Un manto gris comezou a cubrir o ceo ese domingo dende primeira hora da mañá. Pequenos raios de luz incandescentes atravesaban as nubes de fume, que deixaban ao seu paso unha choiva incesante de cinzas. O ambiente era cada hora máis abafante, denso, a calor intensa. Un cheiro a queimado instalouse nos narices e nas gorxas. O picor de ollos. E as noticias que anunciaban un tras outro un novo foco de incendio na provincia de Pontevedra. Un inferno, o do 15 de outubro pasado, no que miles de persoas loitaron cara a cara contra un lume voraz e viral, que acurralou numerosos núcleos de poboación, a maioría rurais, ameazando con reducir a negro vidas enteiras en cuestión de minutos.
Apenas tiveron tempo de reaccionar cando as lapas arrodearon as súas casas. O lume que parecía lonxe bulía co vento e alimentábase de toda a materia combustible que encontraba, expulsando faíscas que prendían aquí e acolá. De madrugada en Padróns, no municipio de Ponteareas, sitúan o inicio dun lume que acabaría estendéndose cara Pazos de Borbén e Redondela. Na mañá do domingo outro foco nas Neves saltou a Salvaterra do Miño e Salceda de Caselas. Chegaban avisos de Gondomar, de Zamáns e da parroquia de Valadares, en Vigo, que acabarían replicándose por todo o cinto rural da cidade, que a media tarde estaba asolada polos tres costados. De Soutomaior a Baiona, o lume avanzaba calcinando vilas e aldeas sen que os medios de extinción, profesionais ou veciñais, conseguiran poñerlle freo.
«Foi unha cousa coma un raio. Miraba un clarón alí en Pazos de Borbén. Díxome a muller que ía buscar os coellos que temos en Chaín. Díxenlle: non vaias, que o lume pode chegar. Aos cinco minutos avísanme de que xa está no campo de fútbol. Cando volveu a miña muller xa o tiñamos enriba. Colleunos aquí, sen xente, sen medios. Dez persoas para salvar un cento de cabalos. Chamaban de todas partes que mandaran camións para sacalos, pero estaba a estrada totalmente queimada, cortada», relata Víctor Pereira, do centro de hípica Amazonas na Ínsua, de Ponte Caldelas.
«Estabamos incomunicados. Non se podía subir de Soutomaior, vindo de Pontevedra xa non te deixaban chegar nin a Tourón. Da Lama cara abaixo non deixaban pasar. Isto foi para morrer. Non vira cousa igual na vida, nin parecida», recorda Pereira. «Aquí tocounos a todos. Ardeu arredor de todas as casas. Só tiñamos unha motobomba do Concello. Polo menos, en 2006 viña pouco a pouco, e tivemos tempo a sacar os cabalos, tiña aquí 300 persoas axudando. Desta vez non deu tempo nin a dicir ai!». O lume entrou nas cortes pero conseguiron sufocalo no momento cos cabalos aínda dentro. Mais tres eguas desorientadas, Violeta, Dulcinea e Nala, escaparon en dirección ao incendio. Encontráronas ao día seguinte con graves queimaduras.
Non quedou apenas recuncho sen carbonizar en Ponte Caldelas, preto de 3.000 hectáreas pegadas ás vivendas. Un millar de veciños e veciñas quedaron sen auga. O mesmo resultado tivo nos numerosos focos que prenderon ese domingo de incendios. Nas Neves, calculan que o 90% do municipio viuse afectado polas lapas. En toda a provincia unha vintena de vivendas, 16 delas habitadas, foron pasto do lume, xunto con decenas de instalacións e naves industriais, segundo datos da Consellería do Medio Rural.
As cifras non reflicten porén o horror vivido nesas horas. Ante o desgoberno e a falta de medios, só a veciñanza unida conseguiu salvar propiedades e vidas dunha traxedia que deixou catro persoas falecidas: Maximina Iglesias, de 86 anos, e Angelina Otero, de 78, na parroquia de Chandebrito, en Nigrán; Alberto Antonio Castromil, de 70 anos e veciño de San Andrés de Comesaña, en Vigo; e Marcelino Martínez, de 78, en Abelenda das Penas, na localidade ourensá de Carballeda de Avia.
«Se teño que reducilo a unha palabra é desolador, sen dúbida. Xa o sábado pola noite cheiraba moitísimo a queimado. Pero non miramos lume por ningures, nada. Ao día seguinte din que arde Redondela, pero era moi raro que chegara até Valadares. A media mañá recibo un Whatsapp que arde Morgadáns (Gondomar). Comeza a saír fume detrás do Galiñeiro, cara Vincios. Subimos o Monte Cepudo e miramos como aparecían máis lumes, correndo a unha velocidade tremenda. Arde en Seoane, preto das casas. Ardera unha na Fraga, que estaban desaloxando, pero había xente atrapada. Un auténtico caos», explica Marta Filgueiras, que percorreu os principais lumes que rodeaban a cidade de Vigo.
«Por favor, vén á miña casa que está ardendo aquí ao lado e eu non podo saír que teño o neno». Esta foi a mensaxe dunha amiga de Filgueiras pedindo axuda na Sobreira (Valadares), e alí foi cun grupo de mozos armados con caldeiros, que foron recollendo nas casas veciñas. En pouco tempo, decenas de persoas formaban unha cadea humana para evitar que o lume chegara á escola. Cando a situación parecía máis controlada, marcharon cara Fragoselo, na parroquia de Coruxo. O intenso lume en Chandebrito, que tiña acurraladas a familias e a axentes policiais que tentaban evacuar a zona, avanzaba en dirección á costa.
«Chegamos e unha señora tentaba sacar o marido da casa. Quedaran sen luz. Saltamos o muro e o señor deulle as chaves do coche a un rapaz, que o levara cos tres cans onde quixera pero fóra de alí. A señora desesperada porque o marido quería quedar na casa. Tivemos que escapar correndo porque nos comían as lapas. E, de repente, avisan que arde no Freixo e no Monte Alba. Mirabas ao lonxe como explotaban cousas, como o tendido eléctrico».
No Freixo, no que queda del, vive Verónica Villanueva, que estaba na Coruña pasando o día cando apareceron as alertas por lumes na provincia. Cando chegou a media tarde ardía a parte baixo do barrio. Alá foi axudar para contelo, aínda que as lapas eran xa demasiado altas para sufocalas con caldeiros. «Allea a todo o que pasaba, avísanme que todo arredor da miña casa estaba ardendo, que non se podía salvar. Mirabas arriba, e ardía todo, e non tiñamos máis saída. Ou agora ou quedamos aquí, pensamos. E arrancamos co posto e pouco máis. A miña nai colleu os papeis da casa e do seguro. Todo o Freixo chorando, sen saber se poderíamos volver. Á mañá seguinte, estaba todo arrasado no camiño, dunha punta á outra, só quedaran as casas en pé. As miñas paredes queimaban ao día seguinte. Agora só penso que igual xa non vexo isto verde outra vez».
A poucos quilómetros, Óscar Lago recibiu as primeiras mensaxes de alerta da súa familia en Fragoselo. «Había fume pero lonxe, e como non era a primeira vez pois non lle demos importancia. Pero pasados uns minutos avisaron que estaba cada vez máis cerca. Saín pitando para alí e xa de camiño asustaba ver como baixaba. Cando cheguei xa non deixaban pasar a ninguén». Centos de persoas agardaban impotentes por familiares atrapados ou sen poder chegar á súa vivenda. A rede móbil caía pola saturación. Algúns tentaban sortear os controis. Nervios, axitación e moita impotencia. «Cada vez viña menos xente, por un altofalante avisaban que se desaloxara urxentemente. Non respirei até que vin os meus pais baixar. Caía xa a noite e marchamos cara a escola, onde estaban evacuando á xente, pero ao rato avisaron que viña o lume nesa dirección e tivemos que desfilar máis de 80 coches até o campo de fútbol do Coruxo, na praia do Vao. Sen saber nada, mirando como a lingua de lume comía o monte».
De madrugada, un grupo de veciños comeza a volta, á vista de que o incendio parece remitir. Cando chegaron, aínda prendía, pero o vento cambiara de sentido desprazando o lume cara Roteas, tamén en Coruxo. Polo menos dúas casas, galpóns, leiras e decenas de animais foron vítimas do lume en Fragoselo. Algúns veciños seguen sen encontrar unha explicación a que non queimara todas as propiedades. Dous días despois, pequenos conatos reprodúcense como recordatorio entre as cinzas.
Do rural vigués non tardou en chegar á fronteira co casco urbano, na parroquia de Matamá e San Andrés de Comesaña. Nesta última, unha veciña da zona de Rial relata horas de espanto que só foi posible salvar grazas á solidariedade veciñal. «O rural sempre é o último. Levamos anos pedindo que se limpen as fincas, que se coiden os montes, e ninguén vén. O que hai que facer agora é dignificar o traballo destas persoas, nisto que se chama a periferia viguesa. Que se lembre. Acá non hai vídeos, nin hai nada porque nin houbo tempo», conta aínda conmocionada.
Pasou antes por Álvarez, por Redondos, por Casás, arrasando o que atopaba no seu camiño. Trataban de contactar co teléfono do 112, pero estaba colapsado. Outros veciños confirman este punto. Quen o conseguiu, de pouco lle valeu. Os medios cos que contaban eran os que podían alcanzar coa man. A media tarde, prendeu un pequeno foco nas proximidades. En dez minutos eran lapas con maior altura que as casas. En corenta, calcinara xa todas as tomadas. «Estoupaban as canas secas, os fachos de eucalipto. Pero o perigo non só eran os focos. Era que todo o que ardía viña voando. E caía na porta da casa, de todas as casas, e todo o que non estivera mollado de antes nese momento prendía».
Foi nese momento cando a veciñanza tomou o control da situación. O maior dos medos era que entre as cousas que podían arder había bombonas de butano ou propano e depósitos de combustible. A pouca distancia está a nave onde se gardan os camións que recollen o lixo en todo Vigo. Asumiron o papel (pola forza) de brigadistas, de bombeiros, de psicólogos e técnicos de emerxencias. E contaron cunha vantaxe, malia que o lume fora varios pasos por diante: coñecían o medio no que vivían.
Ademais non estaban sós. Desde os lugares da parroquia próximos, que acababan de pasar minutos antes pola mesma situación, chegaron os reforzos. «Dentro do pánico que había, cadaquén tiña unha función. Uns mollaban roupa, outros a pé de lume combaténdoo cunha pa, cavaban foxos arredor das casas, sacaban caldeiros das piscinas, facían quendas para entrar na casa e respirar. Xente de Casás que non nos coñece de nada que veu para salvar as nosas casas. Había unha rapaza cun coche, cando alguén se derrubaba, sacábano de alí. Pero tampouco había zonas seguras onde escapar. Dá medo pensar o sangue frío co que se organizaron», relata a veciña de Rial.
Pero matiza. «Aquí a xente non se sente heroes, tampouco tiñan poderes. Tiñan auga, mangueiras, picos e palas, e tíñanse entre eles. O que máis se escoita é que calquera tería feito o mesmo. Salvar a vida ou quedar sen nada. Aquí non se dan méritos. Necesitan normalizar a situación, aprender a ver a paisaxe como está, e aprender a convivir con ela. Eu non recoñezo o lugar. Antes que repoboar, agora toca limpar e retirar os escombros das zonas que quedaron afectadas. En Rial non hai nada que limpar, porque non quedou nada».
Foi a poucos metros onde Alberto Castromil, tentando axudar a unha veciña, perdeu a vida aos 70 anos. De noite e nunha inmensa fumareda, caeu dunha altura de tres metros. Acudía á chamada de auxilio malia que a súa vivenda aínda estaba en perigo. Faleceu de camiño ao Hospital Álvaro Cunqueiro. «O físico xa está, as casas están salvadas, pero todas estas persoas non van borrar da retina o que pasou. Esa impotencia non sei se existe xeito de aliviala, teño dúbidas, pero iso si que sería importante».
O pánico chegou entrada a noite ao casco urbano de Vigo. Tras unha tarde pendentes das redes sociais, pendentes desa nube de fume que asfixiaba a cidade, das dramáticas noticias que chegaban dos focos principais no rural, o lume prendeu xunto a importantes áreas residencias. Carlos tiña o coche aparcado en Fragoso. Seguía os acontecementos no Facebook cando, de repente, viu unha imaxe a carón da súa casa ardendo. Mirou pola ventá e alí estaba. Baixou correndo para mover e coche e xa empezaban as cadeas humanas, que se mobilizaban tamén en barrios próximos como A Florida, Navia ou Samil, en especial na Avenida de Europa.
«Houbo unha absoluta descoordinación cos distintos corpos, agás cos municipais. Desde as estruturas que terían que organizar a emerxencia, non existiu coordinación ningunha. Máis ben unha saturación absoluta. Estábamos totalmente desconectados, sen posibilidade de informarnos ou de informar. Din que activan cousas pero que son desde o papel, non chegan a ser orgánicas, non se traslada nunca á realidade», valora Miguel Ucles, bombeiro do parque de Vigo e presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia.
Dous conatos no centro da cidade acabaron por desatar o medo entre os vigueses: un lume na Praza de España, na finca dunha vivenda particular, e outro na zona do Castro, pegado a unha escola infantil. Ninguén se sentía a salvo nesas horas. Decenas de veciños saíron dos edificios próximos con cubos, botellas de auga, mangueiras, incluso extintores, ineficaces ao aire libre. Todos buscaban como axudar a combater o inferno que se aveciñaba. No lume localizado na rúa San Amaro, conseguiron evitar un mal maior.
«De noite ardeu nesta finca abandonada e se non é pola resposta dos veciños tería chegado á miña casa», conta Jean Marc asomando por unha escaleira no muro da súa casa. «Nun momento a xente empezou a organizarse e conseguimos apagalo, logo prendeu un pouco na finca do lado e igual. Cando chegaron os bombeiros, a xente xa conseguira controlar o lume», relata este veciño, que decidiu escribir unha mensaxe no muro da súa vivenda para agradecer a axuda recibida.
«Se miras un mapa das zonas queimadas e un da dirección do vento, miras que foi exacto. O vento condicionaba a viralización do lume, incluso dentro da cidade, que sumado ás altas temperaturas e á baixa humidade facían desta unha situación ideal. Pero as cousas graves non pasan de golpe, son unha cadea de consecuencias. Se non tes capacidade preventiva, a situación vai a máis. E agora o famoso cinto verde de Vigo é negro. Non houbo unha política forestal axeitada e ardeu dunha forma dramática. Temos o exemplo da Madroa, onde foi posible contelo pronto. Alí a comunidade de montes leva tempo na recuperación de especies autóctonas. Aí se mira a resistencia dun bo desenvolvemento forestal».
A 40 quilómetros, Baiona foi outro dos principais focos incendiarios que sufriu o sur da provincia de Pontevedra, quedando atrapada baixo un ceo de cor vermella intenso por culpa das chamas, que rodeaban todo o pobo. Foron 24 horas de desesperación, dende que se iniciou un primeiro foco sobre ás 07:30 horas da mañá nos arredores da Virxe da Roca, espazo que ardeu ao longo de toda a mañá e que se levou por diante toda a saia oeste do monte, en dirección ao rompeolas, afectando tamén o Instituto Primeiro de Marzo e o Hotel Rompeolas.
Juan foi uns dos veciños que estivo axudando na extinción deste foco, que quedou controlado sobre as 13:00 horas e apagado definitivamente dúas horas despois, grazas á participación dunha brigada da Xunta e dúas motobombas, o GES de Val Miñor, operarios municipais e a axuda dos veciños, que xa empezaban a dar conta do que é un pobo unido. «É unha pena enorme. Ver o monte queimado, patético», declara, «pero é un orgullo ver o traballo do pobo. Un verdadeiro orgullo», engade.
Juan conta que só recorda unhas horas de descanso. Sen recoller o material empregado para a extinción do primeiro foco é coñecedor dun novo, esta vez na parroquia de Baíña, preto da casa de Montes. O vento do sur que sopraba dende primeira hora da mañá causou que as chamas se propagasen ao punto limpo en dirección noroeste alcanzando as urbanizacións de Maclas e Estelas. Foi aquí onde se viviron momentos de moita tensión. David, outro dos veciños que dispuxo a súa axuda para a protección do pobo afirma que «hai imaxes que non se lle esquecerán na súa vida».
Os focos foron propagándose por diferentes puntos de Baiona, como no barrio da Anunciada que chegou a unirse ao das Maclas expandíndose cara ao Cuartel da Garda Civil e o barrio de Covaterreña, poñendo en perigo as vivendas da zona. «Tivemos que crear devasas no momento ao redor dos muros das vivendas. Foi unha situación descontrolada que se salvou grazas ao traballo en equipo de todos os veciños de Baiona, que, sen importar a idade ou a familia, loitaron contra o lume como os que máis», declara David.
Caía a noite en Baiona, aínda que era unha noite adiantada, xa que a invasión de fume deixaba ao pobo sumido nunha auténtica escuridade tinguida de cinza gris. «Andábamos todos como polos descabezados, dun lado para o outro, sen parar», conta Juan, que á tardiña tivo que desprazarse cara o Parador de Baiona con extintores, por mor dunhas árbores que ardían incandescentes fronte á praia da Concheira, deixando parte da muralla queimada.
A esas horas o pobo xa estaba desesperado, a situación parecía que non tiña control e moita xente tivo que desprazarse ata o Pabellón de Deportes por mor de crises de ansiedade e falta de osíxeno. «Nese momento tiña moita indignación, pero realmente nos momentos máis críticos sempre aparecían efectivos para axudarnos a nós, a xente de Baiona», engade Juan.
O lume seguiu propagándose a medida que avanzaba a noite, e ademais de achegarse cada vez máis ás vivendas, tamén o facía cara a naves industriais, almacéns municipais e o Restaurante Paco Durán, que viviu un dos momentos de maior tensión, debido a un depósito de gas que almacenaba situado a escasos metros do incendio.
«Isto non é unha casualidade, é un tema intencionado cunha magnitude moi grande», declara Anxo Rodal, alcalde de Baiona. «É unha situación tremendamente especial, nunca se formou un incendio tan pegado ás casas de Baiona. Síntome moi orgulloso do pobo e do labor que fixo», engade.
Ben entrada a noite, o lume seguiu pasando a vila, alcanzando a parte alta de San Antón, unha zona residencial, onde os veciños non deixaron de poñer barreiras ao lume que se achegaba ás súas vivendas. Unha auténtica historia de terror que traspasou o merendeiro e despregouse ata o monte da Roca abrindo así un novo franco cara o oeste, uníndose co lume que se volveu a xerar na zona da Roca.
Diferentes efectivos actuaron nos distintos focos orixinados no pobo de Baiona. Entre eles, contaron con dúas brigadas da Xunta, un camión de bombeiros do GES Val Miñor e outro de A Guarda, un hidroavión e un helicóptero, entre outros. Tamén hai que dignificar o traballo dos operarios de Protección Civil que non deixaron sós en ningún momento a cidadanía voluntaria que loitou contra o lume. Por sorte, Baiona é un dos sitios que non ten que lamentarse por perdas persoais e materiais; si pola perda dun monte verde que o rodeaba de leste a oeste e que quedou completamente calcinado.
E de súpeto, a choiva de cinzas e muxicas converteuse nunha poalla débil que axudaba de algún modo a refrescar a zona. Nunca unha choiva foi tan esperada, aínda que fora débil. Nunca tanto toda Galicia pediu que seguise chovendo. No século XXI, e agardando aínda que as solucións veñan do ceo.