Do encanto das festas coruñesas de Marta Ortega á precariedade das dependentas de Inditex

As traballadoras dos comercios na Coruña de todas as marcas de Inditex compañía irán de novo á folga durante o Black Friday para esixir igualdade de condicións salariais laborais cos seus compañeiros homes.

A Coruña.- Na Coruña vai estes días un frío que pela, pero non é só por iso que moitos coruñeses senten vivindo nun lugar cool. Sucede que a presidenta de Inditex, Marta Ortega, organizou unha exposición no centro da cidade con imaxes do fotógrafo Steven Meisel, e a vila permitiuse convivir varias xornadas reflectíndose nos medios como centro de atracción do selecto mundo de deseñadores, actores, artistas e modelos de renome amigos da filla do fundador da compañía, Amancio Ortega.

Trátase da segunda vez en que Ortega organiza un evento de mecenado cultural deste tipo na cidade onde naceu Inditex, desde que hai uns meses asumise a presidencia da multinacional téxtil en substitución de Pablo Isla. Hai un ano, financiou outra mostra do fotógrafo Peter Lindbergh, que levantou certa polémica porque, a pesar de celebrarse nun espazo público, pechouse varias veces para acoller eventos privados dos vips aos que convidara.

Con todo, as forzas vivas da Coruña están encantadas coa posición na que os Ortega están a situar á localidade no mapamundi do glamur e a moda. Aínda que parte dos seus veciños non se explican as condicións nas que manteñen a quen traballa para eles e que son, ademais, a cara visible para o cliente das marcas que sosteñen a imaxe comercial da empresas.

As ao redor de 1.300 dependentas de Zara, Zara Home, Massimo Dutti, Pull&Bear, Bershka, Stradivarius, Oysho e Lefties na provincia da Coruña levan anos denunciando a discriminación que padecen por ser mulleres. Convocaron varias folgas e manifestacións nos últimos anos, a última fai quince días, e volverán parar o vindeiro xoves 24 e o venres 25 coincidindo co Black Friday. Non se trata só de presionar á empresa paralizando as tendas nunha importante xornada de vendas, aseguran, senón aproveitar a afluencia de compradores ese día na rúa para explicar á cidade cal é a súa situación.

«Non é fácil que a opinión pública nos comprenda», explica Lucía Domínguez Rodríguez, dependenta de Stradivarius e delegada de persoal pola Confederación Intersindical Galega (CIG), que conta con case o 70% da representación social do persoal de dependentas na provincia da Coruña.

Manifestación de traballadoras de Inditex / Foto: CIG.

Son abafadora maioría de mulleres, con soldos e condicións laborais a enorme distancia das que gozan os empregados homes de similar categoría en departamentos como os de loxística, fábrica e almacéns. Tamén, mesmo, por baixo das dos e as traballadoras das empresas que Inditex contrata para que desenvolvan nas súas tendas e sedes tarefas de limpeza e seguridade.

“Amancio Ortega gañouse unha imaxe de home solidario grazas ás súas doazóns, e a súa filla, agora, estalla labrando como mecenas cultural. Estamos afeitas convivir co que Inditex representa a nivel social, pero o certo é connosco non se comportan como filántropos”, resume a traballadora.

Grazas a Inditex, Amancio Ortega é o home máis rico de España, cunha fortuna que Forbes estima entre os 57.000 e os 67.000 millóns de euros segundo as oscilacións do valor das súas participacións no seu grupo e noutras empresas. A súa filla maior, Sandra, é a segunda no ranking de millonarios españois que elabora a revista, con 5.900 millóns de euros en bens, accións e depósitos que a converten na muller máis rica de España. Marta, con só 75 millóns, cobra un millón ao ano como presidenta da compañía.

O soldo base dunha dependenta de Inditex son 1.080 euros mensuais, aínda que a maioría das empregadas teñen contratos a tempo parcial de entre 15 e 30 horas semanais, co que a súa nómina, en realidade, é moito máis reducido. O salario base dunha empregada de tenda cun contrato de 20 horas, como o que ten boa parte do persoal, é de 540,31 euros ao mes.

«A primeira discriminación é a precariedade, pois os contratos a xornada completa resérvanse como premio» ás traballadoras con categoría de encargada, di Lucía Domínguez, que goza dun deses soldos completos porque exerceu esa responsabilidade durante un tempo na tenda na que traballa. O que para a maioría delas é unha dádiva case inaccesible, para o persoal do resto de departamentos, onde a presenza masculina é maioritaria, é o habitual.

Traballadoras de Inditex anuncian a folga do Black Fraiday / Foto: CIG

As empregadas de Inditex cobran menos porque teñen contratos precarios e porque, en segundo lugar, estes están moito peor pagos, como recoñecen os seus compañeiros homes. «Se dixese que cobramos o dobre estaría a mentir, porque en realidade é máis do dobre», asegura Roberto Pérez Vila, traballador dos almacéns e responsable de comercio da CIG na Coruña.

Pérez explica que a terceira discriminación que sofren as traballadoras ten que ver precisamente cos seus representantes, xa que, segundo describe, a empresa négase a negociar e obstaculiza a participación das delegadas da CIG, que son esmagadora maioría no comité de empresa.

O pasado 6 de novembro foron á folga e celebraron unha multitudinaria manifestación reclamando a actualización dun plus de 50 euros que obtiveron con outra serie de protestas en 2016, e que a empresa se negou a negociar pasada a emerxencia sanitaria de 2020 -en 2017, as dependentas de Bershka de Pontevedra protagonizaran a primeira folga da historia da compañía-.

A manifestación do pasado día 6 pretendía chegar ata o domicilio de Amancio Ortega, unha sobria e elegante mansión nunha rúa semipeonil ao pé do casco antigo e con vistas á dársena da cidade. Aínda que a Subdelegación do Goberno non puxo pegas ao itinerario que as dependentas comunicaran, a policía díxolles a última hora que non permitiría que se achegasen ao portal de Ortega e que cargaría contra elas se o tentaban.

Talvez iso poida entenderse como a cuarta discriminación, por non poder exercer o seu dereito para manifestarse na vía pública fronte da casa do seu empregador, unida á quinta, constituída pola censura á que, na súa opinión, someteron a protesta os medios de comunicación públicos e boa parte dos privados.

Manifestación de traballadoras de Stradivarius / Foto: CIG

Na Televisión de Galicia, a noticia ocupou un breve sen declaracións nin entrevistas e de poucos segundos de duración no posto 17 das 22 noticias emitidas no informativo do 6 de novembro. En varios xornais de papel, apenas un pé de foto en páxina par. A pesar de todo, a protesta debeu ecoar na sede de Inditex no veciño municipio de Arteixo. Uns días despois, a empresa anunciou anunciou que chegara a un acordo con CCOO e UGT para mellorar cunha paga de 1.000 euros o próximo febreiro as condicións das dependentas.

O acordo negociouse en Madrid, e elas non entenden por que se acepta a 600 quilómetros o que xa rexeitaran na Coruña porque entendía que non era suficiente para eliminar a brecha de xénero na compañía, nin por que non se lles dixo nada e se exclura da negociación ao sindicato polo que optaron maioritariamente, que é ademais o primeiro en afiliados e número de delegados en Galicia.

A iso súmase outra discriminación, quizá a máis importante, fundamentada, segundo Lucía Domínguez, no endurecemento das condicións de conciliación. Tras a crise sanitaria, asegura, «a estratexia da compañía é aceptar a redución horaria para as nais, pero non a elección de horarios». «Para iso che esixen que documentes e probes que o outro proxenitor non pode atender aos nenos, o que na práctica supón outra discriminación máis fronte aos nosos compañeiros homes, que non teñen que xustificar con papeis a súa vida privada».

Algunhas outras traballadoras, coas que Luzes-Público contactou e que expresaron a súa opinión pedindo salvagardar o seu anonimato, consideran todo o anterior unha falta de respecto, unha demostración da escasa sensibilidade de Inditex co sector máis desfavorecido do seu persoal e unha ausencia de compromiso coa igualdade .

E mesmo se manifestan indignadas porque a súa empresa fíe ao encanto das visitas periódicas duns cuantos famosos a imaxe dos Ortega como familia benefactora da cidade, mentres a elas as marxína e lles nega o que consideran seu.

Luzes-Público tentou sen éxito contactar con algún responsable de Inditex para obter unha valoración sobre as demandas das súas empregadas na Coruña, así como información sobre a brecha salarial na compañía. Ao peche deste artigo, a empresa non contestara.

O xoves e o venres volverán unirse, a escribir lemas enxeñosos sobre pancartas de cartón e a perder dous días dos seus soldos para explicar aos clientes de Inditex, e a quen celebra a actividade cultural que impulsa Marta Ortega na cidade, que hai outra forma máis xusta e socialmente responsable de ser cool.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail