Dos tempos heroicos

A esquerda adoita ter unha relación ambivalente co mito. Por unha banda, a súa natureza crítica coa ideoloxía como falsa conciencia lévaa a non deixar pedra sobre pedra a respecto de toda mitificación. Pola outra, a vontade de mobilizar masas e de converterse nun axente histórico condúcea a alimentar incesantemente a súa propia épica prometeica.

Reboiras. O camiño da rebeldía (Aira, 2021), escrito por Xurxo Martínez e Xosé Manuel Pereiro, asume a tarefa nada fácil de regresar a un mito: o mito de Moncho Reboiras, militante da UPG asasinado a balazos polas costas pola policía franquista en 1975. Unha aproximación á época e ao personaxe a un tempo desmitificadora e fundadora dunha nova épica máis abranguente.

Os irmáns Reboiras, coa nai, no bar familiar en Teis. Foto Arquivo M. Reboiras

Escrito cun estilo áxil e, por veces, mesmo trepidante (p. e. a descrición da fuxida da policía, desde o piso que compartían, de Elvira Souto e Lois Ríos a través da fiestra da vivenda veciña e de Reboiras a través dos tellados), no libro aparece con claridade, para quen estea familiarizado coa escrita de Xurxo Martínez e de Xosé Manuel Pereiro, o carácter dual do que falabamos a través dun equilibrio virtuoso entre o rictus épico propio de Xurxo e o aceno retranqueiro de Pereiro. Ambas voces mestúranse nunha soa que actúa coma un Cicerone que nos guía a través duns feitos destilados das entrevistas realizadas a unha pluralidade de voces composta polos principais protagonistas vivos dos acontecementos.

Manolo Reboiras coa camisa que levaba seu irmán Moncho cando o mataron, e na que se aprecian os disparos. Arquivo de M.Reboiras

No que ten de desmitificador, o libro preséntanos un Ramón Reboiras Noia humanizado. A súa infancia como inmigrante desde Imo a Teis, do rural á cidade. Os días no bar da nai vendo, canda o seu irmán, como xantaban e falaban os traballadores de Vulcano. O pai embarcado, como embarcado estará cando reciba a nova da morte do seu fillo. Os estudos no Santa Irene e en Peritos Industriais. O primeiro contacto co Padre Seixas, que prefigurará a importancia doutros cregos, coma Moncho Valcarce ou monseñor Araúxo Iglesias, na loita antifranquista.

Xosé Ramón Reboiras, en Herbón. Foto Arquivo M. Reboiras

No apartado épico, o libro describe con paixón a heroicidade daquel grupo de rapaces e rapazas (Xosé González, Margarita Ledo, Xosé Manuel Pavón e moitos e moitas outras) que, coa súa hiperactividade, conseguiron facer crer que a UPG «estaba en todas partes». Unha xeración que, practicamente da nada, puxo a andar unha organización resistente nos estertores do franquismo conseguindo establecer dúas grandes bases territoriais: Vigo e Monforte de Lemos (casualmente, ou se cadra non, os lugares de nacemento dos autores da biografía).

Unha das primeiras octavillas da UPG. Reboiras (Aira, 2021)

Nárrase no libro a tarefa colectiva que conduciu ao artellamento do nacionalismo político galego moderno. Primeiro a partir das asociacións culturais, de enorme importancia, e, despois, mediante o esquema de frontes: armada, cultural, sindical…. Unha arquitectura orgánica que, en tempos de alta mobilización popular e obreira (folgas de 1972 en Ferrol e Vigo), conseguirá facer sombra á estrutura do PCE. Neste sentido, como sinala Xosé González, Pepiño de Teis, a propósito da adopción do slogan vietnamita «por unha cultura nacional popular galega», entendíase a cultura «como forma de cohesión e como pasarela para captar xente. Isto non o tiña o PCE e nós si». Ademais, a fronte sindical porá o xerme do que, con certeza, constitúe o maior éxito do nacionalismo galego contemporáneo: crear unha central sindical obreira de masas.

Zulo nos arredores de Monforte. En Reboiras (Aira 2021)

Entre as liñas interpretativas novas que ofrece o libro destaca a relativización da da relación UPG-ETA. Tanto no que ten que ver coa colaboración política (o episodio dos militantes vascos en Lugo é a un tempo revelador e chocante), coma no que atinxe ao subministro de armamento. A este respecto, fica claro, cando se narran as arriscadas e cómicas pasaxes clandestinas do río Miño con destino ao Porto, o papel decisivo que xogaron os contactos en Portugal para dar acubillo aos militantes e para dotarse das poucas armas coas que contaban; fornecidas, fundamentalmente, pola Liga de Unidade de Acção Revolucionária (LUAR). «Armas sen numerar fabricadas en Checoslovaquia», lembra Méndez Ferrín. Fica tamén clara, cómpre sinalalo, que noción de loita armada profesaban na UPG. Así, a acción mediante á que se pretendía expropiar ao cobrador da Fenosa en Vigo abórtase dada a negativa a disparar sobre aquel home, remiso a entregar os cartos, que espernexaba deitado no chan da Praza de Compostela.

Borrador de programa de Goberno da UPG. Arquivo X.M. Crego

A capacidade de sacrificio deste grupo de persoas, a ética militante que practicaban, malia a precariedade a todos os niveis na que se movían, sorprende vista desde o presente. Ben é certo que algúns dos que se mencionan derivaron cara posicións conservadoras (Pedro Luaces, quen rematará no PP), cando non reaccionarias. Sobre este particular resulta curiosa, por exemplo, a aparición do inefable Pío Moa, personaxe pioneiro do revisionismo histórico auspiciado pola FAES que hoxe florece entre a estrema dereita española. Moa acusaba daquela á UPG de ser unha organización «pequeno-burguesa» e induciu a un grupo de militantes a que se integrasen na Organización Marxista Leninista de España (OMLE), antecedente do PC(R) e os Grapo. Outro tanto sucede coa figura de Roberto Rey quen, moito despois, fundará unha asociación en defensa do castelán en Galicia, antecedente de Galicia Bilingüe e tutti quanti.

Ficha policial de Xosé González, Pepe de Teis. En Reboiras (Aira, 2021)

Daquel feixe de militantes da UPG queda a memoria do seu espírito de entrega. Tanto máis valioso canto tiña lugar no contexto dunha ditadura que mutará matando. Xente disposta a defender a causa da liberdade nacional e da equidade social co seu corpo. Se hoxe o soberanismo galego, entendido en sentido amplo, é unha constelación de organizacións que encarnan a continuidade dunha tradición política emancipadora se debe, en gran medida, aos esforzos daqueles homes e mulleres. Por poñelo nas palabras de Francisco Rodríguez que pechan o traballo: «Por iso está isto en pé. En certa medida, estase vivindo de rendas».

 

Recepción en Monforte aos presos amnistiados. No público, Salera Goy, Xosé Manuel Pavón e Antón Arias Curto. En Reboiras (Aira, 2021)
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail