Chegou o momento da sátira, do humor e de botarlle un pequeno pulso ao poder establecido. Como non podía ser doutro xeito, no episodio desta semana co patrocinio de PuntoGal falamos do Entroido.
Ás Womansplainers encántanos disfrazarnos. Aínda non sabemos de que nos vestiremos este ano, pero facemos unha recopilación dos nosos mellores disfraces de todos os tempos.
Debatimos sobre como nestas datas segue a ser habitual atopar homes disfrazados de muller e disfraces pensados para mulleres que non deixan de ser hipersexualizadores.
Por outra parte, os Entroidos tradicionais da Galiza existen máis alá do clásico «triángulo máxico». En moitas vilas galegas estanse a realizar importantes traballos de recuperación das celebracións populares desta festividade, sen sufriren a masificación e turistificación que se observa nas festas de entroido máis coñecidas a nivel estatal e internacional.
Se algo caracteriza tamén esta época do ano é a abundante diversidade de pratos típicos da nosa gastronomía. Cales son os vosos favoritos?
Para rematar recomendámosvos música, libros e viaxes relacionados coa temática entroideira que podedes desfrutar de xeito especial nestas datas.
Viva o Entroido!