Sanidade dá cita para decembro do 2022 a unha muller de noventa anos para retirarlle unha escaiola

A paciente está adscrita ao hospital do Barco de Valdeorras, en Ourense, onde sanitarios e pacientes levan anos denunciando a precariedade de medios humanos e materiais e as «insoportables» listas de espera polos recortes da Xunta de Feijóo

A Coruña.- O Servizo Galego de Saúde (Sergas) citou para decembro do 2022 a unha muller de noventa anos á que debe retirar a escaiola que lle puxeron a principios deste mes tras sufrir unha fractura no pulso da que foi tratada nun hospital de León.

A muller está adscrita ao hospital do Barco de Valdeorras, (Ourense), onde médicos, pacientes, familias, sindicatos e partidos da oposición ao PP levan anos denunciando a precariedade dos medios humanos e materiais nos que Xunta de Alberto Núñez Feijóo deixou á sanidade pública da comarca.

De feito, o PSOE acaba de presentar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que urxe ao Goberno autonómico a reforzar urxentemente o servizo de traumatoloxía da área sanitaria de Ourense para eliminar «unhas listas de espera insoportables e intolerables».

A paciente sufriu unha caída fortuíta o pasado 1 de setembro mentres pasaba as súas vacacións en León. Acudiu ao servizo de urxencias do Complexo Asistencial Universitario desa cidade, onde lle diagnosticaron unha fractura de radio e enxesárona, e onde unha semana despois lle fixeron unha primeira revisión.

Tras esa visita, o médico que asinou o seu informe recomendoulle que, á volta das vacacións, acudise ao seu centro de referencia en Galicia para que o día 24, é dicir este mesmo venres, procedesen a comprobar que a fractura xa estaba soldada para, no seu caso, retirarlle a escaiola.

Unha vez no Barco, o pasado día 17, o médico de atención primaria estendeulle un volante para o especialista con este texto: «Rogo citación de paciente que segundo informe oficial do hospital de León debe ser valorada por trauma o 24 deste mes». Cando levou o papel ao servizo de citas, o Sergas emprazouna a volver aos quince meses: o 19 de decembro de 2022 ás 11.20 da mañá.

«Sería para rir se non se tratase dunha persoa de noventa anos, explican os seus familiares, que engaden que a situación non pode atribuírse a un erro administrativo, senón á lamentable situación na que os recortes da Xunta deixaron á sanidade pública galega, e en particular aos pequenos hospitais comarcais.

O hospital de Valdeorras / Foto: Street View

«Hai uns anos había catro traumatólogos, pero agora só hai un e está desbordado», apuntan. «Afortunadamente nós estamos pendentes dela e podemos axudala, pero non queremos nin pensar o que podería pasar se se tratase de anciá que viva soa e non teña quen a apoie», engaden.

Luzes-Público acudiu á Xunta para pedirlle que explique as causas da demora en citar á paciente. Fontes da Área Sanitaria de Ourense indicaron que ao Servizo Galego de Saúde «non lle consta» a situación da muller, pero que, en calquera caso, trátase «dun erro».

A portavoz de Sanidade do PSOE no Parlamento de Galicia, a ex deputada no Congreso Marina Ortega, esixiu á Xunta que poña o problema «no centro da súa xestión para darlle unha solución efectiva canto antes», tendo en conta que Ourense «é unha das provincias máis envellecidas do país e por tanto con máis poboación susceptible» de ser usuaria dos servizos de traumatoloxía.

O pasado día 20, a xunta de persoal do hospital comarcal de Valdeorras, adscrito ao área sanitaria de Ourense, acordou convocar unha manifestación en protesta polas carencias do centro, que se atopa, ao seu xuízo, nunha situación «crítica» debido á «dramática falta de profesionais e á desaparición ou mingua de servizos clínicos».

Esa descapitalización provoca, segundo denuncian os profesionais, «inaceptables listas de espera con tempos de catorce meses de demora para consultas» como a que, por exemplo, precisa a muller de noventa anos para que lle retiren a escaiola. A Xunta de Persoal asegura que no distrito sanitario de Valdeorras danse numerosas «situacións de descuberto de profesionais, de centros de saúde indignos e de faltas de respecto a os dereitos dos pacientes e dos profesionais».

Tamén denuncian que a falta de facultativos no hospital comarcal impide en moitas ocasións trasladar en ambulancias medicalizadas desde O Barco a Ourense a enfermos críticos que deben ser tratados nese centro, que conta con máis medios, xa que teñen que ir acompañados dun médico que, á súa vez, debe deixar desatendido o hospital de Valdeorras durante o tempo de ida e volta do traslado.

Iso provocou que o Sergas estea a contratar ad hoc a facultativos por horas para viaxar ao Barco en ambulancia cando xorde unha urxencia que non se pode atender por falta de medios no centro da localidade, coa demora e o risco que iso supón cando se trata de pacientes críticos. Polo menos dúas persoas morrerían neses traslados, unha por un infarto de miocardio e outra por un accidente cerebrovascular.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail