As teleoperadoras de Telefónica reclaman ao Estado que impida a deslocalización dos seus centros de traballo

A Coruña- «Tes experiencia en call center e apaixónache ofrecer un excelente servizo ao cliente? Estamos buscándote! Contrato de 46 horas!». «Campaña de atención ao cliente español, servizos fixos e móbiles, horarios rotativos de 7am a 3pm os primeiros tres meses, despois quendas de madrugada. Luns a domingo con día compensatorio».

As anteriores son dúas ofertas laborais de empresas españolas que buscan en Colombia operadores de telemárketing para atender desde ese país clientes españois doutras empresas españolas. Adiviñen a razón do trabalinguas, que se explica por si soa no propio anuncio: «Salario de 1.473.500 a 1.673.500 pesos colombianos». Ao cambio son entre 345 e 392 euros ao mes.

O sector do telemárketing, que segundo varias fontes ocupa en España a máis de 100.000 traballadoras –en feminino, porque a inmensa maioría son mulleres–, leva anos sufrindo un severo proceso de deslocalizacións motivado pola estratexia de redución de custos salariais emprendida polas principais compañías.

Non é que as teleoperadoras teñan nóminas altísimas. De feito, as táboas salariais dalgúns convenios colectivos quedaron obsoletas polas subidas do salario mínimo interprofesional (SMI) nos últimos anos. Pero nin sequera a súa precariedade pode competir cos baixísimos soldos doutros países castelanfalantes.

Mileuristas

«Unha xestora, é dicir, unha operadora con capacidade para tomar decisións, con 25 anos de antigüidade na empresa e contrato de 39 horas á semana, cobra uns 1.250 euros brutos ao mes. É dicir, uns mil euros netos», explica Rosa Gómez. É delegada da Confederación Xeral do Traballo (CXT) no centro de traballo da Coruña de Atento, subcontratada por Telefónica para a atención da súa clientela.

A finais do ano pasado, as traballadoras de Atento celebraron unha folga de 24 horas e concentráronse fronte aos seus centros de traballo para denunciar o despedimento de vinte compañeiras e para alertar da política de «destrución de emprego» da compañía. No mes de xullo, lembra Rosa, outras 525 empregadas foron despedidas porque a dirección «inventou un traslado forzoso a Madrid desde centros doutras provincias que non era necesario nin estaba xustificado, porque a atención telefónica se pode facer desde calquera sitio». «Os traslados eran inasumibles para unhas compañeiras con xornadas parciais e salarios por baixo do SMI», engade.

Oferta de emprego de Abai, subcontrata do servizo de atención ao cliente de Telefónica, en Colombia / CXT

Atento é propiedade de varios fondos de investimento estranxeiros –entre outros Baim Capital, HPS Investment Partners e Farallon Capital Managment–, pero presta servizos a Telefónica, cuxo accionista maioritario é o Estado español a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que a primavera pasada se fixo co 10% da compañía por 2.285 millóns de euros. A entrada do Estado no seu capital tivo como primeiras consecuencias o despedimento do seu presidente, José María Álvarez-Pallete, e o nomeamento de Marc Murtra como o seu substituto.

As operadoras, asegura Rosa Gómez, cren que, desde a súa posición maioritaria no consello de administración de Telefónica, é agora obrigación do Estado protexer os empregos directos e indirectos en España e evitar que as subcontratas da empresa despidan as súas traballadoras aquí para contratalas a baixo prezo noutros países.

Expediente de regulación de emprego

O que sucede en Atento é equiparable ao que ocorre en AbaiGroup, outra firma subcontrada por Telefónica para dar servizo aos clientes de O2, a marca comercial de telefonía móbil de baixo custo da compañía. Os seus traballadores iniciaron o mes pasado un calendario de protestas pola deriva de carga de traballo a un novo centro aberto na localidade colombiana de Pereira, despois de que a dirección executara o pasado outono un expediente de regulación de emprego destinado a amortizar centenares de postos de traballo.

«Levan meses de ataques aos dereitos das traballadoras», advirte Adrián Seijas, delegado da CXT no centro de traballo de Abai na Coruña. «A dirección de ABAI busca destruír postos de traballo nos centros que ten no Estado español e así poder deslocalizar os servizos de atención ao cliente de Movistar a outros países. Neste caso concreto, á localidade colombiana de Pereira, onde as nosas compañeiras sofren peores condicións ca nós. Buscan incrementar os seus beneficios a través da precariedade laboral de miles de traballadoras en todo o mundo», explica.

Concentración de traballadoras de telemárketing na Coruña, nunha imaxe de arquivo / Foto: CXT

«Somos solidarias coa situación das compañeiras deses países, pero unha empresa pública non pode promover a precarización do emprego á conta de destruír postos de traballo en España», engade.

Segundo Marta, un alias para identificar outra traballadora de Abai, con preto de 20 anos de antigüidade na empresa e que pediu resgardar o seu anonimato, as condicións son cada vez peores. «Atendemos centos de chamadas ao día, e a empresa esíxenos que cada unha non dure máis de seis minutos, o que acaba derivando nun mal servizo para o cliente», relata. Ela cobra 1.050 euros netos ao mes, e nunca recibiu os complementos que a empresa ofrece por incentivos de produtividade porque, asegura, son imposibles de cumprir.

Incentivos imposibles

«Para ter acceso a eles a chamada ten que durar menos de seis minutos e o cliente ten que puntuarte cun nove sobre dez. E, ademais, aínda que este nos chame para expoñernos unha queixa ou un problema, para optar ao incentivo temos que venderlle outro produto no mesma chamada, o que resulta practicamente imposible en menos de seis minutos e porque a maioría das veces nin sequera temos formación ou capacitación en vendas», engade.

«Os nosos empregos e as nosas condicións laborais tamén son de interese nacional»

Para Marta, o feito de que o Estado español sexa o accionista maioritario de Telefónica pagando unha cantidade multimillonaria de diñeiro público, nunha operación destinada segundo o Goberno para garantir «a seguridade nacional», debe servir tamén para que se protexan as condicións das teleoperadoras que dan servizo aos seus clientes. «Os nosos empregos e as nosas condicións laborais tamén son de interese nacional, ou non?», pregúntase.

Luzes-Público dirixiuse á SEPI e ao Ministerio de Facenda, de quen depende o organismo, para saber se a entrada de capital estatal en Telefónica e as substitucións na súa cúpula servirán para mudar a estratexia de deslocalizacións das súas subcontratas, pero non obtivo contestación. Este medio dirixiuse tamén aos departamentos de comunicación de Atento, Abai e da propia Telefónica, pero á hora na que se terminou de escribir este artigo ningunha das tres compañías respondera.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail