Chega o recendo a xenxibre, chocolate e acivro. Luces, música e filmes temáticos. Sorpresas no calendario de advento, entre elas un novo episodio do voso podcast de referencia.
Nesta semana festiva temos de novo colaboración de Marta Veiga Izaguirre, xornalista, profesora e opinadora en programas anteriores de enorme peso como Tetas ou Transportes. Sabemos que Marta adora o Nadal e o resto das Womansplainers fomos comentando como é a nosa relación con estas festas, coas súas vantaxes e inconvenientes, tendo en conta o desafío que supón vivilas outro ano máis en pandemia.
Co primeiro dilema colocado na mesa de aperitivos, chegamos ao prato principal: é san acreditarmos en seres máxicos como o Apalpador, os Reis ou Papá Noel? O certo é que para responder a esta pregunta cada unha de nós viaxou momentaneamente á súa infancia, porque é con eses ollos con que temos que interpretar todo este universo natalicio. Fomos falando de quen traía os presentes nas nosas casas e ao final reflectimos sobre a necesidade de certa dose de maxia na vida.
É inevitábel relacionarmos o tema dos presentes con certa carga de traballo ou compromisos adquiridos. Non é sorpresa ningunha imaxinarmos quen asume isto. Igual que cos pratos potentes de carne ou peixe, este é un bocado difícil de dixerir. Mesmo así, non vos preocupedes, porque xa chegamos á parte dos doces. Temos woma-recomendacións para estas festas: cancións e filmes preferidos que, como este podcast, vos aconsellamos vivamente. Boas festas!