Alemaña muda de bipartidismo

As eleccións do domingo en Alemaña serán lembradas longo tempo como un punto de inflexión histórico. Nas análises destes primeiros momentos aínda se están a exprimir os tópicos ideolóxicos. Mais o certo é que traspasamos un limiar que non se deixa explicar polos vellos ideoloxemas. A razón disto é sinxela: o dato máis relevante é que o bipartidismo de 1949 colapsou. Todo o espectro político desprazouse á dereita. E isto ata o punto de que, en adiante, a centralidade no sistema de partidos (a non confundir co centro) se situará nun punto á dereita da dereita.

As análises de conxuntura poden hoxe apuntar moitos datos e reflexións interesantes. O máis clarificador do que acaba de acontecer, porén, é o dato que se segue dunha análise a longo termo: o colapso bipartidista que remata na grande coalición. Para ver as dimensións do acontecido cómpre maior perspectiva temporal. Botemos, pois, unha rápida ollada xenealóxica á política xermánica.

Domingo 19 de novembro de 1972. Por vez primeira desde as eleccións ao Reichstag de 1930, o partido socialdemócrata (SPD) convértese na forza máis votada. Acada un 45,9% do voto. Os socialdemócratas nunca máis chegarán a igualar ou mellorar este resultado. Willy Brandt é premiado pola súa xestión á fronte do partido que o levaría a protagonizar a primeira alternancia democrática de posguerra. O resultado de 1972, porén, explica moito máis se o contextualizamos atinadamente. As eleccións de 1972 foron o resultado dunha historia de éxito democratizador sen precedentes. Os datos falan por si mesmos: cun máximo de participación histórica (91,1%), só tres forzas políticas (SPD, CDU/CSU e FDP) acadan o 99,1% do voto válido. Custa de imaxinar unha representación máis acabada e lexítima. A coincidencia entre a constitución material da reconstrución ordoliberal de posguerra e o bipartidismo (moderado, centrípeto e alternante grazas ao pequeno partido no gonzo, a liberal FDP) consegue unha validación democrática inmellorábel.

Este momento doce do capitalismo renano non durará. Ao ano seguinte chegará a Crise do Petróleo e a fin do ordoliberalismo. Aínda haberán de pasar uns anos antes de que se reflicta no sistema de partidos, mais a comezos dos setenta, a crise sistémica, adiantada pola loita armada da Rote Armee Fraktion (RAF), xa está en marcha. A parteira da Historia irrompe na política teutónica. As dúas grandes formacións comezarán, logo do seu pico conxunto en 1976 (91,2%), unha caída que onte chegou ao seu tope mínimo: o 44,9%; un descenso constante, só interrumpido puntualmente polas eleccións de 2013.

Mais se o bipartidismo xa non reunía a metade dos votos en 2021, o bipartidismo moderado tampouco pode botar man agora dos liberais para asegurar alternancias e apoios. Se incluímos a FDP na suma, os chamados «Partidos de Bonn» (CDU/CSU, SPD e FDP) baixaron do 61,3% nas anteriores eleccións ata o 49,3% este domingo. A gran coalición coa que, por forza, terá que gobernar Merz non disporá da centralidade no sistema de partidos.

Se ata o domingo pasado ningún partido superaba os integrantes por separado das grandes coalicións, xa non é o caso. O SPD caeu ata o peor resultado desde a restauración da democracia en 1949: o 16,4%. Por vez primeira, un dos dous grandes partidos do bipartidismo é adiantado por un extremo; en concreto, pola extrema dereita da AfD, que chega ao 20,8% e que pasa a liderar a oposición. Na banda oposta, sumados, Die Grünen (11,6%) e Die Linke (8,8%) superan por 0,4 puntos a extrema dereita. Na aritmética parlamentaria, porén, fican catro escanos por baixo.

Así as cousas, o adianto electoral de Scholz, provocado pola incapacidade de xestionar un tripartito semáforo (vermello de SPD, amarelo polo FDP e verde por Die Grünen), foi confirmado como un erro maior, que deixa o partido de Willy Brandt e Helmut Schmidt perante a necesidade de ceder á CDU, máis unha vez, o posto de irmán maior na Grande Coalición. Non entrar agora no goberno Merz podería ser o erro definitivo do SPD para consolidar o bipartidismo emerxente da CDU/CSU con AfD.

En suma, onte rematou en Alemaña un bipartidismo e abriuse a porta a un outro alternativo. O proxecto histórico do capitalismo reformista caeu non só ata os seus peores resultados desde 1949. É que mesmo hai que ir a 1887, baixo un réxime político diferente por completo, para dar cun resultado máis baixo que o de onte. Se o SPD non quere caer na irrelevancia os anos vindeiros, úrxelle un rearme ideolóxico perante a dereita e a extrema dereita. Insistir en ser a variante progresista do neoliberalismo levou á Socialdemocracia á subalternidade política. Xa sabe onde non abondar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail