O debate sobre o estado das eleccións

«tremendo titular: Belgica necesita mas meses que Irak para formar gobierno».

Pedro Sánchez, @sanchezcastejon. 17 de febreiro de 2011.

(A ortografía é súa…).

Se, ao final, Pedro e Pablo tivesen chegado a algún tipo de acordo de goberno, Sánchez estaría hoxe, presumiblemente, encetando unha sesión de investidura que remataría pasado mañá mércores, xusto cando no Pazo do Hórreo ten que comezar o debate sobre política xeral a.k.a. o debate sobre o estado da autonomía (DEA).

Teño que confesar que, cando ese debate se celebra no Congreso dos Deputados, o subconsciente sempre me traizoa e penso que, en realidade, os representantes da soberanía popular van discutir sobre o Estado da nación (Española, enténdase, que falamos da Carrera de San Jerónimo) e sobre se, por exemplo, cabe a posibilidade de convertelo en federal, confederal ou mesmo permitir hipotéticos referendos de autodeterminación. Pero non, o debate nunca dá para tanto e adoita quedar nunha confrontación de ideas tan minúscula como a letra inicial do único estado sobre o que se pode dialogar, ese que a Academia recolle como «situación ou condición en que se atopa unha persoa ou cousa, naqueles aspectos que son susceptibles de cambiar». Se se lle pon a maiúscula, semella que susceptible de cambio xa non hai nada…

Alberto Núñez Feijóo nun pleno do Parlamento de Galicia.

No medio de tanto prognóstico sobre a repetición de eleccións, quen acertou de pleno foi o PPdeG, máis deGá ca nunca dende que Feijóo e os seus insisten en marcar distancias con esa liña do partido que representan as tres «Ca»: Casado, Cayetana e Almeida. Os populares –galegos– tiveron claro dende o primeiro momento que non habería investidura e, así, o DEA podería celebrarse nun período de precampaña marcado pola interinidade, o bloqueo institucional, a inestabilidade e todas esas cousas que en Galicia non temos grazas á maxia da maioría absoluta, como Feijóo ben se encarga de lembrar en todas partes, tanto en Madrid como en Polonia como na Arxentina, onde aínda resoaban eses rotundos «gallegos del orto» que dedicaron a unha selección de baloncesto na que, tecnicamente, non había ningún.

Gonzalo Caballero intervindo desde o seu escano no Parlamento de Galicia.

Se a Feijóo lle funciona a estratexia, no Parlamento non se falará tanto da súa xestión na Xunta como dos paus que o goberno socialista lle pon nas rodas para dificultarlla. Gonzalo Caballero, tras o seu breve bautismo de fogo na primeira sesión de control deste período de sesións, verase así obrigado a xogar ao contraataque, defendéndose de golpes que lle van asestar a el na cara de Pedro Sánchez, no canto do que lle gustaría: actuar como aguerrido líder da oposición, o aspirante capaz de levar ao campión contra as cordas.

Ana Pontón na rolda de preguntas ao presidente dunha sesión plenaria.

Dese fracaso socialista, Feijóo pode facer copartícipe aos brand new Comúns. Por iso Antón Sánchez, por moito que lle chegue a molestar a melena, evitará recollela nunha coleta que poida lembrar á de Pablo Iglesias. Ana Pontón terá que demostrar que o acontecido hai tres anos, no debate electoral da TVG, non foi un espellismo e está en condicións de dar unha resposta moi por riba da súa representación parlamentaria, mentres Luís Villares confiará en que os deputados non aproveiten a súa intervención para iren ao baño ou chamar por teléfono…

Comparecencia de Antón Sánchez.

A un ano exacto das autonómicas, o primeiro acto oficial da precampaña está listo para alzar o pano. Pero todo o que aconteza no Hórreo corre o risco de quedar borrado dun golpe o 10N. As eleccións galegas terán ese día algo moi parecido a unha primeira volta… ou a unha segunda primeira volta.

Luís Villares na tribuna de oradores do Hemiciclo.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail