Á procura do real

Nesta ocasión detémonos no Bortel en La ilusión, un libriño de 121 páxinas asinado polo escritor, deseñador gráfico e fundador da cooperativa compostelá Numax Antonio Doñate. Un volume que inclúe tres fotografías a cor (máis a da capa) asinadas por Carmen Gray e que sae á luz en lingua castelá a través da editora valenciana Ladocumental. 

Trátase dunha compilación de material que o autor foi verquendo durante anos en distintos medios e soportes, en castelán e en galego. Desde blogs a columnas xornalísticas, pasando por presentacións para o Cineclube Compostela. Unha escolla feita a partir dun repositorio que abarca dúas décadas, as que van do ano 2002 ao 2022.

No prólogo, o autor deixa claras as principais intencións que guiaron a escolla de textos: proponse desmontar os «procesos de ilusión, de fascinación y hechizo que levanta la cultura escrita y audiovisual». Iso é o que fai na maior parte das páxinas do libro. Unha sorte de reflexión autobiográfica sobre a cultura máis ou menos indie contemporánea. Unha revisión, a través de fetiches musicais, artísticos e literarios, das posturas e imposturas da posmodernidade, período que xeracionalmente enchoupou a formación do autor: «Nos tocó ser estudiantes en los años más acríticamente posmodernos». 

Unha sorte de reflexión autobiográfica sobre a cultura máis ou menos indie contemporánea. Unha revisión, a través de fetiches musicais, artísticos e literarios, das posturas e imposturas da posmodernidade

Se os textos máis afastados no tempo consisten, maiormente, en escudriñar nos gustos e afeccións do pasado, tanto con ánimo crítico coma levemente melancólico, os textos máis recentes encárganse –afastándose da preocupación pola conxura do poder das representacións– de falar desde a intemperie sen compás do presente. Un presente marcado, sobre todo, pola experiencia da paternidade e polas expectativas e ansiedades que xera un futuro especialmente aboado á incertidume. Considéranse aquí os cambios sociais profundos e sen precedentes no xeito de relacionármonos entre homes e mulleres e, ambos, coas novas tecnoloxías que espectralizan a comunicación humana.

Pódese dicir que a chegada da crise económica, a repolitización e a paternidade baixan á terra ao autor. Ou, cando menos, lévano a acreditar nunha certa idea de verdade que se confesaba menos sólida nos tempos pasados. Estes textos finais do libro, logo, virían encarnar certo espírito do tempo: o da definitiva superación do posmoderno que hoxe semella querer abrirse paso en toda parte. Tamén nalgúns dos seus gurús: a reivindicación do comunismo coma ideal forte e salvífico en Vattimo, a reanudación da historia e os cantos ao socialismo en Fukuyama.

Pareceume percibir unha leve evolución no estilo da escrita do autor. Algo máis solta nos últimos textos. Máis lacónica nos primeiros. Se ben isto pode achacarse simplemente á variedade de soportes, coas súas diferentes escravitudes no que ao espazo se refire. Porén, hai unha constante no xeito de escribir de Doñate que permanece. Unha invariante que gusta a quen isto escribe. O autor nunca di en tres liñas o que se pode dicir en dúas, e faino sen que isto sacrifique a precisión e a comprensión do texto polo lector.

É o de Doñate unha forma de cartesianismo sofisticado, no sentido de que busca que se entenda con claridade todo o que expón sen inmolar o nivel intelectual. É un xeito de escrita analítica que por veces pode resultar fría, distante; pero que, en ocasións, tamén ofrece fulgores expresionistas e literarios. O autor ten a virtude de producir substancia sen palla e, sobre todo, de fuxir conscientemente do cursi ou do sentimentaloide, o que é de agradecer.

É o de Doñate unha forma de cartesianismo sofisticado, no sentido de que busca que se entenda con claridade todo o que expón sen inmolar o nivel intelectual.

En case todos os capítulos hai algún momento remarcable. Dos que se suliñan e se remoen. Destellos que recapitulan e encadran. Exemplos: cando aborda unha cuestión tan pedestre coma o fenómeno das cancións do verán, Doñate sorprende ao suxerir que o éxito desas cancións poida responder á «ilusión de fraternidad», á sensación de apertura ao outro, que propicia a recepción e identificación masiva. Ou cando describe unha reunión de lecer con xente do ámbito profesional, o autor ironiza sutilmente co pragmatismo cínico que se desprega nas profesións liberais 7/24: «Se trata de reencontrarse, de reírse y rememorar paridas e hitos del curro, pero también de obtener información […] con flechas y áreas subrayadas, con zonas de peligro y campos abiertos, con terrenos yermos y futuros contactos». Ou cando aborda o estrés inherente ao consumidor indie politicamente progresista, consistente en valorar un produto cultural na medida en que non se converte en maioritario, o autor eleva o asunto a un dilema case sartreano: «El combate entre la fraternidad y el hecho de que, con frecuencia, no soportamos al resto».

Quen se achegue ao libro atopará un texto que ofrece moito nas súas escasas páginas. Lectura rápida pero nutritiva na que o concepto prima sobre o adorno. O miolo sobre a decoración. E na que hai tamén unha procura da forma axeitada. O propio autor explícao no capítulo máis longo do libro –«Las buenas formas»–, no que se reflexiona sobre o deseño gráfico co gallo da máxima «Ornamento e delito» expresada no seu día polo pioneiro do racionalismo estético Adolf Loos. Para Doñate, coma para Loos, o ornato é o delito. Mais que facer nos tempos de Ikea, nos que a forma depurada e rectilínea deveu en alienación? É a denuncia, fíxome lembrar, feita polos Situacionistas a finais dos sesenta a propósito da arquitectura e o urbanismo paridos polo Estilo Internacional: agochaba o mesmo modelo que o dos barracóns de Auschwitz. 

Quen se achegue ao libro atopará un texto que ofrece moito nas súas escasas páginas. Lectura rápida pero nutritiva na que o concepto prima sobre o adorno. O miolo sobre a decoración. E na que hai tamén unha procura da forma axeitada.

Estamos obrigados ao equilibrio precario: «Cualquier forma muy cerrada en lo formal deviene, indefectiblemente, en formalismo», escribe o autor. Pero apunta que, porén, a orixe do problema semella estar noutra parte, o que o leva a mudar a máxima de Loos pola de «Orzamento y delito»: só fóra do polbo do capital cabe aspirar a formas e conceptos que se reduzan a funcionar e a significar; sen poderen ser, como dirían os Situacionistas, «recuperados» polo Estado e o capital.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail