«Voute apuñalar no corazón, non teño nada que perder!»: dúas testemuñas sinalan o principal acusado de asasinar a Samuel

A Coruña.- Cando se cuestiona que se publiquen fotos e se emitan  gravacións coas imaxes recoñecibles dos asasinos de Samuel Luiz, apelando ao (per)xuízo público paralelo que sofren sen ser aínda declarados culpables da súa morte, esquécese que a peor pena de telexornal a levou a vítima: o seu nome, as súas orixes, a súa profesión, as súas amizades, a súa familia, o seu modo de vida, a súa orientación sexual… Todo iso publicouse e foi obxecto de debate en prensa, radio, televisión, internet e redes sociais, sen que el dera antes da súa morte, nin poida dar xa, claro, o seu consentimento para iso.

Este mércores, como está establecido no calendario do xuízo unha vez á semana, a xuíza que preside a vista oral polo asasinato de Samuel permitiu a entrada de cámaras e fotógrafos na sala para que puidesen tomar e logo difundir imaxes dos acusados. Tamén dos seus avogados, dos das acusacións, da fiscal, da letrada do xulgado… Mesmo dela mesma. De todos salvo dos membros do xurado, por razóns obvias.

Ás testemuñas que declararon despois de saíren os fotógrafos, como lles sucedeu a todos os que compareceron desde que empezou o xuízo, e como probablemente lles sucederá aos que o fagan no que resta de proceso, sempre os espera un grupo de camarógrafos e xornalistas á entrada da Audiencia Provincial da Coruña.

Os seus rostros tamén son captados e logo aparecen cos seus nomes nos xornais, nas redes, nos programas de televisión… Os interrogatorios aos que os someten as partes son intensos, e pregúntaselles por que non tentaron salvar a Samuel, sequera chamando a policía. Algúns responden que porque tiñan medo.

Vinculados a un crime homófobo e brutal

Aparecer de cara nunha páxina de xornal, nun telexornal ou nun chío, vinculados a un crime tan presumiblemente homófobo como brutal como o de Samuel, non é agradable para os acusados que se declararon inocentes. Pero tampouco o é para as testemuñas, especialmente se recoñecen que non fixeron nada por impedilo e que se mantiveron como observadores pasivos da salvaxe malleira. Nin sequera para quen si mostraron unha actitude cívica e solidaria, como Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye. Non o é, desde logo, para as persoas máis próximas á vítima.

De feito, a acusación popular que exerce a asociación ALAS Coruña anunciou este mércores que renuncia ao interrogatorio da nai de Samuel, previsto para o vindeiro luns, ao obxecto de aforrarlle o presumible calvario que tería que pasar. Segundo fontes próximas á familia, está rota desde que mataron o seu fillo. Non se recuperou e quizá non o faga nunca.

Detalle do vídeo extraído do sinal da Audiencia Provincial da Coruña, co rostro pixelado de Alejandro Míguez, un dos acusados da morte de Samuel Luiz, durante a súa declaración a semana pasada / CRTVG

A renuncia foi aceptada. E a xuíza tamén se prestou a estudar, tras escoitar as partes e ao xurado, a petición da acusación particular para que unha das testemuñas chave do xuízo, que acudirá o xoves e cuxo testemuño podería desmontar as versións das defensas, o faga protexida por un biombo, despois de denegárselle facelo por videoconferencia. «Ten medo», resumiu a avogada da familia. A xuíza anunciará a súa decisión ao comezo da vista do xoves. Só se opuxo á petición da testemuña a defensa de Diego Montaña, o principal acusado do crime. Con todo, o seu avogado, Luis Salgado, non obxectou nada ás peticións de renuncia doutras dúas testemuñas.

A vista do mércores non foi o mellor día para o letrado de Montaña, porque as testemuñas imparciais que presenciaron os feitos sinalaron o seu cliente, dous deles sen dubidalo e outro con probabilidade, como a persoa a quen oíron gritar: «Voute apuñalar no corazón, non teño nada que perder!». Iso apunta á tese de que tería intención de acabar coa vida de Samuel, como finalmente sucedeu.

Os dous primeiros tamén o viron correndo cara a el tras o tumulto inicial que o propio Diego creara no lugar da primeira malleira. Alí comezou a golpealo e alí se concentrou a turba que logo o perseguiu a patadas e puñadas polo paseo marítimo ata que caeu no medio da rúa.

Discusión de dous acusados no reservado dun pub

A Diego tamén o identificou un dos membros do equipo de seguridade do pub onde o grupo dos acusados iniciara a súa festa na noite do 2 ao 3 de xullo de 2021. Dixo que o viu discutir con Catherine Silva, entón a súa noiva e quen tamén senta no banco acusada de asasinato con ensañamento, aleivosía e discriminación por orientación sexual.

Ambos estaban no reservado do local que o grupo de amigos alugara para celebrar a apertura do lecer nocturno tras o confinamento. Cando Diego deu un golpe na mesa do reservado fronte a Catherine, o garda instounos a discutir no exterior, a onde os acompañou. «A moza estaba enfadada e mostrouse moi ofendida e molesta cando lles dixen que por favor saísen a arranxalo», afirmou.

A sesión tampouco foi positiva para os intereses de Catherine. Ata o de agora só as testemuñas da acusación a situaran en actitude agresiva e como parte da manda que matou a Samuel, á que acirraría proferindo insultos homófobos e empuxando a quen trataba de frear a malleira e rescatar ao mozo. A acusación volveu hoxe a rebater con probas testificais a tese da súa defensa, que a presenta como «unha nena» pacífica que nin participou nin alentou os feitos e que mesmo tentaría frear a Diego, de palabra e mesmo enfrontándose a el.

Fotomontaxe coa imaxe de Samuel e co memorial improvisado no lugar da súa morte

Ao contrario, unha das testemuñas admitiu que aínda que a viu primeiro tratando de suxeitar o seu noivo, despois observouna integrada no grupo que perseguía a Samuel á carreira polo paseo marítimo. Outra das testemuñas negou vela freando a Diego, algo que, dixo, só fixo a amiga de Samuel, a única que pediu auxilio: «Axudádeme, por favor, están a pegarlle por ser gai!». A pesar de que as acusacións piden para Catherine 25 anos de cárcere, a mesma pena que para Diego, ela está en liberdade baixo medidas cautelares, mentres o seu exmozo permanece en prisión provisional.

A súa defensa, que exerce o penalista Luciano Prado del Río, tamén apelou á pena de telexornal e ás ameazas e insultos que recibiu Catherine desde que foi implicada no crime. Luciano Prado é irmán de Paula Prado del Río, secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, a quen algúns xornalistas da Televisión de Galicia sitúan tras as ordes que recibiron para non tomar imaxes en primeiro plano dos presuntos asasinos, e para difuminar ou pixelar os seus rostros antes de difundilas. Público preguntou ao PP e á dirección da televisión pública por esas ordes, pero ningún respondeu.

Cando acabaron con Samuel, o mozo sangraba polo occipital, a boca e os oídos. Xacía inconsciente no chan. Un policía sanitario que paseaba polo lugar, e que o contou así sobre o estrado, aplicoulle os primeiros auxilios mediante un boca a boca e unha masaxe cardíaca. Logo levárono en ambulancia ao hospital onde morreu poucas horas despois.

Desde entón, o nome, a orixe, a vida e as circunstancias de Samuel, incluída a orientación sexual que os seus asasinos creron ver nel, non deixou de difundirse a través de todos os medios de comunicación, sen que ninguén cuestionara a idoneidade de facelo a pesar da revitimización que segue atormentando á súa familia.

O nome, a orixe, a vida e as circunstancias de Samuel, incluída a orientación sexual que os seus asasinos creron ver nel, difundiuse sen que ninguén cuestionara a idoneidade de facelo a pesar da revitimización que segue atormentando á súa familia

Mentres tanto, os avogados da defensa seguen considerando que a quen afecta a difusión das imaxes das persoas que participan no proceso é aos seus clientes. Non só porque se montou un xuízo paralelo no que xa se ditaminou a súa culpabilidade, senón porque o coñecemento público da súa imaxe condiciona a versión das testemuñas, especialmente a dos que non coñecían nin a vítima nin os acusados

A todos os que acudiron a declarar e que os identificaron como autores do crime, as defensas pregúntanlles se non se confundiron, insinuando ante o xurado que poderían deixarse levar polo xuízo paralelo derivado da difusión dos seus nomes e rostros. Tentouno sen éxito o avogado de Diego Montaña cunha das testemuñas que non identificara o seu cliente fai tres anos ante a policía:

—Está seguro de que era Diego? Como é que si o recoñece hoxe?
— É o recordo que teño agora.
— Pero non sabía o seu nome, e en cambio o de Samuel si.
— Todo o mundo sabe quen é Samuel.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail