O presidente da República de Portugal estivo hai unha semana no Congreso dos Deputados en Madrid e, como vén sendo habitual, o protagonismo mediático, o running gag, rematou na bancada das señorías catalás. Nada máis finalizar Rebelo de Sousa a súa locución, os impulsores do proces puxéronse a cantar o «Grândola vila morena», e a presidenta do Parlamento, Ana Pastor, precipitou o peche do acto entre as ovacións dunha multitude que se erguía camiño do AVE e os cánticos (berros, pódese decir) dun pequeno grupo sobre unha suposta «terra da fraternidade». O incidente colleu fóra de xogo o mandatario portugués, que pola súa banda fixera un discurso rutineiro, sen referencias á actualidade do seu país.
O momento foi de confusión. Alexandra Fernández e Miguel-Anxo Fernán Bello, deputados de En Marea, sumáronse á protesta e, ao contrario dos cataláns que acudiron ao recurso da «letra fotocopiada», os galegos sabían o himno enteiro. Joan Tardá, de Esquerra, amplificaría despois o relato sobre a bronca independentista cun detalle que parece que non recolleu cámara ningunha. O presidente portugués, segundo o testemuño de Tardá, sentiu o impulso de sumarse ao coro disidente, con esa inxenuidade propia de quen é agasallado fóra do seu entorno natural e que, sen saber de que vai o asunto, opta por expresar alegría, satisfación. A xulgar pola actitude enérxica, Ana Pastor, que é pontevedresa, si que entendeu a situación.
É curioso, pero non casual, que o cantautor luso interpretara por primeira en público este himno futuro en Galicia, hai case cincuenta anos. Os mellores himnos, ou polo menos os que máis me gustan, naceron como cancións: «Keep on rocking in the free world», «Le mauvaise reputation», «We are the champions», «Quiénes somos, de dónde venimos, a dónde vamos»… e por suposto «Grândola vila morena», que como himno popular é insuperable. A letra é curta -fácil de aprender-, o ritmo pousado déixate levar e a súa posta en escena (todos collidos dos brazos ao xeito dos cantores do Alentejo) expresa camaradería, solidaridade…«O povo é quen máis ordena» é aínda o necesario verso canónico que suxire o momento de empezar a berrar.
O contexto é o que decide a condición de himno de moitas composicións. E a calidade da peza, o que desperta a posiblidade de emocionar. Case medio século despois, para o presidente portugués e para a maioría dos seus paisanos a peza de Zeca Afonso non deixa de ser unha homenaxe, xa algo nostálxica, á Revolución pacífica e chea de cor coa que liquidaron de verdade («arrumamos mesmo a serio», dito en portugués) o rexime dictatorial iniciado por Salazar. Hai cada vez máis xente convencida no noso país de que o franquismo non se pechou coa «seriedade» portuguesa durante a famosa e discutida Transición. Quizais ese sexa o motivo de que o himno «Grândola vila morena» manteña tanto sentido reivindicativo e unha sorprendente transversalidade xeracional.
Desde que estivo por primeira vez en Galicia en 1972 ata hoxe, aínda falta por estudar o tamaño do respecto que se lle profesa á figura e á memoria de Zeca Afonso. Desde aquí axudoúselle na longa enfermidade que padeceu, cultivou amizades en sucesivas visitas, foi obxecto de homenaxes, quedaron prazas co seu nome… En Santiago é recente a creación da Associaçom José Afonso (AJA) e cando se aproxima o 25 de Abril medra a venda de caraveis vermellos nas floristerías da cidade. Nos garitos de resistencia e copeteo (Tarasca, Avante, As Crechas, O Dezaseis…) a banda de son da Revolución dos Caraveis ( Zeca, Fausto, Vitorino, Adriano, Godinho…) déixase escoitar neste día ata que volve saír o sol. É unha experiencia que paga a pena e que hai que agradecerlles, xeración tras xeración, aos entusiastas «afonsianos» do Casco Vello compostelán.
«Grândola vila morena» foi cantada por primeira vez en Santiago de Compostela o 10 de Maio de 1972. A peza vai incluída en Cantigas do Maio que é para os especialistas a súa mellor obra. A adoración que lle profesaba ao cantautor o dono da discográfica Orfeu, Arnaldo Trindade, facilitou en boa medida unha produción de calidade. Gravouse nos prestixiosos estudos Chateau D´Hérouville do sur de Francia, onde a semana anterior os Rolling Stones estiveran rexistrando Exile on Main St. Michel Delaporte, un percusionista francés que participara nas gravacións do Sargent Peepper’s dos Beatles, e que de aí en diante colaboraría en todos os discos de Zeca, foi convidado a crear as bases rítmicas, reclamado por José Mario Branco, un músico de moito talento, que asinou a autoría dos arranxos. Despois de anos de precariedade, con Cantigas do Maio Zeca Afonso consegue que a súa voz privilexiada e a forza das súas composicións se correspondan cuns medios técnicos ao seu nivel.
A un artista nesa plenitude foi a quen vin por primeira vez no Burgo das Nacións no 72. (…si, eu estaba alí !). E continúo compartindo a experiencia con amigos da xeración de Arturo Reguera ou Xan Guitián que, entre a canción protesta e o rock and roll, colocaron ao cantautor portugués no lugar que lle corresponde ás cousas que son para sempre. Aquela tarde no Burgo das Nacións fíxenme fan de Zeca Afonso. Era o cantautor que queriamos para nós. A súa presenza escénica era cautivadora e todo á conta dun aparente desorde que se traducía en autenticidade. Viaxaba con músicos de primeira, como Rui Pato, Julio Pereira, Fausto, Yorio Gonçalves… aínda que sempre reclamaba nos seus concertos o momento de quedar só, fronte ao público. Esto é algo que se esixe aos artistas de verdade. E cando chegaba á historia cantada de Catarina Eufemia, a muller do Alentejo asasinada a tiros por a Garda Nacional Republicana (GNR), á xente poñíaselle a pel de galiña pola emoción da melodía e o dramatismo da voz.
No concerto do Burgo das Nacións, Benedicto García, de Voces Ceibes, acompañou coa guitarra ao cantor portugués. Conservei durante anos o programa de man coas letras das cancións que fixeran os estudantes de Económicas. E teño un recordo moi vivo de que ao final, animado polas «boas vibracións que lle chegaban desde o público», segundo contou despois Benedicto, Zeca Afonso animouse a cantar, por primeira vez e de xeito improvisado, unha peza á que non acababa de atoparlle o xeito: o «Grândola vila morena»!
Desde entón e ata o día da súa morte, «Grândola vila morena» foi peche obrigado nas súas actuacións, e por decisión dos «Capitáns de Abril», santo e seña, e símbolo da ilusión democrática dun país.