Que ten que ver a política coa psiquedelia? Cal é a importancia que pode estar a ter a psiquedelia na contrarrevolución reaccionaria de Trump e os seus aliados de Silicon Valley? Cal pode ser a resposta perante o desafío que supón a entrada dos psiquedélicos no terreo da política? Imos por partes.
Que ten que ver, logo, a política coa psiquedelia? Non é difícil se atendemos ao que está en xogo nas políticas de drogas e as súas mutacións no mundo contemporáneo. Ao longo da historia os distintos réximes de poder estableceron réximes regulatorios do consumo de substancias co poder de alterar os estados de consciencia. Non podía ser doutro xeito, posto que nada é máis importante para establecer e consolidar unha hexemonía política que ter o maior dominio posíbel das mentes.
Noutras palabras, seguindo e ampliando a Michel Foucault (consumidor, por certo, de cannabis e LSD), se todo réxime de verdade leva consigo relacións de poder e todo réxime de poder implica un xeito particular de coñecer a verdade, daquela establecer réximes de consumos (determinar que se pode e que non se pode consumir) constituirá réximes de consciencia (que pode e que debe evitar manifestar a mente). Non nos pode sorprender, pois, que prohibir certas substancias sexa de vital importancia para manter o control social.
Máis aínda, no que fai ao contexto actual, isto é dunha relevancia da que aínda non nos decatamos. O réxime de consumos/consciencia en vigor na actualidade é o resultado directo da Guerra contra as Drogas de Nixon. Máis de medio século dun modelo punitivista que só favoreceu milleiros de mortos e formas de violencia como non se coñecían. Non foi casual que o propio Nixon identificara no seu día a Timothy Leary como o «inimigo público número 1» dos EE.UU. Logo do Festival de Woodstock no agosto de 1969, a necesidade de reintegrar á orde os fillos das clases medias WASP (brancas, anglosaxonas e protestantes) a un sistema de valores conservador deviu prioridade total.
As elites tecnolóxicas hai tempo que predican abertamente os beneficios do consumo de psiquedélicos para a saúde mental, a cooperación ou a creatividade nas súas empresas
E, porén, todo isto está a mudar nos últimos tempos. Non é por casualidade que se puxera en evidencia pola alianza de Trump con Silicon Valley. A nivel do réxime de consumos, por exemplo, hai tempo que nos EE.UU. avanza a legalización de substancias como o cannabis, a psilocibina, a ketamina e outras. De xeito correlativo, no réxime de consciencia, hai xa uns anos que medra a gran velocidade o discurso en aberta ruptura co pasado punitivista: o chamado Renacemento Psiquedélico.
No concreto, por exemplo, as elites tecnolóxicas hai tempo que predican abertamente os beneficios do consumo de psiquedélicos para a saúde mental, a cooperación ou a creatividade nas súas empresas. Elon Musk xa hai un tempo que saíu do armario como consumidor de LSD, cannabis ou ketamina. E xunto ao dono de Twitter/X, outros destacados empresarios de Silicon Valley apoiaron de xeito expreso e xeneroso a campaña Trump. Así, por exemplo, Reid Hoffman (LinkedIn), Peter Thiel (PayPal) ou Daniel Ek (Spotify) lideran o xiro á extrema dereita de boa parte do que antes semellaba un firme terreo demócrata.
Nos últimos tempos asistimos á configuración dunha composición técnica de clase inédita no bloque trumpista; un bloque político que vai desde as elites do Silicon Valley a unha ampla constelación lumpen de extrema dereita poboada por neonazis, neopaganistas, podcasters, militares, influencers, racistas e toda caste de autócratas. Neste magma medra hoxe un réxime de consumos en ruptura co paradigma da Guerra contra as Drogas.
Porén, lonxe de responder á epifanía psiquedélica dunha iluminación redentora para a humanidade, o que se agocha neste emerxente «trumpismo ácido» (Álvarez-Villar) é máis ben unha reorientación necroliberal do paradigma dominante. Expresado nunha soa frase, estamos asistindo a unha estruturación autocrática dos usos farmacolóxicos: terapia psiquedélica para os megarricos, benzodiacepinas para as deprimidas clases medias en vías de extinción e fentanilo para o exterminio dos pobres. Unha lexislatura enteira con Trump na Casa Branca pode dar moitas sorpresas.
[Imaxe de cabeceira: Elon Musk fumando marihuana no podcast de Joe Regan (Youtube)]