O «non» a Altri toma vantaxe sobre a Xunta co veto á conexión eléctrica da macrocelulosa

A Coruña.- O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, adiantou este luns que o Goberno de Pedro Sánchez excluirá a macrocelulosa que a multinacional portuguesa Altri quere construír en Palas de Rei da Planificación da Rede Eléctrica 2025-2030. A decisión supoñería un novo obstáculo á viabilidade do proxecto e fai aventurar que os opositores ao mesmo están a tomar vantaxe sobre os seus defensores, liderados pola propia Administración autonómica e o PP, xa que o veto impediría na práctica que Altri dispoña da subestación eléctrica coa que contaba para garantir a subministración de enerxía á súa planta.

O Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, a quen compete a citada planificación estatal e cuxos responsables teñen previsto reunirse este martes con enviados do Goberno galego, non confirmou nin desmentiu o anuncio de Gómez Besteiro. Pero o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, si o deu por válido para criticar o Executivo de Sánchez.

O líder dos socialistas galegos asegurou nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia que o Goberno non incluirá a Altri entre os proxectos do plan co que deseñou a ampliación da rede de subministración eléctrica dos próximos anos: «Para que Altri poida funcionar necesita esa conexión, e sen ela o proxecto non se pode manter en pé», dixo Gómez Besteiro, para lembrar que se trata do terceiro «non» que o Executivo de Sánchez deu á multinacional papeleira, tras a súa exclusión dos proxectos para a recuperación e transformación económica (Perte) e das axudas europeas para financiar a construción da macrocelulosa. Altri prevía un investimento duns mil millóns de euros, dos que pretendía obter entre un 20% e un 25% mediante subvencións comunitarias directas da UE e do Estado español.

A vicepresidenta do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, presentou hai dez días as liñas mestras da súa proposta de planificación da rede de transporte de electricidade 2025-2030, que prevé un investimento de 13.590 millóns de euros en infraestruturas enerxéticas ata o final da década. O plan está dirixido a cubrir as novas necesidades de subministración, cun aumento de 30 gigawatts da potencia instalada nos próximos anos e 422 novas conexións á rede para repartir entre a electrificación de portos e redes ferroviarias, os desenvolvementos urbanísticos residenciais, a produción das plantas de hidróxeno verde, o consumo dos grandes centros de procesamento de datos e os novos proxectos industriais, que terían prioridade sobre o resto e que absorberían preto de nove megawatts. Altri, segundo adiantou Besteiro, non estará, con todo, entre eles.

Necesidades enerxéticas

A empresa que dirixe José Soares de Pina estima que a súa actividade –a pleno rendemento fabricará 600.000 toneladas de pasta de celulosa e de pasta de tecido lyocell– precisa unha potencia instalada de 110 megawatts, que obtería en parte da produción propia a través da queima de biomasa, de turboxeneradores na propia factoría e dun central de gas anexa. De feito, para asegurar o desenvolvemento desas infraestruturas enerxéticas e para a cobertura das súas necesidades loxísticas e financeiras, Altri asociouse en Galicia coa compañía Greenalia e, en colaboración coa Xunta e con Abanca, coa eléctrica Naturgy e a gasista Reganosa no consorcio público Impulsa Galicia.

O proxecto da celulosa levantou unha soada contestación social, especialmente despois de que a Consellería de Medio Ambiente emitise o pasado marzo a autorización ambiental da factoría baseándose en informes que, segundo denunciou entón o Bloque Nacionalista Galego, foron redactados por funcionarios que os terían asinados baixo presión, e que aceptaban medidas de protección paisaxística e ambiental propostas por Altri consideradas polémicas e pouco convincentes segundo os seus detractores, como pintar de verde unha cheminea de máis de 75 metros que se situará a escasos centenares de metros do Camiño de Santiago.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro / Foto: PSdeG

Apenas un mes despois daquela declaración, en abril deste ano, o Goberno anunciou que Altri quedaba excluída dos Perte de descarbonización –a firma portugesa quería acollerse aos fondos destinados a reducir as emisións de CO2 a pesar de que admitiu que a súa fábrica emitirá cada ano ata 60.000 toneladas de CO2–, o que a privou dos 30 millóns de euros de axudas comunitarias aos que optaba. Con respecto aos outros 250 millóns que a compañía pretende obter dos fondos Next Generation da UE, a Comisión Europea advertiu que están destinados a proxectos que poidan ser executados antes do 31 de marzo de 2026, un prazo demasiado curto para a macrocelulosa.

Pouco despois, a principios de xuño, o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, dirixiuse por carta a Alfonso Rueda interesándose polo impacto que tería a fábrica sobre o patrimonio histórico e artístico da Ulloa e especialmente do Camiño de Santiago, e para ofrecerlle un encontro entre técnicos da Xunta e o seu departamento para analizalo. Na súa misiva, Urtasun insinuaba a súa oposición e a de Sumar ao proxecto ao referirse tamén á súa afección sobre a saúde da poboación, sobre os ecosistemas da zona e sobre sectores esenciais da economía da comarca como o turismo, a agricultura, a gandería e o sector relacionado coa produción de alimentos ecolóxicos.

Sen resposta

Luzes-Público dirixiuse ao Ministerio de Transición Ecolóxica para confirmar o anuncio de Gómez Besteiro sobre a decisión de non incluír a Altri nos plans de ampliación da rede de subministración, pero o departamento de Sara Aegesen non respondera á hora na que se terminou de redactar este artigo. Tampouco o fixera Greenfiber, a empresa que asocia a Altri e a Greenalia e titular xurídica do proxecto de macrocelulosa.

Tampouco se pronunciou a Plataforma Ulloa Viva, que agrupa a contestación veciñal na Ulloa. Pero si reaccionou a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa –as augas contaminadas por Altri baixarán polo río Ulla ata ese estuario se a fábrica chega a entrar en funcionamento–, cuxo portavoz, Xaquín Rubido, valorou «positivamente» a decisión á espera de coñecer a súa redacción concreta. «Temos que ver en que requisitos económicos e ambientais está baseada», explicou.

Pola súa banda, Alfonso Rueda criticou que o anuncio da exclusión de Altri dos plans de ampliación da rede eléctrica do Goberno «a fixo un deputado do terceiro partido do Parlamento de Galicia», en referencia a Gómez Besteiro, e alegou que a promesa do Executivo de basear as súas decisións sobre a factoría en criterios técnicos «era mentira».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail