O eterno pulso pola conciliación

As enfermeiras do servizo galego de saúde levan anos protestando contra un sistema de contratos eventuais que as obriga a darse de baixa das listas de contratación para evitar ser penalizadas, sen traballar, sen cotizar e perdendo puntos para as oposicións.

Non é un síntoma da crise sanitaria polo coronavirus. A elevada eventualidade e a concatenación de contratos das enfermeiras do Servizo Galego de Saúde (Sergas) é unha tónica habitual que acentúa a precariedade laboral cando son nais e teñen que conciliar a vida laboral e profesional. Debido ao sistema de penalizacións non poden rexeitar os contratos que lles ofrecen, o que as obriga a darse de baixa nas listas ou a suspender os chamamentos con todo o que iso implica: prescindir do soldo, non cotizar e perder os méritos por tempo acumulado.

As protestas das profesionais de enfermería en Galicia suman anos de vida e xa chegaron ao Parlamento Europeo con denuncia da man das Enfermeiras Eventuais en Loita, un colectivo que naceu para protestar polas políticas de privatización e as condicións laborais dirixidas polo Partido Popular e os departamentos de sanidade do goberno de Alberto Núñez Feijóo. A Comisión Europea xa está a investigar os abusos por parte do Sergas de contratos temporais, unha situación difícil de soster cando son nais ou teñen persoas dependentes ao seu cargo.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), no ano 2019, un 46,7% de mulleres alegou traballar a tempo parcial como consecuencia do coidado de persoas dependentes. Os últimos datos reflicten que a medida que se incrementa o número de fillos menores de 12 anos diminúe a taxa de emprego nas mulleres. A porcentaxe de mulleres que interromperon o seu emprego por máis de dous anos para o traballo de coidados foi do 17,7% fronte ao 2,8% dos homes.

O coronavirus acentuou a temporalidade dos contratos. Debido á falta de transparencia da Xunta nestes termos descoñécese o número exacto de enfermeiras fixas e eventuais -o colectivo Enfermeiras en Loitacífrao nun 40% do persoal-, así como os contratos que realiza o Sergas a diario e as substitucións. Os datos foron solicitados por este medio, pero tampouco foron revelados, mais o departamento si especificou que nas propias listas de selección temporal mestúranse as persoas contratadas e as demandantes de emprego: 24.507 en 2020, un 3,52% máis que o ano anterior.

A problemática esténdese tamén para Atención Primaria: os postos vacantes non se cobren, e polo tanto, o persoal ten que dobrar quendas e traballar polo que falta. A contratación urxente é un feito e as enfermeiras aceptan que as supervisoras teñen que contar con persoal dispoñible para repoñer. O que non xustifican son os múltiples contratos por días e por poucas horas cando o que en realidade están a cubrir é unha baixa ou unhas vacacións. «O problema non é traballar o día solto, nin a urxencia ausente. O problema é que pretenden facer disto unha forma de contratar», subliña Catuxa Lagarón, integrante de Enfermeiras Eventuais en Loita.

As excepcionalidades deviñeron a norma xeral no Sergas e por iso constan enfermeiras que encadean nove contratos seguidos nun mes. É habitual que con tres horas de antelación e dun día para outro chamen a unha enfermeira para acudir a traballar, de maneira que cando necesitan conciliar poden ser penalizadas ata un ano se rexeitan o contrato. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) tanto para as listas xerais como para as listas de curta duración. Penalizarase á persoa que renuncie por primeira vez a unha oferta trasladándoa ao final da lista, e á segunda, será penalizada excluíndoa da mesma. «A penalización acordada por un ou outro motivo, que se estenderá a todas as listas nas que figure admitida a persoa (…), terá unha duración dun ano». Este é o motivo polo que as enfermeiras eventuais teñen que decidir entre a suspensión de chamamentos ou directamente, darse de baixa nas categorías para poder conciliar.

Karla Yáñez é técnica en coidados auxiliares de enfermería. Nos últimos días fixo público un vídeo onde denuncia un cambio de lista por parte do Sergas que ela non pode aceptar ao constituír unha familia monoparental. Isto ocorreu o 23 de marzo de 2020, ao comezo da primeira onda. O seu último contrato foi por un día no Hospital Universitario Lucus Augusti, en Lugo. Unha chamada citouna para traballar en función das listas do pool, é dicir, as de nomeamento de curta duración, cando ela formaba parte das xerais. Explicou que non podía responder a esa demanda porque non tiña con quen deixar ao seu fillo e púxose en contacto con Recursos Humanos (RRHH) a través dunha carta, xa que lle especificaron desde o hospital que era o departamento que debía xestionar ese cambio de lista. RRHH tardou dous meses en responderlle rexeitando os motivos que expoñía e comunicándolle que «soamente se contempla a suspensión de chamamentos nas listas de curta duración (…) nos supostos de maternidade, paternidade ou adopción legal». Volveu recorrer, pero non obtivo ningunha resposta, polo que tivo que darse de baixa.

Karla non é consciente de apuntarse a esas listas, xa que formaba parte das xerais ata o momento e conseguía a través dela os contratos. As enfermeiras poden elixir as categorías das que formar parte, pero entre que se apuntan ata que deixan de ser efectivas pode pasar un ano e medio, «a túa vida nese tempo pode pegar un cambio radical», conta o colectivo de enfermeiras. Karla compaxinaba o traballo no Sergas con outro nunha clínica dental e a empresa foi a ERTE pola pandemia. Desde aquela, non volveu asinar un contrato co Sergas e cobra o paro grazas a este segundo traballo, algo que adoita ocorrer entre o persoal sanitario de Galicia se antes non decide abandonar a comunidade autónoma en busca de mellores condicións. Karla terá que esperar ata a renovación das listas para constar activa para o Sergas, o cal se prevé que ocorra en abril ou maio. «Cando deixei de traballar o Sergas necesitaba xente porque moitas déronse de baixa, optaron por xente sen titulación e a persoas coma min querendo traballar non llo permitiron», conta a Público.

No Hospital do Salnés (Pontevedra) unha enfermeira foi penalizada por asistir ao pediatra co seu fillo aínda remitíndolle ao Sergas un xustificante médico ao momento da chamada. Por temor ás represalias que poden sufrir estas profesionais ao falar coa prensa (como repartición das peores quendas, horas extra…), a enfermeira preferiu contar o seu caso de maneira anónima. Ela leva máis de 11 anos traballando para o servizo galego de saúde. En 2018 era enfermeira eventual nas listas de curta duración e o hospital chamouna para acudir a traballar no momento no que estaba na consulta do pediatra co seu fillo menor de idade. Comentáronlle que mandase un xustificante médico para paliar o problema e xustificar a renuncia ao contrato, e nese mesmo instante a propia doutora do seu fillo enviou o documento por fax ao persoal do centro.

Ao día seguinte esta enfermeira acudiu con normalidade ao seu posto de traballo e ao longo da mañá informáronlle por teléfono que estaba penalizada un mes en emprego e soldo por rexeitar o contrato do día anterior. Recorreu, pero non conseguiu nada. «Hai que estar pendentes do teléfono día e noite. Se hai unha baixa, moven a unha enfermeira en lugar de contratar. Somos man de obra barata: necesítote, agárrote, e mañá se non te quero vaste á rúa», conta. «É un sistema público que está a agonizar e todo págao o paciente».

Desde Enfermeiras Eventuais en Loita cren que as alternativas que ofrece o Sergas para conciliar son «inexistentes». «Hai compañeiras que recorreron nas mesas de supervisión do pacto e os sindicalistas dixeron que eran as normas do xogo», trasladan. Ademais, o número de eventuais segundo contabiliza o colectivo ascendeu polas xubilacións e a falta de novas vacantes, sumado a que nas oposicións convocan centos de prazas cando calculan que fan falta sobre 8.000. «Ocorre que unha soa enfermeira está a cargo de 17 pacientes», sostén unha traballadora de Pontevedra. A cociente de enfermeiras en Europa é de 8,8 profesionais cada mil habitantes, en España de 6,5 e en Galicia sitúase en 5,3. Presentarse ás oposicións para conseguir praza fixa é saco roto para moitas, principalmente polo escaso número de prazas que convocan, por iso consideran que estar nunha boa posición nas listas de pouco serve se non lles ofrecen bos contratos.

Ademais, moitas sufriron a crise económica do 2009 ao 2014 e durante ese período non conseguiron tempo acumulado, despois da modificación do pacto do Sergas pola que empezan a reunir puntos ao chegar aos 12 anos traballados, cando no anterior eran oito. Ana Aspres leva 15 anos traballando como enfermeira no Sergas e está de número 12 nas listas de contratación sen conseguir praza, presentándose ás oposicións e encadeando contratos, no último mes, nove. «Teño a mesma sensación que cando empecei. É practicamente imposible conseguir praza fixa. Sacan 230 e fan falta miles, hai vacantes en centros sen cubrir», conta. «Estou mal. Arrepíntome de elixir isto, o sistema sácanos as ganas. A conciliación é imposible, teño dous fillos e ao meu pai ao meu cargo e á vez teño que estar todo o día pegada ao teléfono».

A pesar das denuncias e reclamacións por escrito, as dimisións en Atención Primaria, os colectivos que nacen por mor da falta de medios e recursos na sanidade galega e as manifestacións multitudinarias, a Xunta mira para outro lado, laurea a súa xestión e achaca estas mobilizacións ás campañas de desprestixio por parte da oposición e sindicatos afíns. De feito, o grupo popular da Coruña compartiu un chío o 15 de febreiro apoiando unha protesta estatal dos empregados públicos temporais, segundo publicaron, «para denunciar o que consideran un uso abusivo das contratacións eventuais por parte das Administracións».


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail