A Xunta oculta a Sanidade os datos dos cribados de cancro e acusa o Goberno de facer «un uso partidista da saúde»

A Coruña.- O conselleiro de Sanidade da Xunta, António Gómez Caamaño, negou ao Ministerio de Sanidade a información sobre os programas de cribado poboacional de cancro de mama, colorrectal e de cérvix que este lle solicitou, alegando que o Goberno, que lla reclamou a todas as comunidades autónomas, pretende facer con ela unha «utilización partidista da saúde pública». O Servizo Galego de Saúde (Sergas), con todo, asegura que os mesmos datos que o conselleiro rexeita proporcionar ao Executivo de Pedro Sánchez están dispoñibles nunha páxina web aberta ao público e de libre consulta.

A negativa do Executivo de Alfonso Rueda figura na carta de resposta que a Xunta enviou á ministra Mónica García o pasado luns. Nela, o conselleiro de Sanidade critica a xestión do Ministerio e defende a das administracións autonómicas gobernadas polo Partido Popular, no mesmo ton e con similar linguaxe ao que empregaron nos últimos días os portavoces destas, para aclarar que non considera procedente «contribuír» á petición porque, ao seu xuízo, responde a «unha estratexia de confrontación política e de distracción».

Hai dúas semanas, Sanidade reclamou por carta á Junta de Andalucía os datos dos cribados de cancro do último lustro, tras a alarma desatada pola crise das mamografías na comunidade que goberna Juan Manuel Moreno Bonilla. O Ministerio estendeu a petición a todas as comunidades autónomas, argumentando que pretendía comprobar se nos seus respectivos programas existían fallos como o que se detectou no sistema andaluz. As gobernadas polo Partido Popular, empezando pola de Madrid, con todo, negáronse a cooperar.

A vicesecretaria de Coordinación Sectorial do PP, Alma Ezcurra, negou que esa negativa forme parte dun boicot pactado con intención política e atribuíuna a «un problema de interoperabilidade de datos» pola ausencia dun sistema informático homologado para solicitalos. Mónica García, con todo, responsabilizou directamente o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, e acusou os dirixentes do PP de mentir e ocultar información.

Competencia exclusiva das comunidades autónomas

En canto á Xunta, a resposta do conselleiro Gómez Caamaño á ministra, asinada dixitalmente o luns pola tarde, reproduce case literalmente o relato que o resto das comunidades do PP utilizaron para negarse a facilitar os datos solicitados: que os cribados «son competencia exclusiva das comunidades autónomas» e que se fan desde hai anos con «éxito contrastado»; que todas as comunidades gobernadas polo PP os realizan «con resultados equiparables ou superiores aos estándares europeos»; que, pola contra, o Ministerio non dispón da súa propia rede de cribados nin de «sistemas de información actualizados ou indicadores de calidade asistencial que vaian máis aló dos meros datos de cobertura e participación», e que non existe ningún documento oficial que regule o funcionamento ou a avaliación deses programas máis aló dun acordo técnico do Consello Interterritorial de Saúde.

O conselleiro de Rueda tamén lamenta que o Ministerio non desenvolvese o sistema informático necesario para executar a compilación dos datos; critica que paralizase dous anos os cribados en Ceuta e Melilla, onde a Xunta sostén que é o Goberno o que ten as competencias para realizalos; e acúsao de non mostrar «a mesma dilixencia para abordar os verdadeiros problemas» do sistema sanitario, como «a grave falta de médicos e de profesionais sanitarios», «a ausencia de financiamento suficiente» ou «a incapacidade para sacar adiante un Estatuto Marco» da profesión médica.

«Esta Consellería mantén, como sempre, a máxima transparencia e colaboración institucional co Ministerio e coas demais comunidades autónomas (…) pero entende que a cooperación debe basearse no respecto competencial e en obxectivos reais de mellora asistencial, non na utilización partidista da saúde pública», conclúe Gómez Caamaño.

Consultada por Luzes-Público sobre como se podería facer un uso partidista da saúde publica cos datos de cribado de cancro en Galicia, a Xunta respondeu con argumentos literais da carta de Sanidade ao Ministerio para concluír que «resulta improcedente esixir a remisión» da información solicitada, que ademais consiste en datos que a propia Consellería de Sanidade publicou en internet e «dos que fai balance anual e dá conta».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail