O Osa do Mar, un festival da xente

Ilustracións de Héctor Manasé

Burela.- Cincuenta e nove metros cadrados útiles. Iso especificaba o contrato de alugamento onde tres socios montaron un pub. De aí sacaron o nome do local —59 m2— , pero non só iso: o lugar onde moitos e moitas adolescentes de Burela nos iniciamos á hora de ir de festa foi tamén o xermolo do Osa do Mar, un festival que acaba de celebrar a súa décima edición cun éxito fóra de toda dúbida: «Alí tiñamos moito tempo para barrenar e falar. Gustábanos ir de festivais, sempre por aí adiante, e un día dixemos: por que non un aquí, que somos a periferia da periferia? Por que non o montamos nós?».

Diego Campo e Marcos Reimunde comezaron a «planificalo en serio» no 2013. Naquela época, poucos festivais máis había pola zona que o Resurrection, con sete edicións ás súas costas, pero Diego e Marcos tiñan claro que o seu modelo era outro: «Fomos dos primeiros en mesturar diferentes estilos musicais, que cando empezamos era moi raro. Agora xa se fai máis». Na primeira edición, a comezos de setembro de 2014, houbo pop, rock, indie, post-hardcore, música tradicional caboverdiana, underground, punk, rap… Ata catro linguas diferentes (galego, castelán, inglés e crioulo) se escoitaron naquel escenario, onde o grupo máis coñecido era Triángulo de Amor Bizarro. Non obstante, Diego e Marcos resístense a chamarlles cabeza de cartel. «Desde o comezo apostamos por que todos os nomes dos artistas e bandas aparecesen co mesmo tamaño de letra, que tampouco era moi habitual. En orde alfabética ou por orde de aparición, pero ninguén máis grande que outro, todos iguais».

De esquerda a dereita, Diego Campo, Drea Cillero e Marcos Reimunde, parte do equipo do Osa.

«Fomos dos primeiros en mesturar diferentes estilos musicais, e no cartel non hai nomes de artistas que vaian cun tamaño máis grande ca outros»

Non foi a única aposta: no Osa tamén importa a paridade, «e non en todos lados se fai», di Marcos. «O ano pasado as mulleres eran o 50 % do cartel, este ano case». «O bonito diso é que nunca temos que forzalo, sae natural porque hai moitísimo onde elixir», engade Diego, «as principais voces agora en galego son femininas: Guadi Galego, Sés, Fillas de Cassandra, Tanxugueiras… Non se entende que todos os festivais non sexan paritarios».

Detrás do Osa do Mar, á parte destes dous mariñaos, está a asociación Fanto Fantini, coma o inesquecible personaxe de Cunqueiro. Que o peso da organización dun festival polo que este ano pasaron unhas 6.000 persoas recaia nunha asociación cultural sen ánimo de lucro é algo salientable dentro do circuíto de macropromotoras que ameaza con monopolizar o panorama da música en vivo. «E iso nótase», afirma Marcos. «Na forma de facelo, na forma de traballalo, na forma de tratar os grupos e a xente que vén. Todo o mundo di que se sente como algo especial». Nomes como o de Héctor, Lorena, Adrián, Drea, Lula, Jairo ou Alba, persoas sen as que o Osa do Mar non sería posible, están presentes, aínda que algunhas xa se desvincularon por motivos laborais. Aínda así, poderíase dicir que Fanto Fantini somos todas: entre a xente que asiste aos concertos non deixo de ver camisetas da asociación, case máis que do propio festival. Son moitas as persoas de Burela e arredores que colaboran co Osa: poñendo copas, vendendo merchandising, controlando a entrada, axudando no catering… Involúcrase toda a vila. Diego explica: «Cada ano medramos e a produción custa máis. Case hai que ter unha dedicación exclusiva para un evento deste tamaño». E eles non viven disto, ningún deles gaña cartos co festival, aínda que economicamente movan moito diñeiro nunha vila como Burela en apenas tres días. Diego é o que máis horas lle dedica, horas que non se contemplan en ningún lado. Por que o fan, entón? «Por paixón. Encántame organizalo, estar atento ás bandas que soan, falar con elas e contratalas…».

E apostar. Apostar pola música tamén lles gusta, e fano ben. «Esta edición teño unha sensación moi boa con Capital Voskov. Creo que vai ser a banda do momento, que moita xente a vai coñecer esta noite, pero que dentro duns anos será un nome moi importante», engade Diego. Nos dez anos de vida do Osa do Mar pasaron polos seus escenarios artistas como C. Tangana, Fillas de Cassandra, Arde Bogotá, La La Love You, Iván Ferreiro, Carolina Durante, Xoel López, Tanxugueiras ou Novedades Carminha. Algúns foron ata tres veces, como The Rapants, ou incluso máis, como Nuno de Grande Amore, «que veu con todas as súas formacións e sempre di que o Osa foi un dos seus maiores trampolíns». Todos son nomes agora ben coñecidos, pero cando viñeron a Burela algúns eran catalogados como «emerxentes». Pregúntolles se o Osa do Mar é un festival de visionarios, e Marcos e Diego fan bromas ao respecto: «O de traer grupos emerxentes era unha cousa que tiñamos clara desde o inicio, pero hai que ser sinceros: tampouco había cartos. Apostar si, pero tampouco había máis opción».

Á parte dos concertos, hai actividades que van dende campionatos de surf ata a gravación de podcast ou obradoiros de redeiras

O nome de Osa do Mar vén dun xogo de palabras coa praia burelá A Marosa, a carón da cal se fixeron as primeiras edicións. «Mestura» debería ser o seu apelido, non só pola diversidade de músicas, senón pola concepción mesma do festival. Desde o inicio conxugaron concertos, que nalgunha edición foron itinerantes por locais da vila, con outras actividades como campionato de surf, BTT ou BMX. Igual que o festival, estas actividades foron mudando co paso dos anos. Por exemplo, desde hai dous celebran o REC-ORDAR, un evento que ten como obxectivo facer visible o patrimonio mariño e achegar un recurso identitario do pobo ao público. «Na edición anterior tivemos a Balbino, un antigo mariñeiro que estivo lembrando as zonas onde se faenaba. Quedou todo escrito, con textos de Álvaro Crego, un dos promotores da iniciativa xunto con Ana Moreiras e Manolo Maseda», di Diego. Estamos a falar no porto de Burela, nun pequeno descanso que teñen, mentres miran de esguello como deixan a punto o seguinte escenario: o Barco Museo Boniteiro. «Este ano homenaxeamos as redeiras, que fan un obradoiro antes de que comecen os concertos no barco». O son das gaivotas cóase na gravación da entrevista mentres ambos falan. «Tamén gravamos un podcast, este ano con O Faiado, que estivo súper ben, moi animado, e presentamos o libro Galicia Musicalidade, de Noel Turbulencias». Marcos engade: «As actividades paralelas complementan moi ben o resto, danlle sentido a todo».

Desde hai dous anos tamén celebran o Cantiños, nome doutra praia de Burela, o domingo pola mañá. «O ano anterior foi experimental, pero vendo o ben que saíu decidimos apostar por el», di Marcos. Diego explica en que consiste: «Tocan nenos e nenas menores de dezaseis, no escenario principal, co son e con todo o demais que tiveron os artistas e as bandas que pasaron o venres e o sábado. A entrada é gratuíta. Failles moita ilusión e a nós tamén. Ti imaxina que de aquí saia unha banda, os Grande Amore ou os The Rapants do futuro. Sería incrible». O nome destes nenos e nenas aparecen no cartel do festival canda o dos demais grupos. «É o xerme do Osa: apostar pola canteira. Queremos que siga medrando e se consolide», sentencia Marcos.

«O xerme do Osa é apostar pola canteira. Os  nenos e nenas tocan no escenario principal. Poden ser os Grande Amore do futuro» (Marcos Reimunde)

Nesa canteira hai grupos como Criters, que xorde da escola de música de Foz; o Colectivo Os Castros, con nenos e nenas desta escola burelá; D’Corda, da Escola de Música de Burela, Ursi Maris, alumnos que remataron sexto de primaria no colexio Vista Alegre; ou o grupo de rock Blood Skeleton, que no 2022 actuaron canda a Niña Polaca, no 2023 fixeron aparición en solitario e este ano participan por terceira vez. Javier, de 12 anos, é guitarrista da banda: «O primeiro ano eramos o batería e eu, agora somos tres». Santi, da mesma idade, é guitarrista e cantante: «Para min participar no Osa supón unha gran responsabilidade e moito orgullo. O grupo formouse porque de pequenos escoitabamos moito rock e comezamos a aprender a tocar a guitarra e outros instrumentos. Levamos case tres anos». Ensaian o que poden, porque Nacho, o batería de só 9 anos, é da Coruña, mentres que os outros viven en Burela. Por sorte, seus avós son da vila mariñá e en verán o grupo aproveita ben o tempo, con ensaios diarios. «Tocar no festival encántame, para min o máis importante é pasalo ben», di o batería. El vai a clases de música na cidade herculina, mentres que Javi e Santi levan xa anos co mesmo profesor, Xoán. Porén, no grupo «imos un pouco por libre», di Santi, «aínda que sempre lle comentamos os temas que temos ou as cancións que queremos tocar ao noso profe, que nos di o que poderiamos mellorar, pero non nos monitoriza». Dentro duns anos gustaríalles ser coñecidos nacional e internacionalmente. Saben que é un futuro difícil e que hai que esforzarse moito, pero o primeiro paso xa o deron. Teñen apalabrada a súa participación na seguinte edición do Osa do Mar. Poñeríanse así en catro anos seguidos. Son a única banda que o fixo.

«Actuei no mesmo escenario que as Tanxugueiras, que son o meu modelo a seguir» (Yani de Arumiños)

Outro dos grupos que actuaron é Arumiños, xurdido da Asociación Cultural Arume de Burela onde Irene, Lara, Zoe, Yani, Hugo e Iago reciben clases de pandeireta. A Yani, participar no Osa fíxolle «moita ilusión». «Non só porque toquei na vila onde nacín diante de todos os meus veciños, senón porque actuei no mesmo escenario que as Tanxugueiras, que son o meu modelo a seguir», sostén. Para Irene, de 12 anos, tamén o son, xunto con Fillas de Cassandra. «Síntome moi agradecida por ter a oportunidade de tocar no Osa». Algo semellante asegura Lara, que estuda 1º de ESO: «Estou moi agradecida da oportunidade que nos deron os organizadores, e moi orgullosa». Hugo leva tocando a pandeireta desde os cinco anos e di que son un grupo pequeno, pero iso non é impedimento. «Sacamos o mellor de cada un e facémolo xenial. Encántame ver como a xente desfruta da nosa música e como nós desfrutamos con eles». O compromiso de Iago é tal que foi actuar ata enfermo «para non deixar tirados os meus amigos». Todos e todas coinciden en que nuns anos queren seguir formando parte de Arumiños, pero «sobre todo pasándoo ben», di Zoe. O Osa naceu na barra dun pub que non chegaba aos sesenta metros cadrados e que cerraba todas as fins de semana con Turnedo como himno final. Unha década despois, nos case tres mil metros da praza do concello de Burela, onde xuntaron case 3.000 persoas, foi o propio Iván Ferreiro quen a cantou nun directo apoteósico. «É como pechar un círculo», sentencia Marcos. Diego asente.

De momento, o Osa do Mar está moi lonxe de pechar, pois xa están á venda as entradas para a edición de 2025. Ortiga, Pipiolas, Mujeres e Repion son as primeiras confirmacións. O obxectivo é superar as 6.000 persoas que este ano pasaron por Burela. A primeira fin de semana de setembro, apunten.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail