A CRTVG perdeu en dous anos e medio 40 casos por vulneración de dereitos do persoal

A Coruña.- A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo e cuxa persoal se atopa en folga indefinida intermitente desde hai sete semanas, perdeu nos dous últimos anos e medio 40 causas xudiciais por vulneración dos dereitos do seu persoal.

Trátase de casos relacionados coa contratación irregular, a cesión ilegal de empregados ou o recoñecemento de modalidades de contratación máis vantaxosa para eles; por modificación unilateral inxustificada das súas condicións laborais; por despedimentos improcedentes; polo recoñecemento de pluses ou complementos que non se lles pagaban e por vulneración de dereitos sindicais e fundamentais.

Son xa preto de 450 os procedementos xudiciais dese tipo perdidos na vía laboral pola dirección da compañía, que xestiona a radio e a televisión públicas de Galicia desde que Sánchez Izquierdo foi designado para o cargo en 2009 por Alberto Núñez Feijóo.

Moitos están relacionados coas represalias que padecen aqueles traballadores que se negan a secundar a estratexia de manipulación informativa en favor do actual presidente do PP, primeiro, e de Alfonso Rueda, posteriormente, que impuxo Sánchez Izquierdo e contra a que o persoal leva seis anos protestando cada venres.

Entre xullo de 2022, despois de que Rueda sucedese a Feijóo á fronte da Administración autonómica, e a actualidade, a sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á compañía para pagar 298.836,87 euros en concepto de indemnizacións por despedimentos improcedentes de traballadoras da CRTVG, segundo as sentenzas do citado tribunal ás que tivo acceso este diario.

Un millón de euros en indemnizacións con Feijóo

Durante os anos de mandato de Feijóo, esas indemnizacións, que se abonan con cargo aos fondos de diñeiro público cos que a Xunta financia á Corporación, superaron o millón de euros.

A esas cantidades hai que sumar os salarios de tramitación –os deixados de percibir por traballadores despedidos ilegalmente–; as indemnizacións por danos morais recibidas polos represaliados pola dirección de Sánchez Izquierdo; os intereses de mora; os atrasos abonados en procedementos de reclamación de cantidades, e os gastos de defensa, que en moitas ocasións se encargan a despachos de avogados externos alleos aos da asesoría xurídica propia da compañía.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á compañía para pagar 298.836,87 euros en indemnizacións por despedimentos improcedentes

Ademais, hai que engadir os derivados das costas xudiciais que os xuíces cargan á empresa na maioría das causas que perde. Oscilan entre os 500 e os 750 euros por procedemento, co que só nos últimos dous anos e medio poderían ascender a entre 20.000 e 30.000 euros.

Sánchez Izquierdo, que cobra un salario anual de 102.168,66 euros –7.297,76 euros brutos ao mes en 14 pagas, é dicir máis que o presidente do Goberno e que os de 14 comunidades autónomas, incluída Galicia– está procesado por un xulgado do Penal de Santiago por un delito de acoso laboral contra unha xornalista que se querellou contra el por esas represalias.

Xunto ao director xeral, a xuíza imputou na mesma causa e baixo a mesma acusación outros oito directivos ou exdirectivos da compañía. Os cargos desas oito persoas están retribuídos con salarios que superan conxuntamente os 545.000 euros anuais.

Expedientes por secundar a folga

Durante a folga indefinida intermitente que o persoal emprendeu en outubro pasado, a dirección de Sánchez Izquierdo abriu polo menos outros dous expedientes sancionadores a traballadores que secundan os paros.

Eses procedementos instrúeos a súa xefa de servizo de administración e facturación, unha avogada externa que levaba casos xudiciais contra outros empregados e que foi nomeada para ese posto cando aínda seguía personada nunha desas causas.

O mes pasado, a maxistrada titular do xulgado do Social número 2 de Santiago ordenou á dirección da compañía que devolvese á súa quenda a un produtor dun programa que denunciou que lle cambiaban o horario de traballo para impedir que exercese o seu dereito á folga.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, con o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Esa decisión non está incluída na listaxe das 40 causas perdidas pola dirección de Sánchez Izquierdo nos últimos dous anos e medio nin nas 400 dos anos anteriores, dado que non se trata dunha sentenza senón dunha medida cautelar, determinada pola xuíza á espera de que se dirima se o cambio tamén era unha represalia ideolóxica e representa, por tanto, unha violación dos seus dereitos constitucionais.

Hai menos dun ano, a representación social denunciou que a dirección iniciara outra «actuación represiva» contra a presidenta do comité de empresa, Raquel Lema, da Confederación Unitaria de Traballadores (CUT), contra quen a CRTVG iniciou as accións previas á apertura doutro expediente sancionador, por acudir a un estudo no que supostamente estaban a desenvolver tarefas varios traballadores cedidos ilegalmente a unha produtora privada.

Sanción por contratos fraudulentos

O comité lembrou ese día a sanción da Inspección de Traballo imposta á CRTVG por utilizar de forma fraudulenta os contratos artísticos para cubrir a persoal técnico de programas de entretemento e dos espazos informativos, e lembrou que a compañía xa acumulaba entón «máis de 400 sentenzas condenatorias por cesión ilegal de traballadoras e uso abusivo e ilegal da contratación temporal».

Só un ano antes, o comité alertara de que a dirección tamén estaba a tomar represalias contra varios traballadores que apoiaran e publicitaran, pegando carteis e repartindo pasquíns, a convocatoria dunha manifestación contra a manipulación informativa e a persecución ideolóxica e política de xornalistas críticos.

Feijóo, nunha entrevista na TVG.

Alfonso Sánchez Izquierdo ocupa o seu cargo á fronte da CRTVG de maneira irregular desde 2011, cando se aprobou unha lei que contempla que o seu posto debía ser renovado polo Parlamento de Galicia cos votos de polo menos dous terzos dos seus membros. Feijóo e Rueda mantivérono porque o PP nunca tivo esa maioría na Cámara nin quixo pactar o nome do seu substituto coa oposición.

A semana pasada, o propio Rueda anunciou que o seu Goberno enviara ao Parlamento unha nova lei, que modifica a maioría cualificada que esixía a anterior para que o sucesor de Sánchez Izquierdo sexa nomeado só cos votos do PP.

O pasado 10 de decembro, Luzes-Público dirixiuse á CRTVG para preguntar que orzamento dedica ao pago de indemnizacións e salarios de tramitación por despedimentos improcedentes, ao abono de indemnizacións por danos nas demandas por vulneración de dereitos fundamentais e ao das costas xudiciais derivadas de procedementos perdidos nos xulgados de primeira instancia e diante o TSXG. A empresa contestou pedindo «paciencia» dado que recompilar eses datos supón «un traballo de elaboración», pero case dúas semanas despois e á hora na que se terminou de redactar este artigo, non ofrecera resposta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail