Feijóo cambiou varias veces a súa versión sobre o número de rastreadores de Galicia. O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, rexeita dar os datos. Segundo o barón galego 5.600 profesionais de Atención Primaria realizan labores de rastrexo, pero os médicos desménteno, principalmente porque non teñen tempo para facelo.
Cantos rastreadores hai en Galicia? Quen son? Cales son as súas condicións laborais? Teñen formación? Son algunhas das preguntas que a Xunta non responde acerca dos rastreadores, tampouco o seu Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou información hai uns días para acougar as augas da oposición e anunciou «máis de 700 rastreadores directos», pero sen máis concreción. Tamén comunicou que á vez, os 5.600 profesionais de Atención Primaria desempeñan este labor, con todo, o persoal do Sergas négao, porque basicamente, non teñen tempo nin información para iso.
Público preguntoulle en varias ocasións ao Sergas información sobre os rastreadores e en ningunha houbo resposta. Tampouco nas roldas de prensa Feijóo explica os detalles desa cantidade de rastreadores da que presume. O rastrexo na comunidade constitúe un dos grandes misterios a resolver da pandemia, e supuxo durante semanas o centro do debate político. Desde maio, o Executivo foi mudando a súa versión, máis ben Feijóo, xa que Comesaña nunca aclarou a cifra de rastreadores e mesmo chegou a preguntar que se entendía por «rastreador». O 11 de maio a Xunta declarou que o grupo que investigaría a orixe da infección por coronavirus no territorio galego estaría formado por 20 operadores; dúas semanas despois, confirmou que serían 30 máis; apenas tres meses despois, Feijóo elevou a cifra a máis de 6.000.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Nesas mantense practicamente terminando o ano, coa diferenza de que agora sostén que son «máis de 700» os que traballan de «forma directa». Deste grupo coñécese que máis de 100 pertencen á Unidade Militar de Emerxencias (UME), e polo demais, a información é difusa. Comesaña, pouco despois de que Feijóo dese esas declaracións, alegou que no rastrexo colaboran profesionais de «distintos colectivos sanitarios». Tamén, insiste en que desvelar a cifra daría lugar a comparacións co resto de comunidades, á vez que Feijóo destaca en todas as súas comparecencias as diferenzas epidemiolóxicas de Galicia co resto das autonomías; ou que a Xunta si achega datos de coronavirus as fins de semana e o Ministerio non; ou que en Galicia, en lugar de haber «catro eleccións e un orzamento» hai «unhas eleccións e catro presupostos» para o 2021.
Así o dixo o pasado venres na rolda de prensa posterior ao Consello de la Xunta. Tamén explicou en respostas ás xornalistas que o equipo de rastreadores estaba conformado por persoal que non atende ao paciente de maneira directa e que provén de «medicina preventiva, das xefaturas territoriais das delegacións da comunidade autónoma, da central de rastrexo e dos militares destacados polo Ministerio de Defensa». Ademais, preguntado polas declaracións dos médicos de Atención Primaria que aseguran non formar parte deses 5.600 rastreadores, afirmou que «claro que colaboran». Postulou que «desde que unha persoa é considerada infectada por coronavirus, automaticamente inclúese na historia clínica» e que cada médico sabe «perfectamente» de quen ten que facer «seguimento asistencial», pero non alegou nada que teña que ver coa procura de información da contorna do positivo por covid-19.
O médico de familia e portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, explica a Público que a cifra que revela Feijóo «non se corresponde coa realidade» e que «non é verdade» que desde os ambulatorios se realicen labores de rastrexo, en parte porque non teñen «formación». Da mesma maneira, tamén asegura que non hai «ningún contacto entre os rastreadores e os médicos de familia» e sostén que o número real de rastreadores rolda os «200». «Hai un deterioro na detección do servizo de rastrexo», engade Martín. Na comisión de reactivación económica e social tras a pandemia, o doutor Tato Vázquez Lima, do comité clínico da Xunta, admitiu que o sistema de rastrexo en Galicia é «mellorable» xa que existen «erros de coordinación». Por iso, Feijóo anunciou a semana pasada a implantación dun sistema de autodeclaración online, de maneira que as persoas que crean que son contactos dun positivo deben introducir os seus datos na plataforma e serán contactados pola central para realizar unha enquisa.
19 días para recibir a chamada dun rastreador
Susana (nome ficticio) é de Vigo e ten un fillo de 14 anos. O venres 16 de outubro o seu fillo comeu na casa dun amigo e a súa nai non lle contou a Susana que estaba pendente dunha PCR. Finalmente, o sábado deu positiva, de maneira que o fillo de Susana se confinou en casa, debido a que estivera comendo o día anterior con tres contaxiados. A nai do seu amigo non o incluíu como contacto nos rastreadores, polo que Susana chamou por teléfono ao número que ofrece o Sergas para a covid-19. O propio sábado tomáronlle os datos e dixéronlle que chamarían máis tarde, aseguráronlle que a súa información xa se trasladara ao hospital Álvaro Cunqueiro e que se tranquilizase. Pero pasou todo o día e o domingo pola tarde aínda non recibira a chamada nin ningún tipo de instrución, de maneira que puxo unha queixa. Tamén foi a última vez que chamou ao número do Sergas e decidiu recorrer directamente á privada o luns para realizar a PCR que afortunadamente saíu negativa. «Fíxeno porque nolo podiamos permitir», asegura en declaracións a Público. Un soldado finalmente chamouna 19 días despois do sábado no que soubo que o seu fillo estivera en contacto con tres contaxiados.
Galicia está na cola do Estado en localizar a orixe de contaxio por coronavirus segundo reflicten os informes do Instituto de Saúde Carlos III, que manifestan que o 52% dos novos casos en Galicia non se sabe de onde veñen. Os atrasos nos rastrexos provocaron que profesores acudan a clase sabendo que poden ser positivos, xa que a Consellería modificou o protocolo covid-19 e xa non é obrigatorio que os contactos de casos sospeitosos teñan que se illar nas súas casas, de forma que acoden a clase ata que reciben a chamada do rastreador. Nas últimas 24 horas Galicia rexistrou 685 novos casos por PCR, con 60 municipios con peche e hostalería inactiva, só con servizo de recollida. As medidas estenderanse ata a primeira semana de decembro, posto que a intención de Feijóo é abrir a man e «salvar» a campaña de Nadal.
Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.