De Negre ao curioso caso de «El Catón Compostelano»: os malabares da Xunta para untar medios afíns

A Coruña.- O primeiro xornal que se publicou en Galicia chamábase El Catón Compostelano. Era unha publicación semanal impulsada por Francisco del Valle-Inclán, antepasado de Ramón del Valle-Inclán, que apenas durou seis meses entre maio e novembro de 1800. A Xunta é a propietaria dun dos poucos exemplares que se conservan do seu primeiro número.

En novembro de 2001, o Goberno de Manuel Fraga acordou coa Fundación Fernández-Latorre, creada polo propietario de La Voz de Galicia, Santiago Rey, ceder ese exemplar ao seu museo privado de prensa, en cuxas instalacións se celebran os actos nobres da empresa. A Xunta non só llo deu gratis, senón que fixo algo moi pouco habitual cando unha Administración lle cede unha obra de arte ou unha antigüidade a unha entidade privada: pagoulle ademais 18.000 euros polos supostos gastos de custodia da peza.

As últimas tres décadas da historia de Galicia ofrecen innumerables exemplos desas imaxinativas fórmulas de enxeñería administrativa mediante as que a Administración autonómica, durante case tres décadas en mans do PP e entre 2005 e 2009, do PSOE e o BNG, financiou os medios de comunicación con axudas discrecionais sen concurso público, subvencións camufladas, acordos de colaboración sen ánimo de lucro ou convenios bilaterais para facer propaganda da actividade das súas consellerías.

Un exemplar de «El Catón compostelano»

«O sistema puxérono en marcha nos anos noventa Fraga e Pérez Varela [secretario xeral de Medios e logo conselleiro de Cultura e Comunicación entre 1997 e 2005]. Non o inventaron eles, pero sacáronlle un enorme partido repartindo diñeiro público entre os medios para condicionar o seu poder e a súa influencia», lembra un alto cargo da Xunta coñecedor da fontanería da Administración rexional, e que pediu a Luzes-Público gardar o seu anonimato.

Un terzo dos ingresos

«Houbo anos en que case un terzo dos ingresos das empresas editoras viñan desas axudas. É dicir, tanto como a publicidade ou as vendas en quiosco», asegura.

Só en 2001, o ano da operación Catón, o Goberno de Manuel Fraga pagou a La Voz preto dun millón de euros en axudas a dedo para o museo de Rey mediante dous convenios asinados en xullo e en novembro de 2001. Nese último mes, a consellería de Pérez Varela deulle á fundación outros 60.000 euros para crear unha base documental fotográfica sobre os pazos de Galicia. Cinco meses despois, o mesmo departamento asinou co diario outro convenio de 90.000 euros para que publicase no seu suplemento dominical aquelas mesmas fotos que xa lle vendera.

Esa praxe, similar á que usou con El Catón Compostelano, consistente en duplicar pagos ou favores por un mesmo concepto, era habitual na relación de Rey coa Xunta. En xaneiro de 2002, a Administración pagou á filial audiovisual de La Voz 36.000 euros para que producise unha serie documental, O mundo de Celavella, que logo lle recomprou a través da Televisión de Galicia e que se emitiu entre 2004 e 2005 na canle autonómica.

En 2007, 2008 e 2009, o Goberno autonómico, por entón en mans do PSOE e o BNG, pagou a La Voz outros 450.000 euros por publicar información sobre o Clube Internacional de Prensa. Pola mera subida deses contidos á web do diario, a sociedade filial que xestionaba a súa versión en Internet levou outros 150.000 euros. A de radio, 45.000 euros.

Alfonso Rueda, co director xeral de La Voz de Galicia, Lois Blanco, nunha imaxe de arquivo / David Cabezón

Galicia está na parte baixa da clasificación de penetración da prensa escrita no Estado.  Pero conta con doce cabeceiras diarias. Once están en mans de cinco grandes empresarios e editoras: La Voz de Galicia –a súa dona é a Fundación Santiago Rey, que preside Lois Blanco–; Prensa Ibérica, de Javier MollFaro de Vigo, El Correo Gallego de Santiago e La Opinión da Coruña–; Blanca García MontenegroEl Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra–; Óscar OuteiriñoLa Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo– e José CollazoEl Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol e Diario de Arousa–.

Entre os cinco recibiron máis de 50 millóns de euros durante os últimos 16 anos nos que o PP estivo consecutivamente no poder en Galicia desde 2009. Primeiro con Alberto Núñez Feijóo, ata 2022, e logo con Alfonso Rueda, ata o de agora. O único xornal á marxe dese ecosistema de liñas editoriais liberais ou conservadoras, Nós Diario, vinculado ao BNG, é tamén o único que non ten acceso ás millonarias axudas directas á prensa escrita. Nin sequera aos convenios bilaterais coa Consellería de Cultura para potenciar o uso do galego, a pesar de que, paradoxalmente, é o único que se publica en galego. Tampouco aos da Consellería de Educación, que cada ano compra preto de medio millón de exemplares dos once medios afíns ao PP para repartir nos colexios e institutos sostidos con diñeiro público.

O sistema que puxeron en marcha Pérez Varela e Manuel Fraga segue hoxe engraxado e a tope, pero xa non só en beneficio da prensa liberal e conservadora, senón tamén á vinculada á extrema dereita de Madrid. O pasado venres 7 de marzo, segundo desvelou o dixital Galicia Press, a Xunta e a Deputación de Ourense, tamén en mans do PP, pagaron en dous contratos menores sen concurso ao propagandista ultra Federico Jiménez Losantos máis de 18.000 euros cada unha, para que entrevistase no seu programa de radio aos seus respectivos presidentes, Alfonso Rueda e Luis Menor.

Non é a primeira vez que a Xunta financia os medios de propaganda da ultradereita. En abril de 2022, poucos días despois de ser designado presidente do PP e de que anunciase a súa renuncia á Xunta, Feijóo entregou a través da Axencia Turismo de Galicia 50.000 euros a EDATV, a canle de Internet do axitador ultra Javier Negre, para que promocionase o Camiño de Santiago. Fíxoo mediante tres contratos partidos para evitar ter que sacalos a concurso. Rueda repetiu a operación en 2023 e deulle a Negre 36.027,75 euros, tamén en contratos partidos. «É o procedemento habitual», di a Xunta. Como o era hai un cuarto de século co curioso caso do préstamo remunerado de El Catón Compostelano.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail