A Consellería de Infraestruturas construirá e acondicionará sendas peonís na vía na que viven o presidente da Deputación de Ourense, o seu proxenitor, a súa cuñada e a familia da súa esposa
A Coruña.- A Xunta de Galicia vai investir 1,1 millóns de euros para construír sendas peonís nunha estrada rural do municipio ourensán de Esgos, nun tramo situado xustamente fronte ás vivendas e propiedades do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e de varios dos seus familiares, entre eles o seu pai, José Luis Baltar.
Segundo o Goberno que aínda preside Alberto Núñez Feijóo, as obras, que afectan á estrada OU-536, de titularidade autonómica e que une Ourense con Pobra de Trives, financiaranse con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Empezarán despois do verán e estarán terminadas en seis meses.
Esgos é un pequeno municipio de 1.300 habitantes unido á capital provincial por 18 quilómetros de estrada. Deles, van peonalizar dous tramos. Un de dous quilómetros no veciño municipio de Pereiro de Aguiar, e outro dun quilómetro xusto na recta onde se atopan as vivendas, chalés e leiras dos Baltar. O presidente da Deputación é ademais concelleiro en Esgos.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade do Goberno de Feijóo, Ethel Vázquez, presidiu o pasado luns a pé de estrada o acto de presentación do proxecto, ao que asistiron o propio Baltar xunto ao delegado da Xunta en Ourense, e os alcaldes das localidades implicadas.
Ese mesmo día, Feijóo anunciou o congreso do PP galego que dará pasou ao liderado de Alfonso Rueda, tras unha fin de semana de negociacións para que Baltar, presidente do PP ourensán, aceptase apoiar a Rueda como sucesor á fronte da Xunta e o PP galego a cambio dunha vicepresidencia na dirección rexional do partido.
Segundo informou o Executivo autonómico nunha nota de prensa, as sendas fronte ás propiedades dos Baltar ocupan 4.700 metros cadrados de terreo, terán un ancho mínimo de dous metros, pavimento de formigón «colorado» ou cor «natural», e estarán separados da estrada «por unha cuneta revestida e con perfil de seguridade; vexetación máis bordo; bordo, ou a combinación destes tres elementos, para separar o tráfico rodado dos peóns e reforzar a súa seguridade».
Tamén se executarán cunetas de seguridade, traballos de drenaxe, reposición de servizos afectados e preinstalación de iluminación pública, e instalaranse «catro novas marquesiñas para garantir unha espera máis confortable aos veciños que se desprazan en transporte público». Cada quilómetro de senda custará 366.666 euros.
O proxecto da Xunta levantou a indignación da oposición e de veciños da zona, que consideran que existe un trato de favor cara a Baltar e a súa familia peonalizando, acondicionando e mellorando con diñeiro público o tramo de estrada no que viven, unha das zonas máis despoboadas da estrada entre Esgos e Ourense.
O presidente da Deputación habita nun palacete con piscina, cancha de baloncesto, pérgola, viais interiores, xardíns e parque infantil, situado nun espazo de máis de 18.000 metros cadrados ao que se accede desde a estrada.
Segundo a asociación Ribeira Sacra Denuncia, formada por colectivos que defenden o patrimonio cultural da zona, colindando co palacete de Baltar está a vivenda da familia da súa esposa, e alén da estrada, a uns 150 metros de distancia, o chalé da súa cuñada.
Xunto a este último están situada a casa do seu pai, o ex presidente da Deputación José Luis Baltar, así como a nave de máis de mil metros cadrados onde este garda a colección de coches antigos que foi nutrindo durante os vinte e cinco anos que estivo no cargo.
Xusto á saída da vivenda de Baltar pai, segundo os planos facilitados pola Consellería de Ethel Vázquez, empeza a senda peonil que logo pasa fronte á do resto dos seus parentes.
A Deputación de Ourense preferiu non facer ningún comentario sobre o tema. Ao peche deste artigo, a Xunta tampouco respondera ao ofrecemento de Luzes-Público para que explique se considera que Baltar tivo ou non trato de favor.
Ignacio Gómez Pérez, deputado provincial polo PSOE e ex alcalde de Ribadavia, lamentou que o Goberno autonómico vaia a destinar 1,1 millóns de diñeiro público para contentar os Baltar. «É perfectamente lícito que un cargo público poida verse afectado positivamente dunha obra pública, pero non se esta se fai só para beneficialo», explica.
«Que de dezaoito quilómetros vaian acondicionarse tres, e que deles un sexa no tramo onde viven Baltar e a súa familia, demostra que a obra está pensada para eles», conclúe.
Peonalizar a estrada dos Baltar, asfaltar San Pedro de Rocas
Segundo a Xunta, a construción das sendas vai obrigar a reducir a anchura dos carrís da estrada a tres metros nun punto onde resulta necesario encaixalas «sen afectar a un muro que ten protección do patrimonio cultural».
Ribeira Sacra Denuncia critica que o Goberno galego vai gastar 1,1 millóns en estreitar os carrís dunha estrada cun considerable tráfico rodado, co que supón de diminución para a seguridade viaria, e que á vez a Deputación anunciase que pretende ampliar a que conduce ao mosteiro de San Pedro de Rocas, a apenas oito quilómetros de alí, cunha cadencia de tráfico dun vehículo á hora e onde non se produciu nin un só accidente documentado.
Esa última obra, que a Xunta xa negara a Baltar en dúas ocasións, obriga a cortar máis de medio cento de árbores, algunhas centenarias, nunha zona declarada de interese cultural, a derrubar boa parte do muro medieval do mosteiro e a desmontar un cruceiro medieval, tamén declarados bens de interese cultural.
A Fiscalía acaba de abrir dilixencias contra a Xunta e a Deputación de Ourense por danar o patrimonio histórico da zona, tras derrubar nas obras de ampliación parte do muro do cenobio de San Pedro de Rocas, do século VI, o máis antigo de Galicia e un dos exemplos de arte rupestre máis importantes de España.