O neno desaparecido

Van dous xudeus por diante do Vaticano e un dille ao outro: «E pensar que todo iso comezou nun alpendre de Belén!». Hai outra brincadeira da que gusto moito. Un hebreo vai falar cun sacerdote católico e explícalle que o seu fillo quere facerse tamén católico e meterse no Seminario. El no está de acordo, pero non lle queda outra. Preocúpase polo seu futuro e quere informarse pola carreira eclesiástica. «Pode chegar a bispo», dille o crego. «E despois?». «Home, pode ser arcebispo e cardeal». O xudeu insiste: «E aí remata todo?». O cura católico mírao en fite e responde: «pode chegar a Papa!». Mais o pai do mozo non fica satisfeito de todo, así que o cura dille: «Que queres, que sexa Deus?». E o xudeu non deixa a cousa así. Mira con ironía o sacerdote e dille: «Pois un dos nosos mozos, Xesús de Belén, intentouno e conseguiuno!».

A finais de novembro, na cidade onde vivo, os círculos da dereita política e mediática mostraban o seu anoxo contra Los de la Marea  porque aínda non se prenderan as luces do Nadal. O que era máis grave: «¡Y Vigo ya está iluminado!». Un auténtico derbi eléctrico. Eu miro agora as cidades todas máis alumeadas que nunca, e esta apoteose publicitaria e comercial, e penso o mesmo que aquel hebreo que pasmou diante do Vaticano: «E pensar que todo comezou nun alpendre de Belén!».

Así que poderiamos falar do «paradoxo de Belén».

O nacemento que deu lugar a esta tradición, que coincide co solsticio de inverno, foi o dun neno refuxiado,  fillo dunha familia desposuída e perseguida. Hoxe, sería un xusto acto de subversión cristiá o levarse o neno de todos os grandes beléns comerciais. E xa de paso liberar a mula e o boi. O berce baleiro sería o símbolo máis coherente da deriva do Nadal. A festa dun neno desaparecido.

O «paradoxo de Belén» faise máis escandaloso nesta España onde aínda impera o nacional-catolicismo, cun Estado que privilexia a Igrexa, onde nin sequera o ensino público é laico, e que celebra estas datas cun fanatismo nacional-eléctrico de feliz cambio climático. Tantas lámpadas para non ver a crecente desigualdade e a vangarda europea en pobreza infantil.

Mentres tanto, este ano, en Belén, apagaron as luces.

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail