A boca da verdade en tempos de incerteza

Unha certeza. A dereita plus ultra levou ao límite a estratexia do shock e acabou en estado de propio shock. Levou a campaña ao «borde do abismo», xogou con lume, e agora non é doado recuar. Ese xogo do lume é vicioso. A dereita toda deixouse descivilizar polo vampirismo extremista, até o punto de que non se sabía ben quen era quen no conto o Drácula negacionista. Outra certeza. A esquerda, como «esquerda das esquerdas», saíu viva, co equipo xustiño para encamiñar unha nova liga de Goberno de coalición progresista. Se é así, o logro sería histórico: consolidar como natural unha experiencia cooperativa inédita, a pluralidade como valor sostíbel, fronte aos toques de cornetín malhumorado dos señores do bipartidismo. E isto ten moito que ver con outra certeza sobranceira a apañar na psicoxeografía electoral do 23 de xullo: fronte ao negacionismo uniformista desta dereita ofuscada, en España a realidade existe. E é unha realidade plurinacional, pluricultural e plurilingüista. Este ecosistema da diversidade é unha garantía de resistencia e vizosidade democrática e non o problema que tanto incomoda non só a políticos senón a intelectuais do pensamento mofento. Aos netos de Cánovas, herdeiros do franquismo e modernos cosmopaletos da barbacoa de Trump. Estas son algunhas das certezas da colleita do 23 de xullo. Un puñado de certezas. Mais o que deixou esta xornada foi moita froita sen madurar. Poucas seguridades e un grande ronsel de incertezas de moi diferente calado e que atinxen a todas as forzas do abano político e ao conxunto da sociedade. Hai moitas correntes dentro do realismo, mais o que cómpre desenvolver neste tempo histórico do Rodo Ibérico é a do realismo incerto. Unha proba desa dominante incerteza é o ocorrido coas enquisas e ese modelo convulsivo de enquisar que chamamos tracking, tan propio da aceleración do Tecnopoder. Esta foi a campaña dos trackings, da demoscopia impaciente, e do estilo brickmanship, aquel que patentou John Fuster Dulles, cerebro da «guerra fría»: «Se tes medo de ir ao límite, estás perdido». Houbo moitos voluntarios esta vez para ir ao límite e máis alá. Tamén no enquisar. Entre tanta incerteza, sempre a favor da dereita, a certeza do voto. O ben que soou o mazo operario escachando o imperioso tracking. De todos os xeitos, de escoller unha certeza da colleita do 23 de xullo, entre tantas incertezas, sería a certeza das certezas. A certeza que xurdiu, como adoita, nunha imprevista incerteza. O que podería pasar á historia das campañas como o factor Silvia. Na mañá do luns 17 de xullo, a unha semana da xornada electoral, o candidato Feijóo entrou arrichado nun set da RTVE como Superfeijóo, o novo campión da «dereita desacomplexada», e saíu do escenario cambaleando como Fakejóo. Que pasou? Non se encontrou con ningún monstro, senón coa boca da verdade. Durante anos, para a política española, Feijóo viña representando un papel moderado, o galego tranquilo, en realidade inspirado no acreditado manual de neofeirante que di: «Paso de boi, dente de lobo, e de cando en vez facerse o bobo». Soubo manobrar coa calidade dun cataventos, e nos medios ou nos mentideiros da Corte podía parecer pola mañá un Kennedy e pola noite un Nixon, ou viceversa. O Cataventos soubo agardar até que detectou o vento a favor, cando Ayuso e os poderes fáusticos decidiron que era a hora de meterlle unha cabeza de cabalo na cama ao voluble Casado. Ese vento tiña un rumbo claro: o da «dereita desacomplexada». O que iso significa hoxe? Non hai outro triunfo que o poder. Cómpre sinalar o inimigo e ir por el. A por eles. A idea de derrogar o Sanchismo era crear un estado de intimidación. E ese foi o obxectivo do único debate. A munición? Un cóctel de todos os eufemismos de mentira. O importante é o como lanzalos. O método apodíctico. Rachas de distorsións que non agardan nin permiten réplica. Que o inimigo lle quede cara de galiña. E esa foi a cara que lle quedou a Sánchez, antes de ser Perro Sanxe. A boca da verdade, o auténtico xornalismo, o factor Silvia Intxaurrondo, desmontou todo o cadafalso apodíctico desaparafusando tres trolas. Moita xente puido decatarse de que o candidato ten unha relación malhumorada coa verdade. Non é doado desfacerse desa identidade. Mais non é unha cuestión persoal, ou só persoal. A dereita non ten o goberno, pero ten moito poder. E ten unha «hexemonía» mediática e traballa, sen escrúpulos, polo dominio «cultural». A esquerda ten que recuperar o recurso da esperanza comunitaria. Hoxe en día semella que ese valor cotiza máis no IBEX 35. Poida que a dereita ofuscada saia cambaleando deste tropezón. Veremos. Polo de pronto, parece que Ayuso xa ten outra cabeza de cabalo preparada para meterlla a Feijóo na cama.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail