Esta semana fomos mallados mediaticamente pola guerra interna no PP que eles mesmos, seguindo un costume moi da dereita neoliberal, externalizaron. Ese pseudosegredo dos círculos próximos ás elites do partido fíxose público cun estoupido en forma de declaracións da dirección do partido que axiña foron contestadas pola lideresa Mater Dolorosa –como a chama o compañeiro Diego E. Barros–. Acusacións cruzadas. Guerra aberta, espectáculo público. A mediocracia facendo caixa. As redes incendiadas e a sociedade polarizada.
A opinión pública, sen embargo, estivo unhas horas en shock. Non soubo posicionarse nos primeiros compases desta sinfonía de destrución, xa que logo, algo tan español como ser equidistante aquí non era posíbel, pero quen se movera demasiado rápido podía errar as lealdades e iso sería mortal. A cousa é tan grave que ambas partes son indefendíbeis para a cabeceiras da dereita, é dicir, case todas.
A fiscalía anticorrupción que ten investigado rumores moito menos fundamentados aínda está buscando o xornal do luns. Iso si, aqueles rumores apuntaban á esquerda, claro. En fin, xa saben como vai o lío: Casado e Egea contra Ayuso e M.A.R., Génova contra Sol. Os Chicago boys de patacón contra o populismo nacional católico tradicionalista-emocional. Unha especie de Operación Triunfo da corrupción, un concurso de chourizos, un desfile de elitismo caciquil. O problema é que Casado non pode permitir a ambición da Mater Dolorosa, que non é Madrid, é a Moncloa. Pode que nesta lea o único beneficiado sexa un Feijóo que sabe como se fan ben feitas este tipo de adxudicacións de urxencia –para iso tamén hai que ser solvente–. É agora o único salvador da dereita. Un mesías que ademais pode dárlle a volta a esa estratexia teodorista de ser máis patrioteiro que os patrioteiros verdes. O sorpasso dos ultras xa está a día de hoxe encarrilado e, se o PP non cambia, será real en escanos nas vindeiras xerais.
Os que algunha vez estivemos na política activa (no meu caso, local) sabemos que a política non se fai entre amizades. Faise entre colegas de partido. As máis das veces, cun nexo común no cerne ideolóxico e unhas grandes diferenzas en todo o demais. Sobre todo na forma de levar a ideoloxía ás políticas reais. Iso produce tensións. As dinámicas internas dos partidos móvense sempre na confrontación de baixa intensidade interior, na fricción que se produce entre os distintos bloques ideolóxicos que hai dentro do partido e na tensión coa elite, coa burocracia interna, que é resistente ao cambio porque se hai cambio perde o poder.
A dificultade real está en enfrontarse ao propio porque esas diferenzas en termos ideolóxicos e intelectuais da política son menos importantes e aparecen as diferenzas persoais impulsadas polas distintas ambicións e grupos de poder. Polas tensións entre os que queren adaptar a estrutura, o discurso e a praxe do partido para acadar o poder externo e quen se conforma con manter un poder interno, que cambie todo fóra para que non cambie nada dentro, aínda a costa do estancamento –ou menoscabo– da capacidade da organización. Hai quen provoca cismas e sobrevive a eles para reforzar o control sobre a estrutura, é dicir, o poder. Sempre hai kamikazes políticos, como neste caso. En síntese, a cristalización do concepto weberiano da burocracia.
Na política, a loita é polo poder. Sempre primeiro polo poder interno. Ese é o realmente importante porque sen ter o partido ben controlado é imposíbel acadar o poder externo. E nos partidos sempre hai unha elite, un grupo de aparatchiks que teñen a habilidade de sobrevivir a cambios estruturais e de liderado. Son eses os que controlan os partidos e, como poden imaxinar, son eses os que representan o conservadurismo interno. E non adoitan estar na primeira liña, senón na burocracia interna, sempre máis estábel e máis resiliente. Non dubiden, detrás dunha dimisión, a meirande parte das veces, hai un problema interno, unha tensión e, aínda que poucas veces rompe a corda porque adoita haber kamikazes só dun lado, cando hai nos dous bandos todo salta polo ar, como ben saben os de Teo… doro.