A Coruña.- O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, non repetirá como líder da formación na comunidade tras o proceso de primarias para a renovación da dirección do partido que conclúe o próximo 15 de decembro.
Gómez Reino, deputado e presidente da Comisión de Traballo no Congreso e persoa moi próxima á vicepresidenta terceira do Goberno, Yolanda Díaz, e tamén ao exsecretario xeral da formación, Pablo Iglesias, formará parte da candidatura que sustenta á actual executiva galega e que encabezarán, por diante del, o actual secretario de Organización, Borja San Ramón, e a portavoz, Verónica Hermida.
O aínda secretario xeral gañou fai catro anos as primarias en Podemos Galicia fronte á exdiputada Carolina Bescansa. Agora, asegura a Luzes-Público que tras as eleccións autonómicas do 2020, nas que a coalición de Podemos con Anova e Esquerda Unida que el lideraba quedou sen representación no Parlamento de Galicia, a dirección do partido, de maneira colexiada, decidiu que esgotase o seu mandato á fronte da formación por un exercicio «de responsabilidade».
«Pensabamos que deixalo neses momentos ía facer máis mal que ben ao partido. Desde entón centrámonos en estabilizar política e organicamente ao partido e en preparar unha substitución xeracional que que represente á maioría da militancia, e do que creo que figuras como Borja San Ramón e Verónica Hermida son o mellor expoñente«», asegura.
Gómez Reino, cuxa lista Tecendo Galicia enfrontaráse nas primarias á que lidera Gonzalo Busqué -Rexurdir Podemos Galicia- , explica tamén a súa decisión na necesidade de separar o seu traballo en Galicia do que realiza no Congreso como presidente da Comisión de Traballo e vicepresidente da de Exteriores.
Nese sentido nega que se a lista de San Ramón gaña as primarias galegas, a súa permanencia na executiva estea destinada a manexala na sombra.
«Ás veces é bo separar as responsabilidades orgánicas das institucionais. Vou seguir apoiando e acompañando aos compañeiros de Podemos Galicia desde unha posición que me permitirá seguir atendendo o traballo parlamentario», di o deputado.
Tamén lembra que a Comisión de Traballo é a que maior carga lexislativa procesou durante esta lexislatura e que apoiou a posta en marcha de boa parte das medidas sociais e laborais impulsadas polo ministerio de Yolanda Díaz.
Sobre Sumar, o proxecto político da vicepresidenta do Goberno, e as tensións no espazo de Unidas Podemos que xerou, Gómez Reino asegura que desde o seu cargo de secretario xeral en Galicia sempre defendeu que o partido estivese «non ao servizo dunha marca concreta» senón «ao da procura de espazos de entedemento con outras formacións políticas».
«Podemos Galicia non dixo nada distinto ao que sostén a dirección estatal do partido: que Yolanda Díaz é a mellor candidata para as eleccións xerais». «Creo que unha abafadora maioría da militancia concorda con iso, porque Yolanda conta en Galicia cun enorme capital simbólico e político», conclúe.