Pirómanos e incendiarios

Cando chega o estío e comezan os incendios, regresa o tópico do pirómano. É unha das figuras máis asentadas no imaxinario colectivo. A idea dunha tara mental que suxire un perigo sempre enorme fascina, xa que o medo ao lume é común a todos nós. Segundo o Manual Diagnóstico e Estatístico dos Trastornos Mentais, a piromanía é un trastorno do control dos impulsos consistente na provocación deliberada e repetida de incendios nos que se experimenta unha tensión ou excitación previa ao lume; de pracer, alivio ou gratificación ao provocar e contemplar o incendio.

É importante ter presente nisto que non é piromanía a provocación do lume por vinganza, ganancia económica, activismo político e trastorno psicótico. De feito, polo que atinxe a esta última causa é importante sinalar tamén que na piromanía non existe outra enfermidade mental que explique mellor a pulsión incontrolábel. Isto é, mesmo sendo concurrentes outras enfermidades mentais, o que provoca o incendio é a piromanía e non a esquizofrenia, o trastorno bipolar, etc.

Daquela, a piromanía éche un fenómeno ben real e os pirómanos (maioritariamente homes novos e mesmo adolescentes) calcúlase que provocan entre un 2% e un 8% dos incendios, segundo as fontes. Os seus efectos poderíanse, en certo modo, considerar como parte das causas «naturais», na mesma medida en que é unha enfermidade mental que non é optativa para quen a padece. Engadidos ao 3% das causas naturais (tamén moi minoritarias) chegariamos a un 11%, un 19% segundo as dubidosas estatísticas de maior alcance. O resto é lume por causa humana, tanto se é intencional (moi maioritaria) coma se é accidental.

Non caben escusas, pois. Temos que recoñecer que o que provoca os incendios é un modelo económico que non protexe o territorio da acción humana e que aquí as políticas públicas son a clave do que acontece. Por unha banda, porque temos unha lexislación para a que queimar o monte é un negocio. Os subterfuxios legais polos que é perfectamente posíbel queimar monte por razóns económicas veñen de feito avalados pola peor evidencia empírica: a porcentaxe de monte queimado por mor de tales razóns. Non caben escusas.

Pola outra, porque desatender as partidas orzamentarias dedicadas á prevención é un elemento fundamental das políticas do PP. Certo é que o goberno central ten o seu e non debería escorrer o vulto. Agora ben, no marco autonómico actual, o PP é responsabel en 13 Comunidades Autónomas da xestión presupostaria. En casos coma o galego, con maioría absoluta; noutros co apoio de Vox. Velaquí a dupla responsabilidade do PP: por xestión directa, mais tamén pola súa política de coalicións.

Ao cabo, non tería o mesmo resultado pactar grandes coalicións cos socialistas (o que inevitablemente produciría outro deseño presupostario), semellante ao que acontece noutros países da nosa contorna, que pactar sistematicamente co negacionismo climático de Vox. Aquí é onde se atopa hoxe a cerna da crise. Gobernos virados cara a un negacionismo climático cuxas consecuencias á vista están.

Os exemplos son tantos que non é que se poida argumentar que son unha medida puntual. É un concepto de relación co territorio en si: a propia de quen só o contempla coma unha fonte inesgotábel de recursos económicos. Cabe preguntarse, con todo, cara a onde imos con estes consumos nun territorio/planeta finito. Este verán superamos con moito o punto no que isto xa non é unha cuestión de «liberdade de ideas», senón de saber cales son as implicacións económicas para o conxunto da sociedade. Quedan dous anos para as eleccións xerais. Un tempo que seguramente non sexa xa abondo para reverter a tendencia. E, porén, hai que intentalo.

O que temos é xa a evidencia do que vén. Unha dereita e ultradereita mobilizadas ao máximo, sen ningún tipo de discurso nin política pública, cun grado de intolerancia contrario aos principios máis básicos da Constitución. Nestes dous anos, Sánchez non pode xogar á desmobilización. Non é cousa de reconstituír o bipartidismo, senón de evitar que o bipartidismo, sistema por defecto do réxime do 78, caia en mans do bipartidismo alternativo, PP/Vox. Ollen para Alemaña!

Coidado con estes últimos, medida do que vén. Pasaron da tendencia á baixa nas enquisas (mentres Trump aínda non gañara e de estar mesmo por baixo de Sumar) a atoparse a só un 7,5% do PSOE, ambos partidos no mellor e no peor resultado da súa tendencia respectiva. Máis unha vez, repetimos, á vista do sen sentido dos incendios: a esquerda perde pola súa falta de proxecto. Nin o bipartidismo é seguro para o PSOE, nin Sumar vai manter o poder institucional, nin Podemos vai servir para facer una «oposición dura», nin os nacionalismos de esquerda van recoller todo este voto e constituír con el unha maioría distinta. Fagan políticas á esquerda, afirmen o seu propio discurso. O bidenismo é a antesala do trumpismo. Non están os tempos para lles dar semellante triunfo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail