LarLilás, cohousing galego para maiores con liberdade, igualdade e solidariedade

FOTOS: M. G.

No transcurso de apenas unha década case 1,5 millóns de galegos terán, ou teremos, máis de cincuenta anos de idade. Iso é preto do 55% da poboación do país. Haberá máis de 710.000 persoas que estarán, ou estaremos, en idade de xubilación. Ao redor de 150.000 superarán os 85 anos, e uns 1.500 terán máis de cen.

Hai vinte anos, o número de afortunadas e afortunados centenarios non chegaba en Galicia aos 400. E é unha boa noticia que esa cifra se multiplicara case por catro, pero tamén demostra que o envellecemento da poboación e o inverno demográfico están aquí para quedar. Máis aínda, non son unha estación cíclica pasaxeira, senón que vén sendo algo así como unha glaciación. Trátase dunha realidade case xeolóxica, tan inmediata como o cambio climático ou a onda de novos fascismos. E as súas consecuencias económicas, sociais e sobre as nosas formas de vida probablemente serán tan imprevisibles e difíciles de combater como as derivadas das ameazas que representan o quecemento do planeta e o rexurdimento da ultradereita en moitos países de occidente.

Só de cando en cando a crise demográfica recaba o interese da opinión pública, case sempre mediante análises máis ou menos alarmistas elaborados desde unha perspectiva estatística, macroeconómica: en quince anos haberá máis do triplo de maiores de 67 anos que de menores de quince; por cada galego xubilado haberá só 1,3 traballadores cotizando á Seguridade Social (a ratio mínima para garantir a sustentabilidade do sistema é dun por cada dous); de seguir o ritmo actual, a mediados de século en Galicia morrerán cada ano máis de 50.000 persoas, pero apenas nacerán 10.000 nenos. É así.

Foto de familia de Larlilás.

Quen nos vai coidar cando en poucos anos cheguemos á senectude, se apenas temos fillos (unha media de un por parella desde hai décadas) e cando a perspectiva é que eles nos dean aínda menos netos que nós aos nosos pais? Poderemos seguir gozando na vellez das nosas amizades e facer outras novas se padecemos algún tipo de dependencia que nos inhabilite para iso se non podemos permitirnos coidadores e acompañantes de pago? Como nolas apañaremos para namorarnos ou arrexuntarnos, para manter relacións sociais e sexuais, para gozar da cultura e o lecer en compañía e non pasar a nosa vellez en soidade se os achaques nos obrigan a vivir illados do mundo? Acabaremos morrendo de mala maneira nunha desas sinistras residencias xestionadas por desalmados que fan negocio coas vidas, as pensións e os aforros dos anciáns? Seica o Estado do Benestar era isto?

Un grupo de galegos de mediana idade veñen de responder a este bloque de preguntas e puxeron en marcha unha iniciativa para non deixar o seu futuro en mans das contradicións do sistema. Así, planean construir un centro de maiores autoxestionado para asegurarse un futuro de estabilidade, solidariedade e liberdade, no que poidan envellecer de maneira digna e activa e, sobre todo, para garantirse que o que lles queda de vida vano pasar como desexan.

Son xa ao redor de sesenta e constituíron unha asociación cuxo obxectivo é erguer e manter un centro con vivendas independentes con espazos comúns, que serán propiedade do colectivo e no que todos e todas achegarán a unha cantidade para a construción primeiro e para o sostemento do complexo e das súas instalacións, despois, cando xa vivan alí.

«Pretendemos fuxir do trato masificado e dos elevados prezos das residencias actuais» (Luís Hierro)

Algunhas das decisións mais importantes como o lugar onde instalarse, o modelo constructivo, o plan de inversión e o regulamento de réxime interno adoptaránse pola asamblea da asociación, xa que o proxecto baséase en principios democráticos. A xestión do día a día recaerá en comisións especializada e nunha xerencia profesionalizada.

Queren ter vivendas individuais ou compartidas dignas e alcanzables, e zonas comúns e de lecer e esparexemento adaptadas aos seus gustos e afeccións. Desde un pub e unha sala de cinema e teatro ata áreas deportivas e de lectura e aprendizaxe e incluso un lugar para cociñar e comer, se cadra. Darán emprego estable e de calidade a profesionais dos servizos que precisen, especialmente da xeriatría e os coidados, que os prestarán a quen os necesiten agora ou máis adiante, sen que dependa de se os poden custear ou non. Porque as achegas serán as mesmas para todos os usuarios, con independencia do seu grao de dependencia, se o tiveran, ou de canto custe cubrir as súas necesidades persoais de asistencia, sexan inmediatas ou de futuro.

«O covid-19 abriunos os ollos a moitas de nós. Vimos a realidade do sistema sanitario público e que moitas residencias seguen mantendo un sistema asistencial obsoleto que criamos superado, pero que aínda hoxe segue presente» explica Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos na Universidade da Coruña, Premio Nacional de Informática en 2019 e presidenta e portavoz do colectivo LarLilás, promotor da iniciativa.

«Seguro que hai moitas excepcións, pero moitos deses centros parecen aparcamentos onde os anciáns só van esperar a súa morte mentres os seus xestores fan diñeiro aforrando en comida, en atención e en persoal especializado. Nelas, todo está en función do negocio e non das necesidades dos usuarios», engade.

Nos nove primeiros meses da emerxencia sanitaria morreron en Galicia 1.250 persoas, das que 509 residían en residencias de maiores. Destas, o 94% vivían en centros privados ou en centros públicos xestionados por sociedades mercantís privadas. En todo o Estado morreron máis de 30.000 maiores en residencias, públicas ou privadas. «Agora os modelos de residencias están a cambiar, é certo, pero nós non podemos esperar e necesitamos resolver o noso futuro agora, antes de que sexa tarde e esteamos mortos», ironiza a portavoz.

O concepto de cohousing ou vivendas colaborativas compartidas é obra do arquitecto danés Jan Gudmand-Hoyer, quen nos anos sesenta desenvolveu unha fórmula para satisfacer as necesidades de numerosas familias que tiñan dificultades para acceder a unha vivenda en propiedade, e que ademais querían manter unha interacción solidaria cos seus veciños.

A idea foi que financiasen entre todas a adquisición de terreos e a construción dos seus fogares e dos espazos comúns que os rodeaban, cedendo a súa propiedade a unha cooperativa, fundada cunha pequena achega inicial de cada unha delas e financiada con cotas mensuais equivalentes ou mesmo máis baixas que unha hipoteca. Podían legar o seu uso aos seus descendentes, pero non vendelas, e se co tempo algunha familia decidía renunciar á súa casa e mudarse, a cooperativa devolvíalle a achega inicial e buscaba un novo socio inquilino.

O modelo estendeuse con rapidez no norte de Europa e os Estados Unidos, onde no últimos cincuenta anos se desenvolveron infinidade de proxectos de cohousing baseados na idea inicial de Gudmand-Hoyer. A crise inmobiliaria, o crack financeiro, a pandemia de covid e a glaciación demográfica están a poñelo de novo de actualidade.

O ano pasado a Consellería de Política Social da Xunta aprobou unha orde que fai mención e regula as vivendas colaborativas como alternativa para aloxar e coidar a maiores dependentes. «Nos últimos anos está a xurdir en distintos países europeos un modo de vida en comunidade para fomentar o apoio mutuo entre persoas que deciden vivir xuntas. No ámbito das persoas maiores este tipo de comunidades dotadas de servizos asistenciais están a desenvolverse como unha alternativa ao modelo residencial tradicional», di a exposición de motivos da norma.

«Esta alternativa de convivencia con cabida no ámbito dos servizos sociais pode materializarse a través de vivendas colaborativas, dotadas de servizos para a promoción dunha vida social activa e colaborativa, que contribuirán ao benestar das persoas maiores paliando situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo», engade a lei.

«Moitas residencias seguen cun sistema asistencial obsoleto que criamos superado» (Nieves Rodríguez)

O proxecto de LarLilás, que pode consultarse na web http://www.larlilas.gal engade unha novidade. A fórmula societaria non será unha cooperativa, senón unha asociación sen ánimo de lucro á que cada socio achegará a súa parte en forma dun investimento inicial e despois de cotas mensuais, que irá abonando ao longo da súa estancia no complexo.

«A propiedade de todas as vivendas será da sociedade no seu conxunto, de forma que non se poderán herdar. E cando vaiamos morrendo, as prazas irán quedando libres para que poidan entrar novos socios inquilinos», explica Rodríguez Brisaboa, quen insiste, con todo, en que «o de menos é levantar as vivendas. O máis importante é garantir os coidados de quen as habite».

A idea de LarLilás, cuxo nome fai referencia ás lilas, as flores que en portugués son lilás e cuxa cor violeta alude ao carácter feminista do proxecto, xurdiu entre un grupo de amigos e coñecidos de Santiago e A Coruña que queren agora estendela a máis persoas interesadas e ás que só piden compartir «un ideario feminista, progresista, laico, solidario, igualitario e partidario dunha morte digna», en palabras de Luís Hierro, socio de LarLilás.

Unha participante do proxecto Larlilás intervén nunha reunión.

«Queremos construír xuntos nosa xubilación baixo os principios de autoxestión e envellecemento activo, para que cada persoa teña a súa propia vivenda coa privacidade e independencia que iso supón pero compartindo os custos de todos os servizos de atención que poidamos precisar. Desde limpeza ou cociña ata enfermería ou fisioterapia, e tamén, chegado o caso, todo tipo de atención á dependencia», explica Ernesto Vilasante, outro dos socios iniciais.

LarLilás creará entre 30 e 35 postos de traballo estable. «Pretendemos fuxir do trato masificado e dos elevados prezos das residencias actuais. O noso proxecto non ten ánimo de lucro, é por e para nós e para as persoas que se unan a el», engade Hierro.

Quen queira vivir en LarLilás poderá dispoñer dunha vivenda de entre 40 e 45 metros cadrados para unha soa persoa, ou de 60 metros se se trata de dúas. Para iso terán que facer unha aportación de 45.000 euros no primeiro caso e de 65.000 no segundo. Esa aportación e por vivienda, non por persoa, polo que no caso de compartila a cantidade por cabeza será a metade.

Despois, cando xa vivan alí, cada quen aportará uns 750€ euros ao mes para cubrir todos os servizos e persoal necesario. Esa cantidade non depende do nivel de dependencia senón que é igual para todos, e non inclúe as comidas xa que as persoas poden optar por cociñar nas suas casas. Se desexan ter servizo de comedor en réxime de pensión, andará polos 350 euros máis ao mes.

Para que o proxecto sexa viable precisan de preto de douscentos socios. Xa empezaron a buscar e localizar terreos en municipios onde existe unha cobertura sanitaria pública razoable, comunicacións adecuadas e unha mínima oferta cultural e de servizos básicos. Tamén espazos naturais que poidan acompañar o modo de vida que queren levar.

Xa contactaron con varios concellos interesados en albergar o complexo, cos que negociarán que este poida obter as licenzas e permisos necesarios no menor tempo posible para poder abrilo canto antes.

O investimento inicial de entre 45.000 e 65.000 euros está suxeito á garantía da recuperación íntegra e ao momento do seu diñeiro antes da adquisición dos terreos e do inicio das obras, por se a algún dos socios non lle satisfai a localización final do complexo. Esa garantía esténdese a calquera persoa que durante a construción das vivendas decida finalmente non ocupar a que lle corresponda, e que poderá recuperar o seu investimento ben presentando a un novo socio que ocupe o seu lugar cumprindo os requisitos da asociación, ou reclamándolla a esta, que lla devolverá nun prazo máximo de dous anos.

Xa contactaron con varios concellos interesados en albergar o complexo

Ademais, quen entre a vivir en LarLilás terán un período de amortización de seis anos durante o que poderán deixar de habitar o complexo e recuperar a parte do diñeiro investido, en cantidade proporcional ao tempo en que non o utilizaron dentro dese período.

As finanzas da asociación estarán xestionadas por unha comisión directiva elixida democraticamente en asemblea que non poderá decidir nada sobre elas sen que esta o aprobe previamente. No caso de que o proxecto fracase, todo o diñeiro se devolverá aos investidores ou, no seu caso, aos seus herdeiros.

Con todo, nada parece indicar que os socios de LarLilás vaian fracasar. Ao contrario, mais ben semella que pode ser un exemplo a seguir por quen queira algo tan sinxelo como o que apunta Luís Hierro: «Só queremos ser modestamente felices na nosa vellez».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail