Prólogo (Incels 1)

PRÓLOGO

(Nota: Pola propia natureza do tema este artigo e os que seguiren por forza terán que falar de violencia machista, misoxinia, violencia sexual, abuso e outros asuntos sensíbeis.)

Pasada a unha do mediodía do 23 de abril de 2018 Alek Minassian, un estudante canadiano-armenio de 25 anos enfilou unha furgoneta Chevrolet alugada en dirección sur-suroeste pola rúa Yonge, no centro de financeiro de Toronto. A media rúa montou o vehículo sobre o paseo e comezou a acelerar, acometendo e atropelando ducias de persoas.

A través de diferentes rúas e prazas, Minassian perseguiu peóns a toda velocidade e con clara intención homicida. A policía canadiana detivo o condutor 10 minutos despois, pero para entón o número de vítimas mortais ascendía a 11 e as feridas de gravidade a 15. Unhas horas antes de montar no carro Minnassian publicara a seguinte mensaxe no seu Facebook:

«Aquí, o soldado de Infantaría (Recruta) Minassian 00010, establecendo comunicación co Sarxento 4chan. C23249161. A rebelión Incel comezou! Derrotaremos todos os Chads e Stacys[sic]! Gloria ao Cabaleiro Supremo Elliot Rodger!».

Nas últimas semanas, nalgunhas columnas da prensa estatal apareceron retratos, tan benevolentes e empáticos como descontextualizados, dos chamados incels no contexto das «guerras culturais» e da progresiva dereitización da opinión pública. De confiarmos neles, pensariamos que os incels (portmanteau de INvoluntary CELibate, célibe involuntario) son pobres raparigos, na maioría virxes, incapaces de toparen moza ou estableceren relacións románticas por mor dunha crise sistémica da masculinidade tradicional.

Nas últimas semanas, nalgunhas columnas da prensa estatal apareceron retratos, tan benevolentes e empáticos como descontextualizados, dos chamados incels no contexto das «guerras culturais» e da progresiva dereitización da opinión pública.

Dependendo da intención de quen teña escrito o texto poderiamos chegar a culpar o feminismo ou as mulleres en xeral da exclusión sentimental que sofre esta comunidade e entender o apelativo incel como un termo de escarnio escollido para ridiculizar persoas vulnerábeis. Porén, desde esa perspectiva sería difícil explicar por que The American Southern Poverty Law Center (unha prestixiosa entidade que monitoriza os grupos de odio nos Estados Unidos e tamén a nivel internacional) cualifica esta subcultura como «parte do ecosistema online do supremacismo masculino», incluíndoos no seu observatorio de grupos de odio, ou por que esta ideoloxía está ligada directamente con oito asasinatos en masa nos EUA e Canadá, sumando até 61 persoas mortas, na maioría mulleres, nos últimos 20 anos.

Fotograma da longametraxe «Inside The Secret World of Incels», cunha fotomontaxe protagonizada por Elliot Rodger | BBC.

O termo incel non pode ser entendido de xeito literal, como o descritor dun estado afectivo-sexual, pois demarca unha posición ideolóxica nacida da misoxinia militante, ademais do establecemento de relacións de retroalimentación online e un extenso vocabulario secretista que asemella cada vez máis a terminoloxía deseñada polas seitas e que ten evoluído para reforzar a exclusión dos individuos que o empregaren. Palabras como braincel, femoid, blue-red-black pill, cock carousel ou The Wall non queren tanto describir a experiencia vital de individuos solitarios como estableceren un marco ideolóxico que procura a mudanza (conservadora, machista e en moitos casos neofeudal) da sociedade. Por desgraza, parte deste vocabulario, como o uso do termo chad para describirmos un individuo con características físicas, intelectuais ou sociais especialmente desexábeis, ten entrado no léxico habitual de Internet, normalizando parte da ideoloxía que o enxendrou.

Palabras como braincel, femoid, blue-red-black pill, cock carousel ou The Wall non queren tanto describir a experiencia vital de individuos solitarios como estableceren un marco ideolóxico que procura a mudanza (conservadora, machista e en moitos casos neofeudal) da sociedade.

O cualificativo incel tampouco é un exónimo, mais un xeito de autodenominarse xurdido organicamente nas comunidades online e cara ao que teñen orbitado diferentes etoloxías de individuos durante as últimas décadas. Teñen como denominador común esa misoxinia militante e unha forte tendencia para a radicalización. Tanto é así que os grupos incels viraron o caladoiro favorito da ultradereita americana, servindo como campo de recrutamento para a alt-right, as campañas misóxinas do Gamergate e o Trumpismo, como explica moi ben J.Green no seu libro de 2019 Devil’s bargain. Ademais, estas relacións non son unidireccionais, existindo unha complexa rede de retroalimentación entre grupos de «loita polos dereitos masculinos», anti-feministas, ultradereita tradicional e alternativa e colectivos relixiosos como os TradCat, que performan un catolicismo mediático à la américaine como xustificación para promoveren unha visión conservadora da sociedade.

Se callar, poderíase argumentar que toda esta información é o suficientemente escura como para xustificar a pretendida ignorancia dos autores destes artigos dos que falaba ao comezo do texto. Con todo, a realidade é que esta resulta facilmente accesíbel e foi o foco de numerosas análises durante o último lustro, especialmente logo de cada masacre machista perpetrada por individuos ligados con esta ideoloxía. Para entendermos a motivación tras estes artigos apoloxéticos cos incels, é imprescindíbel sabermos que desde o 2021 estas comunidades están inmersas nun proceso de normalización e lexitimación e que no camiño contan coa colaboración de xornalistas, académicos e figuras políticas interesadas en combateren o progresismo, o feminismo e os seus propios inimigos políticos.

Para entendermos a motivación tras estes artigos apoloxéticos cos incels, é imprescindíbel sabermos que desde o 2021 estas comunidades están inmersas nun proceso de normalización e lexitimación e que no camiño contan coa colaboración de xornalistas, académicos e figuras políticas interesadas en combateren o progresismo, o feminismo e os seus propios inimigos políticos.

Esta nova proliferación da propaganda incel, agora tamén na nosa contorna, xustifica unha serie de artigos que contextualicen esta comunidade e que resuman dalgún xeito o seu proceso evolutivo, a súa ideoloxía e a súa relación co contexto amplo da Manosphere (algo así como a «Homesfera», os grupos semiorganizados de misoxinia online) e como esta ten derivado nunha cultura que enxendra e glorifica asasinos machistas con toda a iconografía dos santos. No camiño quero deixar unha visión ampla que permita ver a súa profunda relación coa ultradereita americana ou vellos odios como o antisemitismo.

Paradoxalmente, para comezarmos esta viaxe de investigación dunha comunidade de persoas que din estar permanentemente excluídas do «mercado sexual» (sic), incapaces de topar parella e ter relacións íntimas, temos que comezar falando dos «artistas da sedución».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail