America first

Durante a súa campaña en 2024, unha das mensaxes máis reiteradas de Donald Trump era a de «America first», é dicir, unha mestura de acusacións ao partido demócrata por malgastar cartos en asistencia internacional e de promesas e promesas respecto á priorización dos Estados Unidos, tanto en política internacional como nacional.

En vez de tirar os cartos mandando axuda e dándolle importancia aos intereses de países estranxeiros, prometía Trump, o seu partido republicano ía poñer os seus cidadáns primeiro, e priorizaría o investimento en asuntos de importancia nacional. A definición do que constitúe un americano merecedor deste favoritismo estaba implícita no discurso: branco, heterosexual e, preferentemente, home. Os inmigrantes, as persoas LGBT+, as persoas racializadas e as mulleres que non lle dean a razón non forman parte desta imaxe do americano capitalista e traballador á que Trump e os seus seguidores renderon homenaxe durante a campaña e, polo tanto, calquera programa que gastase cartos federais nos asuntos que a estes colectivos interesan formarían parte do malgaste do que acusaba a Biden.

Os únicos colectivos aos que Trump lles deu prioridade son os billonarios, os racistas e os pedófilos.

Aínda así, esta exclusividade non desalentou os seus votantes, e as súas promesas levárono ata a Casa Branca, co simbólico custo dos ovos e da gasolina como os exemplos máis recoñecibles dos temas que Trump prometía priorizar, os que afectan ao americano medio. É unha das características máis vistas no populismo de extrema dereita: o achegamento do líder ao «pobo», cuxa membresía soamente el está cualificado para outorgar, en oposición directa e excluínte da elite, eses políticos que non teñen nin idea do que a xente necesita realmente.

Agora, dez meses despois de tomar posesión do cargo, os únicos colectivos aos que Trump lles deu prioridade son os billonarios, os racistas e os pedófilos.

As detencións da Axencia de Inmigración son cada día máis inxustas e inhumanas. Durante meses foron detidas persoas sen antecedentes criminais en centros cuxas condicións só van a peor. Varias persoas foron deportadas malia estar as súas visas vixentes, ou viron denegada a a entrada ao país só por expresar opinións críticas sobre Trump e o seu goberno.

A súa política arancelaria non fai máis que alienalo do mercado global e danar os consumidores americanos, dado que quen debe pagalo son as empresas estadounidenses, que finalmente lles trasladarán o custo aos seus clientes. Desintegrou o goberno federal: eliminou departamentos, postos de traballo e grandes porcións da xa mísera sanidade pública da que depende gran parte da súa cidadanía. Despois disto, anunciou unha axuda de 20 millóns de euros, posteriormente 40 millóns, a Arxentina.

O outro día, o novo ministro de guerra, Pete Hegseth (o nome orwelliano xa o di todo), botou a prensa do Pentágono, incluída a infame Fox News, por negarse a aceptar as novas condicións que intentou impoñer: que os periodistas non puidesen inquirir sobre as fontes do que se di na sala de prensa, senón que soamente puidesen publicar o que diga o portavoz.

Era isto o que quería dicir o presidente cando prometía poñer «América primeiro»? Illar, deter, silenciar e desinformar a súa cidadanía?

Aínda así e con todo iso, creo que a imaxe que mellor representa as prioridades de Trump data desta mesma semana. Apenas días despois da manifestación No Kings (‘Non Reis’, en contra de Trump), difundíanse imaxes da Casa Branca en obras, que estaba sendo parcialmente destruída para construír unha sala de baile cun custo de 250 millóns de dólares. No medio do descontento, o sufrimento e as repetidas chamadas públicas para que publique os infames documentos de Epstein, a prioridade deste home do pobo, do campión popular, é tirar parte dun dos edificios máis emblemáticos da democracia estadounidense para construír un novo monumento á súa propia vaidade. Se isto estivese a ocorrer nunha película, queixariamonos porque o vilán é demasiado obvio.

Era isto o que quería dicir o presidente cando prometía poñer «América primeiro»? Illar, deter, silenciar e desinformar a súa cidadanía?Trump sempre se alimentou da polarización política, da discordia, do odio e da alienación da poboación estadounidense, buscando ou inventando inimigos nas minorías para poder vender a guerra que precisa para construír unha narrativa na cal el é o heroe indisputable. Agora que está no poder unha vez máis, e cos seus seguidores máis cheos de odio ca nunca, a única conclusión posible é que si, efectivamente, isto era ao que se refería desde o principio. Un estado no que el determina os colectivos que merecen ser protexidos e os que son parte do «outro», o «inimigo», o que lles quere quitar aos bos cidadáns todo aquilo polo que levan loitando e traballando toda a vida.

O obxectivo, podemos ver agora con claridade, o lema de “América first” refírese exclusivamente á que leva tres K.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail