Altri e as dez veces en que a mobilización social derrotou en Galicia á industria da celulosa

A Coruña.- O pasado 31 de xaneiro, xusto antes da súa última canción durante un concerto no Coliseum da Coruña, a cantante Amaia Romero quedou intrigada por unha consigna que o público coreaba con insistencia entre os seus temas. Micro en man, preguntoulles aos asistentes a que ou a quen se referían: «É alguén de aquí? É galego ou español?». Á artista navarra notábaselle que non entendía moi ben a resposta nin, en realidade, de que ía o asunto, cando, a pesar de todo, empezou a saltar animando o auditorio para que repetise entre aplausos o lema que levaba escoitando todo o recital: «Altri non!, Altri non!».

Desde que en marzo de 2024 se fixo público que o que a multinacional papeleira portuguesa Altri quería instalar en Galicia era unha macroplanta de celulosa de enorme capacidade contaminante, e non unha biofábrica ecolóxica de fibras téxtiles, como tentaron facer crer os gobernos autonómicos de Alberto Núñez Feijóo, primeiro, e de Alfonso Rueda, despois, corear «Altri non!» en concertos, competicións deportivas e actos públicos, converteuse nun clásico. E a mobilización social que está detrás desa consigna non se fía do todo do anuncio da Xunta de que non concederá a autorización ambiental integrada que a firma necesita para levantar a súa planta en Palas de Rei (Lugo). Nin sequera despois de que Rueda trasladara este venres que o arquivo é definitivo e que se a compañía desexa revivir o proxecto, «tería que empezar de cero».

«Máis aló do arquivo, o que necesitamos é que o proxecto se enterre. E xa lle levaremos flores», dixo este luns Juan Pedro Sánchez, presidente da Plataforma Ulloa Viva. A organización, liderada maioritariamente por mulleres, encabezou o combate cívico contra a planta xunto á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PEDRA), da que tamén forman parte as mariscadoras dese estuario, onde desemboca o Ulla. Entre ambas desenvolveron unha estratexia de comunicación orixinal, imaxinativa e certeira, que foi capaz, polo menos así dá a impresión, de gañarlle a partida á poderosa maquinaria mediática da empresa, da Xunta e do PP, da alianza financeira e industrial que pretendía beneficiarse do proxecto (Abanca, a gasística Reganosa e a Greenalia…) e do armazón de lobistas situados a esquerda e dereita do eixo político Santiago-Madrid-Bruxelas.

Mobilizacións

Esa resposta da sociedade civil organizada logrou instalar a súa mensaxe ata facer de Altri un debate de país, o máis relevante das últimas décadas en Galicia, capaz de mobilizar miles de persoas nas decenas de protestas, marchas, manifestacións e accións varias que se produciron nos últimos dous anos. E a que a consigna sexa un clásico en verbenas populares, concertos de rap, partidos de fútbol profesional, torneos infantís e xuvenís, galas e entregas de premios, mitins e ata presentacións de libros.

Imaxe da manifestación contra Altri do pasado 22 de marzo na Pobra / Plataforma en Defensa da Ría de Arousa

«É un movemento transversal, sen siglas, unha loita de ideas e de persoas, de miles de persoas», afirma Xaquín Rubido, portavoz de PEDRA, quen tamén destaca o silencioso traballo das plataformas para armar o combate administrativo e xurídico contra Altri. Rubido lembra que non é a primeira —«nin talvez a última vez», advirte— que a sociedade galega se enfronta ás pretensións da industria química para instalarse e transformar os seus recursos naturais —madeira, auga e aire, bosques, ríos, rías e paisaxes— en contaminación e pasta de papel.

Desde que o ditador Francisco Franco inauguroi en 1963 a planta da Empresa Nacional de Celulosas (Ence) en terreos públicos gañados ao mar na ría de Pontevedra, houbo xa intentos serios de construír máis factorías en Galicia. En 1974, Proullasa, unha compañía vinculada ao Banco Pastor —o emblema financeiro do armazón empresarial do home de palla de Franco, o oligarca Pedro Barrié de la Maza—, quixo construír unha pasteira no municipio de Dodro (A Coruña) a cen quilómetros ao suroeste de Santiago e moi preto da desembocadura do Ulla en Arousa, e despois en Rois, que o Sar baña na mesma provincia.

Os informes científicos desbarataron ambas propostas. Pouco tempo despois Celulosa e Papel de Galicia (Cepagasa), participada polo Banco de Vizcaya e Papeleira Guipuscoana de Zicuñaga, tratou de instalarse en Pantín (A Coruña). Segundo un artigo que o xornalista Xosé Navaza escribiu en 1977 na revista Teima, a empresa tivo que desistir polas presións dun alto cargo da Armada franquista dono duns terreos anexos á parcela onde se quería levantar a planta.

Toén e O Barco

A principios de 1975, poucos meses antes da morte do tirano pero esta vez co apoio do seu gobernador civil na Coruña, Joaquín Llobel Muedra, Celulosas de Guipúzcoa proxectou outra fábrica xunto ao río Miño no municipio ourensán de Toén. As protestas de veciños e veciñas, na súa maioría gandeiros e campesiñas aos que se uniron partidos nacionalistas e de esquerda, organizacións ecoloxistas e científicos e profesionais da universidade que alertaron dos efectos catastróficos que terían as verteduras no Miño, fixeron que a empresa desistise daquel emprazamento e tratase de relocalizar a pasteira no Barco de Valdeorras, a cen quilómetros de alí, xunto ao Sil. Á resistencia sumáronse entón os viticultores da zona, que, advertidos do intento de Toén, lograron frear a que se lles viña enriba.

Celulosas de Guipúzcoa volveu á carga noutras cinco ocasións: primeiro en Cospindo, en Ponteceso (A Coruña), no extremo norte da Costa da Morte, onde ata a catástrofe do Prestige nunca se viu unha resposta social tan contundente como a que callou o 28 de febreiro de 1976 nunha multitudinaria manifestación —Ponteceso tiña entón 8.000 habitantes— de veciños e alcaldes da comarca. Logo en Brión, a un cuarto de hora en coche de Santiago, onde a empresa topou de novo co rexeitamento organizado de veciños e ecoloxistas, incluído o que logo sería portavoz nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras. O líder nacionalista, catedrático de Estrutura Económica na Universidade de Santiago, chegou a ameazar cunha querela o alcalde dun municipio limítrofe por coaccionar a veciños da comarca para que vendesen á empresa as leiras onde quería instalarse.

Manifestación en abril de 1976 Quiroga (Lugo) contra outro proxecto para levantar unha celulosa. Arquivo Lois Diéguez

A compañía vasca tentouno tamén en Ponteareas (Pontevedra), onde o Goberno local rexido polo franquista José Castro —pai da exdeputada do Partido Popular, directora xeral de Turismo de Feijóo e hoxe alcaldesa, Nava Castro— ofreceu terreos públicos xunto ao río Tea para levantar a fábrica. A resposta social impediu que o intentase unha vez máis para probar sorte outra vez xunto ao Miño nas Neves, a 20 quilómetros de alí. Os directivos aos que a firma enviou para convencer os nevenses no pleno no que pretendía solicitar o seu apoio tiveron que saír do Consistorio con protección policial.

Quiroga
En Quiroga, o municipio lucense ao que dá nome ese río, aínda se lembra a onda represiva desatada polo aparello da policía política que a ditadura aínda mantiña na provincia para tentar acalar as protestas contra o último intento de Celulosas de Guipúscoa de instalarse en Galicia. O 18 de abril de 1976, decenas das entre 3.000 e 4.000 persoas que se manifestaron ese día na localidade —tantas como todos os seus habitantes de entón— foron malladas e detidas e sancionadas logo polo Goberno Civil que encabezaba o falanxista José Antonio Trillo e López Mancisidor, quen acabaría a súa carreira política como deputado no Congreso de Alianza Popular —hoxe Partido Popular— de Manuel Fraga.

«Foi un movemento transversal, sen siglas, unha loita de ideas e de persoas, de miles de persoas» (Xaquín Rubido, portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa)

Entre aquela manifestación de Quiroga e o concerto de Amaia no Coliseum da Coruña pasou case medio século. E quen combaterom civilmente a Altri non se fían porque a memoria colectiva xa lles lembra que a industria química segue tentándoo, e que, aínda que a Xunta rexeitara dar a Altri a autorización ambiental integrada que necesita, en 2023 declarou o seu proxecto como estratéxico para Galicia, e hai menos dun ano informou favorablemente sobre a súa declaración de impacto, nunha resolución que lle dá un prazo de seis anos para seguir tentándoo.

O pasado 31 de xaneiro, nada máis acabar o seu recital na Coruña, Amaia pediu que alguén lle explicase que era aquilo que os seus fans gritaban e lle pedían a ela que gritase cando lle reclamaban un bis. Así que a artista e o seu equipo gravaron un clip no que o contan, e que xa viron miles de persoas porque o rebotaron a través de varias redes sociais: «Outra si, Altri non!».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail