Un serial killer galego en Lisboa

Se un quixese mirarse cara a cara cun serial killer con máis de 70 asasinatos ás súas costas sen temor a ser a próxima vítima, a Facultade de Medicina de Lisboa ten unha oferta que facer. No Instituto de Anatomía da capital lusa atopamos, perfectamente conservada en formol dende hai case dous séculos, a cabeza do galego Diogo Alves, asasino en serie e último condenado a morte en Portugal.

Diogo Alves, nace en 1810 en Santa Gertrude de Samos, en Lugo, un pobo de actualmente pouco máis dun milleiro de habitantes. Atribúenselle popularmente entre 70 e 100 asasinatos durante un período de aproximadamente tres anos, entre 1836 e 1839, aínda que as autoridades nunca conseguiron probar o número exacto.

Fillo de campesiños, cuns trece anos múdase a Portugal na procura dunha vida mellor, un camiño que tomaron moitos galegos durante o século XIX. Establécese en Lisboa, onde comeza a traballar en casas de familias ricas da cidade coma mozo de cabalería e cocheiro. Pese a que empeza sendo un traballador exemplar, pronto se converte en afeccionado ao viño e ás tabernas e a ter relación cos criminais da cidade, mentres vai perdendo calquera vínculo cos seus pais e a súa terra. Perde un traballo tras outro, por causa dos seus malos hábitos, e adquire fama na cidade de irresponsable no que non se pode confiar. Tras un episodio agresivo co seu último empregador, Diogo Alves perde calquera posibilidade de traballo coas familias ricas e os comerciantes da cidade. Sen coutra forma coa que gañar a vida, xunta a un grupo de criminais e monta unha cuadrilla de ladróns e asasinos que terminarían por sementar o pánico en toda Lisboa.

Di a historia popular de Lisboa que por esta época Diogo Alves namórase perdidamente de Gertudres Maria, a dona dunha das tabernas e casa de fados de mala reputación que o criminal frecuentaba, nunha pequena rúa de nome Águas Boas. Máis coñecida coma «A Parreirinha», contan que esta muller, no seu anhelo de facerse máis rica, instigaba o galego a cometer estes crimes para poder vivir do roubado.

Pese a ser Diogo Alves quen cometera os roubos e asasinatos, nos folletos e xornais da época é ela quen aparece retratada coma a responsable das decisións do galego. O odio popular, en lugar de dirixirse ao asasino, recae na Parreirinha, que é presentada coma unha amante malvada que utiliza as súas «armas de muller» para manipulalo. A sociedade portuguesa do momento, profundamente relixiosa e machista, non ve con bos ollos a Gertrudes Maria, separada do seu marido e con dous fillos, e as crónicas retrátana coma a principal culpable do cambio de vida de Diogo Alves.

Quen podería ter sido un ladrón ou un asasino calquera, pasa á historia non só polo exorbitante número de mortos que deixa tras de si, senón tamén polos seus estraños e orixinais métodos. Diogo Alves comete a maioría dos seus crimes no acueduto das Águas Livres, dende onde lanza as vítimas ao baleiro facéndoas pasar por suicidas.

Acueduto das Águas Livres

Sobre o lisboeta Val de Álcantara érguese o acueduto das Águas Livres, construído entre os séculos XVIII e XIX. Ideado para distribuír a auga entre as distintas áreas da cidade, pasa a ser escenario dun dos máis coñecidos episodios criminais do país ao redor dos anos 1836 e 1839.

Amais de permitir a canalización de auga para as zonas máis aloxadas do centro antigo da cidade, o acueduto contaba cun paseo peonil que facilitaba a comunicación entre distintas áreas de Lisboa. É aquí onde Diogo Alves leva a cabo a maior parte dos seus asasinatos, segundo as historias por idea de «A Parreirinha». Agochado nalgún dos moitos recunchos do acueduto, o ladrón esperaba a que pasase unha vítima solitaria, normalmente mulleres novas de boa familia ou comerciantes que voltaban de facer negocios na cidade. Tras sorprendelos, roubaba todo o de valor que levaban con eles e lanzábaos dende un dos arcos principais do acueduto, duns 65 metros de alto, simulando que a persoa saltara voluntariamente.

O profesor doutor António José Gonçalves Ferreira, catedrático de Anatomía na facultade de Medicina de Lisboa, apunta que «se atopaban corpos baixo o acueduto, normalmente de mulleres, que sufriran un importante traumatismo debido a unha forte caída. Durante un tempo pensouse que era unha vaga de suicidios, até que se descubriu que unha cuadrilla de asaltantes estaba a actuar na zona».

Cando as autoridades, alarmadas polo número de aparentes suicidios, comezan a indagar a posible causa, dánse conta do que está a suceder no acueduto. Deciden pechar o paso polo camiño peonil e prohibir o paso de transeúntes, pondo fin á estratexia do grupo de delincuentes liderado por Diogo Alves, que se ven obrigados a buscar outra maneira de seguir cometendo os seus crimes.

O acueduto deixa de funcionar como principal fonde de auga para a cidade cara os anos sesenta. Actualmente está considerado Monumento Nacional de Portugal e o museo ofrece paseos guiados por el.

Frenoloxía: canto mide a cabeza dun asasino?

Poucos meses despois do peche do acueduto, varios dos membros da cuadrilla, incluído Diogo Alves, son atrapados polas autoridades tras o asalto á casa dun coñecido médico lisboeta no que matan á súa familia. A xustiza condénaos a morrer na forca no patíbulo da cidade, en Cais do Tojo. Pese a que as institucións non conseguen probar todos os asasinatos que se lle atribúen, o criminal xa conta con certa fama entre os lisboetas, que acoden en multitude a ver a execución. Unha vez morto, a cabeza de Diogo Alves é separada do seu corpo e levada á facultade de Medicina de Lisboa onde descansa até agora conservada nun tarro de formol.

A historia popular afirma que a cabeza foi levada alí para estudar a posible causa da súa maldade. «A finais do século XIX, principios do XX, houbo unha moda, a da Frenoloxía, que coincidiu co tempo de Diogo Alves. Desenvolveu a teoría de que diferentes configuracións da cabeza deberían corresponder a diferentes temperamentos e modos de comportamento», explica António Ferreira.

A Frenoloxía foi desenvolvida por Franz Joshep Gall, anatomista e fisiólogo alemán, que artellou a teoría de que cada habilidade tiña un lugar no cerebro. Gall pensaba que segundo que área do noso cerebro estivese máis desenvolvida, teríamos unha personalidade ou outra e que este desenvolvemento podería estudarse medindo o cranio para determinar como era cada persoa.

António Ferreira conta que «esa arte, porque é máis arte que ciencia, medía a cabeza e vía a súa estrutura para dicir que este era máis intelixente nisto ou aquilo. A unha altura foi até unha moda social. As persoas reuníanse en salóns de sociedade medíanse as cabezas unhas ás outras e andaban a verse as configuracións das cabezas. Naturalmente despois se verificou que isto non tiña que ver con ciencia ningunha».

Contan as historias populares que un famoso doutor da cidade, José Lourenço da Luz Gomes, requiriu ás autoridades que a cabeza fose enviada á facultade de Medicina, onde el procedería a aplicar os seus coñecementos de Frenoloxía para atopar a raíz da súa maldade.

Máis non hai proba ningunha de que este estudo se levase a cabo nin de que o cranio ou o cerebro fosen medicamente estudados. Segundo António Ferreira «a Frenoloxía coincide temporalmente mais non hai relación de causa efecto co envío da cabeza de Diogo Alves á facultade de Medicina con intención de ser medida. Era só para ser recordado como o último caso de pena de morte en Portugal».

Pese a que os rexistros oficiais indican que máis criminais foron axustizados tras Diogo Alves, el é simbolicamente considerado o último condenado a morte en Portugal. «Na altura considerouse que sería a última persoa en ser condenada a morte por orde dun tribunal por crime en Portugal. Máis tarde sóubose que houbo casos de persoas condenadas a morte pouco despois noutras zonas do país».

«Os crimes de Diogo Alves foron moi coñecidos no país, infelizmente é un caso famoso e é por iso que o Ministerio de Xustiza resolve simbolicamente atribuír a cabeza do Diogo Alves á facultade de medicina de entón, no campo de Santa Ana».

Os ollos verdosos que observan dende case dúas décadas os laboratorios de anatomía e os cabelos louros que flotan no formol conforman unha curiosa imaxe, entre fascinante e perturbadora, que nos últimos tempos estase a viralizar en Internet, aparecendo en páxinas web e portais de noticias de varios países. «É todo un fenómeno, temos moitos pedidos para vela».

Mais António Ferreira non só garda a cabeza de Diogo Alves, acompáñano os cranios de varios dos seus colegas. Na habitación contigua ao despacho do doutor pode atoparse unha vitrina onde descansan os ósos dalgúns criminais especialmente perigosos que datan da mesma época que o galego.

«Varios cranios que aquí temos son de parte da cuadrilla do Diogo Alves. Non é posible saber exactamente cales, mais isto foi unha colección de cranios que data desa altura e veu para aquí nesa época». Algúns deles teñen unha serie de números asociados cos que foron rexistrados ao chegar á facultade. A día de hoxe é imposible saber a ciencia certa a quen pertenceu cada un xa que moitos documentos desapareceron ao trasladarse a facultade a un novo edificio a metade do século pasado. «Algunhas teñen números mais non todas, é unha colección moi antiga e por tanto ao ser transportadas dun lugar a outro pérdense as referencias. Non debería suceder, mais sucede».

Estes cranios tamén espertan o interese do público: «Moita xente pide velos mais eu creo que non corresponden a nada especial. Nós temos moitos outros cranios aquí, no Instituto de Anatomía, mais estes teñen este carácter un pouquiño diferente».

Pese a que o fogar principal da cabeza de Diogo Alves é o departamento de Anatomía da facultade de Medicina de Lisboa, que normalmente non está aberto ao público, o interese que desperta esta cabeza fai que de cando en vez viaxe polo país para distintas mostras. Diogo Alves estivo exposto na Universidade de Coimbra e na Assambleia da República de Portugal e actualmente atópase en mans do Ministerio de Xustiza dentro dunha exhibición en Lisboa que conmemora os 150 anos da abolición da pena de morte no país luso.

Fotogramas da curtametraxe Os crimes de Diogo Alves, gravado en 1911 e considerado o segundo filme de ficción producido en Portugal.

Os crimes de Diogo Alves

Diogo Alves tamén protagonizou o segundo filme de ficción producido en Portugal. Gravado en 1911, a curtametraxe consta duns vinte minutos en branco e negro sen son, baixo o título de Os crimes de Diogo Alves. Na súa estrea presentouse unha versión falada, onde os actores se agochaban tras unha tea para poñerlle voces á acción e unha orquestra engadía música en directo.

O filme baséase nas crónicas de crimes da época e narra as aventuras do asasino dende a formación da cuadrilla ata que é arrestado polas autoridades e condenado á forca. Entre outras escenas destaca unha lenda urbana sen confirmar: a historia do único momento no que Diogo Alves amosa remorsos por un dos seus crimes. O episodio comeza como todos os atracos do ladrón, sorprendendo ás vítimas entre os arcos do acueduto das Águas Livres. Mais desta vez, unha delas é una nena pequena que, antes de ser lanzada ao baleiro, mira a Diogo Alves aos ollos e sorrí.

Mais o arrepentimento non lle dura moito e nas seguintes escenas relátanse outros episodios violentos protagonizados pola cuadrilla do galego, algúns reais e sacados de crónicas policiais da época e outros baseados no inventario popular. Este filme e varios libros e publicacións sobre a súa persoa, contribuíron á formación da fama de Diogo Alves, xa coñecido en vida e elevado a figura case lendaria tras a súa morte.

Esta é a historia, pouco coñecida no noso país, dun serial killer nacional que sementou o pánico en Lisboa no século XIX. É difícil discernir entre a realidade e a ficción na vida de Diogo Alves. Pouco queda dos informes policiais do momento e a meirande parte da información vén das crónicas criminais e, sobre todo, das lendas populares. É imposible saber de cantos crimes foi verdadeiramente responsable ou cal é o número real de vítimas que deixou tras de si. A lenda de Diogo Alves segue a ser alimentada pola fascinación e o medo mentres el segue a observar, gardando os seus segredos, dende o seu tarro de cristal.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail