Unha vez máis, e vén sendo norma na nosa política exterior, a actitude de España nega os seus compromisos e as súas obrigas e establece unha deriva que se xustifica como realista e non fai senón seguir o ditado de intereses alleos aos propios. E é que, desde a perda do grande Imperio, desnortamos a nosa localización no mundo e decidimos actuar en función de condicións conxunturais específicas; e non en base a orientacións sopesadas e decididas, dificilmente modificábeis nas súas liñas esenciais. É a actitude de quen carece dela e tende a se converter nun estado facilmente influenciábel e sen outro prestixio que o que deriva dos seus patróns ou manipuladores.
E non é cousa propia do espírito conservador ou liberal, nin da torta idiosincrasia da chamada esquerda… nin tan sequera do fundamentalismo máis reaccionario. Tan só pasamos, na nosa diplomacia, do decorado de cartón pedra ás leis do mercado.
Por iso é polo que a sorprendente decisión de favorecer á causa de Marrocos no conflito do Sáhara Occidental, abandonando unha política chamada de neutralidade activa non resulte en absoluto sorprendente. Pedro Sánchez, coa habilidade do xunco, dóbrase e acomoda á orientación do vento sen ter en conta de maneira suficiente as razóns que desaconsellarían o seu despropósito de estado.
A chamada última colonia de África ten sido o froito máis estrañado das apetencias dos nosos penúltimos soños coloniais que constituíron, máis tarde, parte de nosos máis angustiosos pesadelos.
Magra compensación da perda dos últimos residuos do noso Imperio universal, as posesións coloniais africanas constituían un substitutivo imaxinario destinado a complicar o noso deficiente axuste na contemporaneidade. E constituíano a Guinea Ecuatorial, o Marrocos español e o que, no seu día, denominouse de maneira ampulosa o África Occidental Española, composto polos territorios do Sáhara Occidental e o pequeno enclave de Sidi Ifni.
No caso do territorio saharauí a plena ocupación só se produciu en tempos da IIª República (alentada por Francia que non vía como poñer fin totalmente á guerra que os enfrontaba cos seguidores do Chej Ma-o Ainin). Cando concluíu a ocupación militar do territorio os restos das fraccións que protagonizaran esa loita desigual refuxiáronse nas terras dominadas por España.
Tan só o descubrimento dos fosfatos de Fos Bucraa marcou o inicio dun interese pola colonización efectiva da zona que adquiriu un maior grao coa iniciativa de incorporar ese territorio como a 53 provincia do Estado español, anexionándoa de forma unilateral ao Estado; unha forma de compensar o decepcionante tratado asinado con Marrocos, que poñía punto e final á guerra de Ifni/Sahara.
Eses primeiros indicios de descolonización trataron de contrarrestarse cunha administración de porte militar pero na que se contemplaba unha Asemblea Consultiva da provincia, a Yemáa, e ata a creación dun partido político, no 1974, o P.U.N.S. (Partido da Unión Nacional Saharauí), nun momento no que estaban aínda prohibidos no resto de España.
O abandono do territorio constituíu un fracaso maiúsculo do que foron máximos responsables o último Goberno franquista e o entón Príncipe de España e Xefe de Estado en funcións, Juan Carlos. Marrocos propuxo a chamada Marcha Verde e negociou coa potencia administradora do Sahara, ás costas dos habitantes do país e dos seus órganos de representación, un tratado que entregaba a aínda provincia a Marrocos e a Mauritania. Ese tratado asinábase o 14 de novembro de 1975, seis días antes de que as Cortes franquistas, co ditador xa defunto, aprobasen o retroceso do Sáhara á súa antiga condición de colonia; xa que, sen ela, constituía unha posesión intransferíbel.
Unha precipitada saída que máis se parecía a unha fuxida e unha cesión inédita na historia colonial do mundo deron paso á ocupación militar marroquí e a longos anos de guerra e penurias para a zona. E á creación dun envurullo legal que perviviu ata a actualidade.
O Sáhara Occidental segue sendo xuridicamente, a día de hoxe, un territorio baixo a administración colonial de España, posto que o chamado tratado de Madrid non foi ratificado por vía parlamentaria nin aceptado como tal pola ONU aínda que de feito estea ocupado por Marrocos. E tanto é así que, para os organismos internacionais correspondentes, as augas e o espazo aéreo saharauí son competencia da administración española, como saben moi ben e silencian os nosos dirixentes políticos.
Por iso é polo que unha declaración como a presente sexa un disparate diplomático xa que, aínda que España non acepte a legalidade do seu mandato administrativo, está obrigada a unha neutralidade e equidade entre as partes que vulnera de forma groseira.
Ben é certo que unha posición pro-marroquí foi a actitude constante dos gobernos socialistas desde a era Zapatero pero de forma trampulleira e velada; e que Pedro Sánchez bañouse de «gloria» coa anuencia de EEUU e dos países de maior peso na UE. Pero non é menos certo que ninguén lle defenderá publicamente da súa evidente torpeza.
El sabe perfectamente que a maioría da cidadanía española sente simpatía pola causa saharauí e pola súa posible independencia pero confía en facernos comulgar coas grandes vantaxes da súa decisión que tan só procura o noso beneficio rendíbel. A costa do sufrimento e a vexación de milleiros de persoas que confiaban en que España non os deixaría de lado-
Marrocos deixará de enviarnos á desesperada negritude que nós bautizamos co eufemismo de subsaharianos. E di que deixará de reclamarnos Ceuta, Melilla e as augas territoriais de Canarias. E que teremos vexetais e peixe a baixo prezo e excelentes condicións. E nós teremos que crer, á nosa vez, que o Reino que incumpriu cantos tratados asinou co noso sexa, por unha vez e grazas á habilidade dos Sres. Sánchez e Albares, fiel ao que promete.
E en aras a uns hipotéticos beneficios propios que se deberían de valorar explícita e pausadamente, España non dubidou en poñer en grave risco a estabilidade do Magreb nun momento especialmente delicado e crítico.
Cabe lembrar que a improcedente declaración de Trump aprobando, nos últimos días do seu mandato, a anexión do Sáhara a Marrocos coma se asumise o papel de máximo xerarca da política internacional, e o consecuente achegamento diplomático entre este país e Israel, supuxo o inicio dun forte desequilibrio no marco rexional; o que propiciou unha guerra localizada pero cruenta no Sáhara que dura xa preto de ano e medio e, sobre todo, supuxo a ruptura de relacións diplomáticas entre Marrocos e Alxeria. Desde hai meses ambos os países desenvolven constantes manobras militares nas súas zonas fronteirizas con lume real, e romperon todo contacto comercial. Unha consecuencia importante diso, a nivel global, foi o peche do gasoduto Magreb-Europa que importaba gas alxerino cara a España e Marrocos, o que significou para este último país a perda da súa principal subministración de enerxía. E a latente tensión que se vive entre dous aliados das grandes potencias hoxe enfrontadas, en claro perigo de conflito aberto.
Desequilibrar a rexión de forma imprudente é como crear as condicións que favorezan o inicio desa guerra que afectaría a Europa en tanta medida como a de Ucraína e que poñería en perigo o abastecemento enerxético procedente de Alxeria. Menos mal que España cualifícaa dun socio sólido estratéxico e fiable porque, doutro xeito, eu apostaría que o noso aprovisionamento de gas alxerino, un 40% do que consumimos, vai ter que improvisalo para nós o Presidente do Goberno.
Pero o noso Goberno nunca se equivoca porque non é o quen realmente toma as decisións senón que acepta a partir das presións de Marrocos e dos seus aliados. Por que digo que este episodio non foi unha traizón? Porque se traizoamos os nosos propios compromisos e intereses xa non podemos exercer a traizón que só é patrimonio de quen pode facela a partir da súa propia toma de decisión.
De este modo se pon remate ao noso IIº Imperio Colonial. E como legado civilizador deixamos unha terra rifeña empobrecida e marxinada, Un rincón ecuatorial sometido a unha dinastía ditatorial sinistra e corrupta. E unha poboación acolledora no deserto mangoneada e anulada por un sátrapa divinizado e despótico.