O festival de cinema celébrase entre o 22 e o 26 de outubro na Coruña e aposta por unha programación internacional que reflicte as novas linguaxes cinematográficas. Cineastas, productoras, artistas, xurados, críticos de cine e axentes do sector cinematográfico estarán presentes en Coruña esta semana para presentar e acompañar o festival.
Chegando á Coruña arrecendía a peixe fresco. Ás veces igual olvidamos que é un porto de mar, seguramente escondido no balbordo da cidade. E alí no medio, tamén, o festival Intersección.
Segundo o director do festival, Gonzalo E. Veloso, o Intersección quere ser un punto de encontro artístico, de persoas consagradas e tamén de novas xeracións. Para iso, e co obxectivo de atopar pezas que poden estar fóra de circuítos habituais do audiovisual, a edición deste ano contou cun anovado equipo de especialistas. Así o explica Andrea Franco, xefa de programación (escoita aquí unha conversa con Gonzalo e Andrea en Cultura a todas luzes).
A programadora da Sección Galicia foi Sara Donoso; e na Sección Escolas, o Colectivo Memoria e Cinema. Este ano poñen bastante foco na ficción, ás veces un pouco esquecida nas novas linguaxes cinematograficas.
Seccións competitivas
As seccións competitivas, Internacional, Galicia e Escolas traen 42 títulos. A metade dos títulos chegan en exclusiva a Galicia con este festival. Haberá sete estreas mundiais, nove estreas en España e oito estreas en Galicia.
A Sección Internacional trae cinema de autor sen fronteiras e sen restricións. Unha mestura de xéneros, duracións e nacionalidades que mostran as correntes máis actuais e innovadoras dos cineastas nacionais e internacionais. Estarán en INTERSECCIÓN os últimos traballos de cineastas como Nelson Carlos dos Santos Arias, Martín Rejtman, Courtney Stephens, Travis Wilkerson, Sasha Litvintseva & Beny Wagner, Laida Lertxundi, Eva Giolo, Kevin Jerome Everson ou María Cañas.
O talento galego cobra tamén especial relevancia. A Sección Galicia acolle traballos de cineastas como Lois Patiño, Xacio Baño, Feyrouz Serhal, Inés Pintor, Hugo Amoedo ou Alba Domínguez, entre outros. Ademais, busca que as vías de exhibición sexan cada vez máis amplas, e forma así unha plataforma plural na que teñan cabida as diferentes ramificacións do medio audiovisual. Neste sentido, sae da sala de cinema e ofrece catro obras en formato exposición que se poderán ver na Fundación Luis Seoane. Pliegue tectónico II + Un cuadro con subtítulos, de Carlos Fernández López; 83 + El centro es un movimiento perpetuo de Eva Díez; A fotografía velada é espazo para unha proposta de memoria de Sabela Eiriz e Persistencia + Estridor 5-7-1 de Juan Lesta.
Pola súa banda, a Sección Escolas descobre os primeiros traballos dos artistas que irrompen con forza na industria cinematográfica. Está programada por Memoria e Cinema, un colectivo de creación audiovisual que ten por obxectivo achegarse á historia, memoria e patrimonio en sentido amplo a través de diferentes disciplinas artísticas.
Retrospectiva a Total Refusal
INTERSECCIÓN organiza unha retrospectiva do colectivo austríaco Total Refusal. Será a primeira
retrospectiva que se faga en España ao traballo do colectivo. Total Refusal autodefínese como «unha guerrilla mediática pseudomarxista» centrada na intervención artística e a apropiación dos videoxogos convencionais para revelar o aparello político que se esconde detrás destes medios. Aprópianse dos seus recursos e traballan co trasfondo e o discurso do videoxogo para poñelos ao servizo da sociedade e crear espazos de debate públicos.