«A todos los gritos del mundo contesta con una respuesta
Están ustedes unidos».
Eladio y Los Seres Queridos.
Á esquerda rupturista sobráronlle dous minutos enteiros para inscribirse como coalición nas eleccións do 5A. Non está mal para un espazo acostumado a eternizarse en discusións sobre o sexo dos anxos, sobre todo se temos en conta que unha semana antes, o acordo que rematou na candidatura de Galicia En Común-Anova-Mareas-Lagarto-Spock-De Todos Los Santos semellaba algo imposible para calquera das partes implicadas.
Ao final, impúxose un deses arranxos por necesidade que non deixa satisfeito a ninguén, o cal adoita ser bo. Despexada a incógnita Villares-En Marea (cunha irrelevancia demostrada xa nos anteriores procesos electorais), podemitas e beiristas estaban condenados a entendérense ou a asumir o peso da Historia se, ao final, o que permitía que o PP revalidase a maioría absoluta era a división do voto provocada por unha proliferación de candidaturas. A solución é a menos mala pero dista moito de ser boa. Mesmo co seu crédito rebaixado (e a súa tradicional «flor no cu» murcha) trala derrota de Compostela Aberta nas municipais, Martiño Noriega semellaba moito mellor cartel electoral que un Antón Gómez-Reino ao que se lle nota que vén a esta guerra obrigado, pero non como Pedro Sánchez na súa resposta a Néstor Rego. Se a mobilización da esquerda ten que ser clave neste proceso, nin Tone nin tampouco Gonzalo Caballero dan o perfil de candidatos capaces de afoutar as masas para que corran cara ás urnas enarborando unha papeleta.
A importancia do candidato, ou da candidata, amosouna claramente Ana Pontón hai catro anos coa súa irrupción no mapa político en horario de prime time. Foi naquel debate electoral no que estaba chamada a exercer un papel secundario e acabou roubando o plano aos teóricos protagonistas. Eu estou seguro de que o punto de inflexión para o BNG deuse aquela noite. Quizais por iso, dende entón, os debates na TVG foron nun infame horario matinal que nesta campaña por fin se vai esquecer.
Aínda que durante esta recta final das negociación escoitamos falar ata a saciedade da «unidade popular», o certo é que a única unidade que merece ese apelativo é a que se acada baixo as cada vez máis agachadas siglas do PP. Así que mentres a esquerda fala de unidade popular, os populares deben facelo de unidade feijooísta, se tal palabro existe. E máis agora cando, por primeira vez en décadas, a sombra da coalición planeou tamén sobre a dereita.
A posibilidade de que PP e Ciudadanos concorresen xuntos nas tres nacións sen Estado (a definición é do propio Feijóo, tempo atrás) tivo durante moito tempo a Galicia como condición sine qua non. Condenados a seren irrelevantes en Euskadi -mesmo antes da resurrección de Iturgáiz– e coa incógnita de ver que pasará en Catalunya tralo afundimento dos laranxas –hai catro anos, a forza máis votada–, a esquina noroeste convertíase no único territorio onde ese pacto podía tocar goberno, unha especie de soño húmido para os de Arrimadas, inexistentes por aquí arriba. Por iso, a súa lideresa provisional tentou o de “ou os tres, ou ningún” ata que non tivo escapatoria.
De pouco lle serviu ir chorar a Génova. Casado resolveuno cun «fala ti con Alberto e xa me contas». Din que esa conversa durou corenta minutazos de teléfono. Corenta. E iso que non tiña pinta de ser unha desas charlas de namorados que se eternizan por un «colga ti, cari». Feijóo tiña claro que nesa guerra non tiña nada que gañar, pero tampouco creo que Inés se esforzase demasiado por conseguilo.
Botemos contas. Non hai moito, Arrimadas viaxou dende Barcelona a Waterloo, ata a porta da casa de Puigdemont, só por xiringalo nun dos numeriños que a fixeron merecedora do alcume de Montapollos. Con moito máis que gañar, nin sequera se molestou en achegarse dende Madrid ata Santiago para tratar de convencer a Feijóo en persoa (xa non digo a manifestarse cunha pancarta ás portas de Monte Pío, porque o presidente hai tempo que non emprega esa residencia oficial que pagamos todos).
Igual estou sendo malvado de máis. Quizais ela si quería pero o seu estado impedíallo. Tampouco é escusa. O paridoiro de Verín está practicamente a medio camiño entre ámbalas dúas capitais e permitiría atender calquera urxencia. Ou disposición voluntaria, que xa se sabe que ultimamente moito sorprende o interese da xente por parir alí…
Coa orella aínda vermella de aguantar a turra telefónica de Arrimadas, Feijóo explicaba os motivos do seu non: «Ás veces, sumar cousas que non son comúns, que son en parte dispares, non producen unha suma neta, senón que poden producir outra operación que non é a que nos interesa». Nas palabras do candidato á reelección era doado atopar os ecos daquela outra sentencia de Ana Botella pronunciada hai quince anos para explicar o que tamén consideraba unha unión contra natura. «Se se suman dúas mazás, pois dan dúas mazás; e se se suman unha mazá e unha pera nunca poden dar dúas mazás porque son compoñentes distintos». Quizais, Feijóo explicoullo a Arrimadas con laranxas. Ou, simplificando, citou a Rajoy: «Un vaso é un vaso e un prato é un prato».
«Que fagan o que queiran, pero que non lle chamen coalición». O criterio da dereita para o matrimonio homosexual vale perfectamente para estas autonómicas. Queda por saber se Cs estará dalgún xeito nas papeletas do 5A –tampouco ten á informática do seu lado– ou se algún dos seus descoñecidos dirixentes aparecerá como independente nas papeletas populares, algo que tamén semella disparatado: co resultado tan axustado que se albisca, como para poñer a gobernabilidade na man dun hipotético grupo mixto. Como se fosen de esquerdas.