grandes corporacións tecnolóxicas ou a nova pobreza orixinada polas dificultades do mercado de traballo para sectores relevantes da mocidade.
7. Dumping ou cooperación federal? O debate sobre a fiscalidade está atravesado por outra circunstancia que provoca máis complexidade analítica (e que tamén proporciona máis combustíbel para as cerimonias populistas): a descentralización territorial de certas figuras tributarias. Concretamente, no vixente modelo de financiamento autonómico –pendente de revisión dende hai case 10 anos–, as comunidades autónomas (agás o País Vasco e Navarra, que dispoñen dun singular réxime do concerto económico) teñen capacidade para fixar normas propias sobre o imposto de patrimonio, o de sucesións e doazóns e unha parte do IRPF. Ademais, poden establecer figuras tributarias específicas para atender as súas necesidades financeiras. Este nivel de autonomía fiscal –polo demais, non especialmente elevado– cabe utilizalo cunha lóxica federal cooperativa ou, como está sucedendo dende hai tempo, pode formar parte dunha estratexia de dumping desleal para buscar réditos electorais máis ou menos inmediatos.